A cuestión do Sahara entra nun tempo decisivo. O próximo luns, James Baker, enviado persoal do secretario xeral de Nacións Unidas para o contencioso do Sahara Occidental, presentará a Kofi Annan o balance da súa visión e perspectivas para este conflicto despois de manter varios encontros sobre o terreo coas partes máis directamente involucradas (Alxeria, Marrocos e Fronte Polisario). O obxectivo inicial desta nova xira do ex secretario de Estado norteamericano consistía na plasmación dun novo acordo antes do remate da prórroga da Minurso (Misión de Nacións Unidas no Sahara Occidental), prevista para o próximo día 28. A importancia do informe de Baker radica no feito de servir de base para a alocución que Kofi Annan dirixirá ao Consello de Seguridade a final de mes e que pode significar un xiro substancial no posicionamento da ONU ante un conflicto que dura máis de 25 anos.
A nova situación internacional creada despois dos atentados do 11 de setembro favorece as teses marroquís. Como afirmaba Abdelmounaïm Dilami en L’économiste, o mundo ten novos valores e iso debe reflectirse no mundo da diplomacia. Pero non soamente novos valores, tamén novas necesidades. Estados Unidos precisa o máximo de apoios no mundo musulmán. Marrocos, peza clave no Norte de África, puso un prezo evidente á súa implicación activa nesa estratexia: a entrega do Sahara Occidental. Foi na polémica viaxe do pasado novembro a esta rexión cando Mohamed VI proclamou que “os terroristas suicidas non teñen dereito a chamarse musulmáns”.
Kofi Annan ten a intención de solventar a situación antes de que expire o mandato actual da Minurso, segundo aseguraba nun informe do pasado xaneiro. Poucos son os que teñen dúbidas a respecto da inclinación da ONU a favor das teses de Rabat: autonomía do Sahara Occidental baixo soberanía marroquí. A terceira vía de Baker atopa sen embargo importantes resistencias. O ministro de xustiza alxerino, Ahmed Ouyahya, ratificaba hai uns días o apoio sen reservas do seu país ao plan de paz inicial da ONU que contempla a celebración dun referendo pola autodeterminación.
A Fronte Polisario mantén invariable a súa esixencia de celebración da consulta, firmeza que complementa con xestos humanitarios como a liberación de 115 prisioneiros marroquís no pasado xaneiro, ao tempo que denunciaba a folga de fame mantida por 131 presos saharauis no cárcere de El Aaiún para esixir unha mínima dignidade no seu cautiverio.
¿E Madrid? O goberno español, coas relacións bilaterais en entredito dende hai case catro meses, nin anda nin desanda. Rabat acusa a España de obstaculizar os traballos da cuarta comisión da ONU e pregúntase por qué Madrid non pide un referendo para Xibraltar e si para o Sahara. Neste compás de espera, as presións de Mohamed VI persistirán en tanto o goberno de Aznar non se decante apoiando as súas teses nos organismos internacionais – ata agora non se sumou publicamente á terceira vía- e reducindo os apoios á causa saharauí no seo das sociedades españolas. Rabat equipara a unha operación desestabilizadora o intento de crear un novo Estado independente no seu flanco sur.
A polémica política ven salpicada pola visible emerxencia de poderosos intereses económicos. Marrocos asinou contratos coas compañías francesa e estadounidense Elf Total e Kerr Mcgee para iniciar a explotación dos recursos petrolíferos existentes en augas do Sahara Occidental. Os contratos son considerados ilegais pola Fronte Polisario e a propia ONU advertiu a Rabat da improcedencia desta actuación en tanto non se resolva o futuro do territorio en disputa. Pero hai tempo que Marrocos comprendeu que a vía de feito é o mellor camiño para afirmar a marroquinidade das chamadas “provincias do sur”.