Mercosur con Arxentina, pero…

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

A residencia da "Quinta de Olivos" foi o lugar de encontro dos presidentes do Mercosur e os de Chile e Bolivia. Os máximos dirixentes expresaron publicamente o seu apoio e solidariedade con Arxentina. Baixo a cordialidade diplomática pódese albiscar un reforzamento do núcleo Brasil- Arxentina e un distanciamento Uruguai-Chile que albergan a esperanza de acadar acordos, por libre, con outras potencias, especialmente cos EEUU.

O enfeitizamento das recentes declaracións de amor entre Arxentina e Brasil sobordan os límites do estoxadizo e traspasan os limiares do politicamente crible, para aqueles observadores que ata hai dous meses asistían á maior crise de confianza entre as locomotoras do Mercosur. Para mostra sirvan as palabras de benvida do presidente arxentino Duhalde. " Na grande patria que estamos a construír algún día mesturaranse as estrofas dos himnos arxentino e brasileiro".

O terremoto arxentino removeu os cimentos do Mercosur para solidificar as relacións do eixo Brasil- Arxentina. Xuntos, (65,65% e 27,61% respectivamente), acumulan o 90,47% do total do PNB do Mercosur unido ao dos asociados, Chile e Bolivia.

Entre as urxencias dos xigantes do Mercosur están os asuntos financeiros que estrangulan á economía arxentina, e deixaron aparcados os asuntos comerciais que inicialmente figuraban na axenda deseñada hai meses. Entre as medidas urxentes tomadas no encontro figuran a creación dun sistema de Creto Recíproco que permitirá a Arxentina dispoñer de liquidez para facer compras dos países veciños agora que as importacións dos países desenvolvidos se fan en dólares a prezos prohibitivos. Tamén se urxiu a posta en marcha dun Instituto Monetario do Mercosur que será o encargado de facer propostas concretas para acelerar a converxencia monetaria e cambiaria do Mercado Común do Sur.

A outra banda das propostas financeiras, céntranse en facer un grupo de presión sobre o FMI para que, de xeito urxente, libere os 1.250 millóns de dólares acordados en agosto, que se negou a entregar en decembro, precipitando a creba da economía Arxentina. Estes 1.250 millóns son indispensábeis para encher de orzamento as medidas sociais que se están a tomar nas Mesas do Diálogo.

Duhalde móvese entre o estreito espacio que lle deixan os gumes contrafeitos das espadas do FMI e da mobilización social interna, inflada por tanta pobreza e cohesionada por un crecente movemento asembleario de base que aborrece a toda a clase política., que detendou o poder nas ultimas décadas.

Tanta incerteza política no Mercosur pode conseguir o incrible prodixio, por moi sensato que sexa, de enfiar na mesma agulla as estratexias político-económicas de Brasil e Arxentina. Precisan darse fortes apertas de ánimo diante dun negro panorama. Pero non todo son roseiras no Mercosur e asociados. Debaixo do polvoriño arxentino hai unha carga de profundidade que é xa ten producido importantes estragos nas detonacións a distancia no Brasil, onde se prevén perdas de emprego para 60.000 asalariados, ou en Uruguai onde a sucursal do arxentinoBanco Galicia, tivo que deixar de operar e ser intervida diante da retirada masiva de fondos. Neste pequeno país do Rio de Prata os balnearios de Punta del Este, estiveron este ano orfos de moitos asiduos turistas arxentinos e as súas exportacións caeron un 40% durante o 2001. Logo das devaluacións brasileiras e arxentinas quedou cunha moeda demasiado aobredimensionada como para poder sobrevivir nun mercado global. Para equilibrar as contas o goberno xa propuxo importantes subidas nos prezos dos servicios publico básicos.

EEUU aproveita este desconcerto para ofertar tratados bilaterais con Uruguai ou con Chile. Hai poucas semanas o Goberno da concertación aprobaba a compra de 10 F-16 aos norteamericanos coa esperanza de ver abertas as portas dos mercados estadounidenses. Pero finalmente, sempre acaban por tropezar cos mesmos problemas. O proteccionismo agrogandeiro dos grandes bloques dos países desenvolvidos, que esixen a apertura das fronteiras aos productos industriais ou dos servicios, pero poñen enormes atrancos á chegada dos cítricos chilenos ou da carne uruguaia.

Tanto Lagos como Batlle, xa avisaron que non se privarían de ir por libre se aparecía una oportunidade para os tratados bilaterais vantaxosos con terceiros países.

Tamén é certo que Mercosur pode sobrevivir sen Uruguai, sen Paraguai, sen Chile, sen Bolivia… pero dificilmente soportaría a ausencia de Brasil, ou mesmo de Arxentina.