200701 ecuador investidura de rafael correa

A pugna por Ecuador

 Investidura Rafael Correa, clic para aumentar
Esta crise institucional ecuatoriana posúe unha inevitable influencia rexional que obriga a calcular o seu impacto en termos xeopolíticos. Non só está en xogo a posibilidade de instaurar un necesario e novo modelo político e social para Ecuador senón o equilibrio de forzas que inclúe directamente aos seus veciños Bolivia, Colombia, Venezuela, Perú e Brasil, sen esquecer a posible influencia estadounidense. (Foto: Rafael Correa no momento de ser investido como presidente da república de Ecuador, o pasado mes de xaneiro).
 

Semella non existir unha solución para as constantes crises institucionais que vive Ecuador desde 1997. O actual pulso político entre o Executivo e o Lexislativo afirma esta fricción entre dous proxectos de país, sen aparente consenso sociopolítico.

A raíz do conflito semella estar na proposta do presidente Rafael Correa de convocar para o 15 de abril a unha consulta popular sobre a promulgación dunha Asemblea Constituínte que permita "refundar Ecuador", nun proceso similar ao realizado por Hugo Chávez en Venezuela en 1999 e, actualmente, Evo Morales en Bolivia.

O problema para Correa está na súa minoría parlamentaria. As negativas dos deputados da oposición conservadora a aprobar esta petición gobernamental provocaron unha arremetida popular contra o Congreso en febreiro pasado, que se agravaron coa decisión dos deputados opositores de destituír ao presidente do ente electoral, Gustavo Larrea, por convocar para o próximo 15 de abril a esta consulta popular.

O presidente Correa acusou ao Congreso de "quebrar a orde institucional" mentres anunciou unha marcha popular para premer ao Poder Lexislativo. Pola súa banda, os partidos opositores acusan a Correa de "comprar" a deputados independentes para que aproben a súa proposta.

Posteriormente, a decisión do Tribunal Supremo de destituír a 57 deputados por obstruír o proceso electoral aumentou o clima de conflitividade e a sensación de ingobernabilidade. A semana pasada, diversos deputados opositores destituídos tentaron de ingresar á forza no Congreso, motivando fortes enfrontamentos que deixaron a dous deputados feridos.

Ao redor do recinto lexislativo maniféstase esta pugna política. Os deputados destituídos cercan o Congreso xunto a unha forte presenza policial e a concentración de diversos movementos sociais favorables á opción constituínte de Correa, mentres no interior do hemiciclo lexislativo se producen tensos debates políticos.

Para o martes 20 está prevista unha sesión parlamentaria na que o presidente do Congreso, Jorge Cevallos, debe decidir sobre a destitución dos deputados ou permitirlles o seu retorno ao hemiciclo.

Con este escenario, está servido un clima de enfrontamento nas rúas, elemento de gran peso nas recentes crises ecuatorianas, que aumenta os temores de ingobernabilidade. O propio Cevallos declarou que o país "podería chegar ao extremo do enfrontamento civil" e que incluso diversos deputados poderían ser agredidos por manifestantes, no caso de que sexan identificados.

Na mente de moitos están as caídas presidencias de Jamil Mahuad no 2000 e Lucio Gutiérrez no 2005, confirmadas polo poder da mobilización nas rúas e a súa capacidade para confrontar á clase política, principalmente de parte dos movementos indixenistas incluídos na CONAIE.

Esta crise institucional ecuatoriana posúe unha inevitable influencia rexional que obriga a calcular o seu impacto en termos xeopolíticos. Non só está en xogo a posibilidade de instaurar un necesario e novo modelo político e social para Ecuador senón o equilibrio de forzas que inclúe directamente aos seus veciños Bolivia, Colombia, Venezuela, Perú e Brasil, sen esquecer a posible influencia estadounidense.

Tras case tres meses no poder, Rafael Correa evidencia a súa aposta polo eixe do ALBA, impulsado por Hugo Chávez e que inclúe a Cuba, Nicaragua e Haití, que tamén é contrario á posible ampliación andina do Plan Colombia, defendido por Washington e Bogotá. Consecuentemente, a fragmentación xeopolítica provocada pola contundente vitoria electoral de Correa en decembro pasado resulta unha aposta contraria á negociación dun tratado de libre comercio con Washington que acerque a Quito na área da ALCA.

Este impacto xeopolítico aumenta ante os coqueteos iniciais de Correa de seguir o exemplo de Chávez en afondar o proceso de estatización das empresas ecuatorianas básicas, especialmente nos sectores petroleiro e alimentario, e amosar a súa simpatía polo "socialismo do século XXI á ecuatoriana", en clara alusión ao modelo de Chávez. Estas palabras provocaron incomodidade nas multinacionais estadounidenses e brasileiras, con amplos intereses en Ecuador.

Como alternativa política interna, Correa é visto como un "outsider" contrario á visión dos partidos e as elites políticas tradicionais. Baseado nun ineludible carisma persoal e a súa enérxica actitude, Correa mobiliza unha serie de forzas populares que demandan a consecución dun "novo Estado", cuxo principal expoñente está incluído na opción da asemblea constituínte.

Só o consenso político, a legalidade constitucional e a participación electoral poden asegurar a necesaria "refundación" de Ecuador. Pero este pulso entre Correa e a oposición afirman a creba institucional dun país que busca con urxencia a estabilidade.