A próxima guerra balcánica

Despois de Croacia, Bosnia, Kosovo e a propia Serbia, agora semella tocarlle o turno a Montenegro. As recentes modificacións constitucionais promovidas por Milosevic para perpetuarse na Presidencia iugoslava descalabran a paciencia montenegrina. O presidente desta República, Milo Djukanovic, anunciou o seu boicot ás eleccións previstas para o próximo 24 de setembro, as primeiras na historia iugoslava nas que un presidente poderá ser elixido directamente polos cidadáns. Dende o exterior, o fráxil empeño por evitar unha nova fractura balcánica, cínico ou non, non ten visos de froitificar. A previsible proclamación "unilateral" da independencia montenegrina acabará definitivamente co soño titísta. Anticipábao recentemente o historiador Serbo Rastoder, "a lóxica histórica segue o seu curso e Montenegro é unha etapa máis no proceso de destrucción do proxecto nacionalista serbio". A demora dun cambio político en Serbia podería facilitar o apoio internacional a ese abandono da estratexia de "espera activa" practicada polo goberno montenegrino nos últimos dous anos.

A opción abstencionista vira as costas ós matices. É tal a obsesión por acurtar camiño que ninguén parece estar interesado en explorar as discrepancias sobrevidas no seo da coalición gobernante. Hai uns días, Seselj, o líder da extrema dereita, criticaba no semanario "Nedeljni Telegraf" algunhas actuacións recentes do goberno, dando a entender un distanciamento que podería culminar nunha campaña electoral independente. Eses votos serían importantes para un Milosevic con outros competidores. Pero en Podgorica a decisión está tomada e, ó igual que en Belgrado, con unha oposición en eterno dilema e dividida, moito teñen que mudar as cousas para construír unha alternativa a Milosevic. Con todo, o maior perigo do boicot é que proporciona un novo argumento aos dirixentes serbios para acrecentar a súa interferencia en Montenegro e aproxima a ambas partes a un enfrontamento directo. Non cabe agardar inhibición ou reacción pacífica de Milosevic. Nebosa Medojevic, valedor da independencia de Montenegro, afirmaba a finais de xuño en Berlín que a separación permitirá a Serbia concentrarse nos seus problemas e a Montenegro asumir o cuestionamento do actual goberno reformista e prooccidental, pero instalado nas mesmas prácticas corruptas e perversas que Belgrado. Ninguén se atreve a mentar a guerra, pero os riscos aumentan.