A UE e o Titán: Microsoft

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Logo de cinco anos de estudios e recollida de información sobre as actividades de Microsoft, a Comisión Europea decidiu esta semana castigar o que considera unha actividade ilícita de abuso no mercado europeo da informática "ofrecéndonos unha sensibilidade de mercado diferente a aquela, Americana, que dende o outro lado do Atlántico xa tomara algunhas medidas nunha resolución do 2001". De feito, o que a Comisión Europea fixo foi petar directamente no modelo estratéxico de negocio que Microsoft ven exercendo no mundo dende a década dos 80 "denominado "bundling", ou o que é o mesmo, ofrecer nun mando diferentes aplicacións informáticas para dese xeito esmagar os competidores coa variedade e complementariedade dos servicios ofrecidos", facéndolle un burato no mercado Europeo que poden aproveitar os directos competidores, eventualmente Sun Microsystems, que denunciou a Microsoft en 1998, e RealNetworks, que tamén denunciou a Microsoft en 2001.

A decisión foi unha sorpresa celosamente gardada pois a punición, se ben esperada, non se cría capaz tanta profundidade, xa que comparada coa resolución que en 2001 dictaron as autoridades americanas, esta de agora parece o reflexo dun poder emerxente que ten necesidade de confirmación histórica con actos deste calibre.

Vexamos en que consiste o acto de emendo. En principio, crendo que o titán abusaba dunha posición dominante non mercado de tecnoloxía das computadoras ligando os servicios de son e vídeo a través do Windows media player, obriga a revelar os códigos do sistema operativo para facilitar a entrada dos competidores con programas alternativos, o que é parte da denuncia que Sun Microsystems fixera en 1998. En segundo lugar, bebe comezar a ofrecer unha versión separada de Windows ós fabricantes nas que non se inclúa o Windows Media Player, co que tamén se contenta a RealNetworks que denunciara a Microsoft para defender o seu programa RealPlayer. En terceiro lugar, se lle impón a multa récord ( 497 millóns de Euros) nun caso de acción anticompetitiva, superando o contencioso – un caso de cartel no sector das vitaminas- Hoffman-La Roche en 2001 ( 462 millóns de Euros).

Microsoft vai recorrer a decisión, sen dúbida centrándose no tema da propiedade intelectual, o que tampouco é novo, pois outra sentencia "Magill case" -unha revista irlandesa á que lle negaron a programación semanal de televisión- puido ter implicacións neste campo, pero nada dende entón o confirmou, e agora pódense abrir novos camiños. Microsoft deféndese dicindo que pode engadir o que queira co propósito de mellorar os seus servicios e os seus productos, o que dificulta conscientemente a innovación e a competencia das outras empresas.

Pero aínda hai máis. Quédanlle a Microsoft dous casos pendentes en Europa. O primeiro referente á legalidade da conquista da posición privilexiada que hoxe ten Microsoft para o dominio da nova xeración de computadora e aparellos de nova tecnoloxía tal que os ordenadores de peto e os móbiles, un negocio de futuro.E o segundo, encamíñase a investigación das relacións que Microsoft mantén cos fabricantes de computadoras, pois se cre posible que a empresa americana acorde condicións inxustas, o que é doado visto a potencia deste xigante. A multa, só representa o 2% do volume mundial de negocio de Microsoft e o 8% do feito en Europa. A Comisión podía impor ate o 10% do volume global, o que non faría tremer a ningún dos directivos de Microsoft, porque para pagar a multa contan coa abismal cifra de 40 "billóns en caixa" "si, billóns con B, algo que non ten ningunha empresa do mundo nin General Electric ou General Motors, gracias á particularidade do negocio da informática e as novas tecnoloxías que xogan co inmaterial", e inversión a corto prazo para lle facer fronte.