A Universidade de México tomada pola policía

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

As seis e media da mañá 2.260 membros da PFP (Policía Federal Preventiva) irromperon no recinto universitario de UNAM (Universidade Nacional Autónoma de México) para expulsar aos estudiantes reunidos no Auditorio Che Guevara, celebrando unha das interminables sesións do Consello Xeral de Folga. A folga comezara hai 293 días para protestar contra da suba das taxas académicas.

Hai case dez meses os estudiantes da maior universidade de América Latina, que conta con 250.000 matriculados, decidiran alzarse contra do Regulamento Xeral de Pagamentos proposto polo rector Francisco Barnes, no que se pretendía unha suba das matrículas universitarias, das tramitacións, do uso de equipos, dos laboratorios, dos exames… Retomábanse antigas e fracasadas reformas coma as impulsada en 1986 polo rector Jorge Carpizo que propuña restriccións no ingreso, incremento de taxas, restriccións do número de convocatorias ou a de 1992, na que iniciativa correspondéralle ao rector Sarukhán, quen plantexou mensualidades equivalentes a 6 días de salario mínimo no bacharelato, 9 para o nivel técnico e 15 para as licenciaturas, anque prevía reduccións de tarifas do 75, 50 e 25% en función dos niveis de ingresos. Todas chocaron coa decidida vontade do alumnado de manter o principio da gratuidade do ensino universitario.

A capacidade de resposta estudiantil acadou tal dimensión, que o paro non rematou cando as autoridades académicas decidiron retirar o proxecto, nin cando, en novembro, caeu o rector Barnes. Xa estaba lanzada unha plataforma estudiantil que posuía unha gran capacidade organizativa e unha boa cohesión interna, para demandar novas reivindicacións como a eliminación de procesos selectivos á entrada das carreiras, a anulación dos expedientes, unha nova normativa de seguridade no recinto universitario etcétera.

Conscientes da súa capacidade o CXF (Consello Xeral de Folga) subiu o teito reivindicativo ata demandar un Congreso Universitario para abordar unha reforma ampla e profunda do labor social da universidade. Unha reforma na que se preservase o seu papel público e nacional así coma a integridade da institución. A comisión organizadora estaría composta por 12 membros do profesorado, 12 do alumnado, 6 do CXF, 1 do persoal administrativo e 2 do rectorado; e debería elaborar unha ponencia na que os artigos pasarían ao congreso, só, se contaban co respaldo so 75% dos integrantes. A refundación da universidade tería que ser ratificada nun congreso no que profesorado e alumnado repartiríanse a partes iguais o 76% dos claustrables, o 16% representarían aos investigadores, o 4% ao persoal administrativo e o 4% as autoridades.

O conflicto prolongouse durante meses e foi caendo nun pozo sen saída. As asembleas foron perdendo capacidade de convocatoria, a maioría dos universitarios optaron por distanciarse a medida que se radicalizaba o conflicto, mesmo se produciron enfrontamentos entre estudiantes partidarios de rematar a folga, cos membros do sector máis ideoloxizado e organizado ao que denominaban "ultra".

Cada vez eran máis os sectores sociais pedían o remate do conflicto e o PRI considerou que a madrugada do domingo era a data ideal para sacar aos folgistas. Na balanza electoral das presidenciables do 2000 xa tiña máis peso rematar coa interminable folga académica que vulnerar a inviolabilidade do recinto universitario.

Cunha faciana moi seria, os líderes estudiantis Alejandro Echevarría, Mario Benítez Chavez e Alberto Pacheco, alcumados "El Mosh", "Gato" e "El diablo" respectivamente, encabezaban os 634 detidos na operación levada pola PGP que se engaden aos 251 arrestados hai sete días nos violentos enfrontamentos nun Instituto Preparatorio e que deixaron 37 feridos.

A prolongación do conflicto fracturou a cohesión das organizacións universitarias, pero hoxe todas coinciden en que non queren a policía dentro da universidade e desexan ver aos detidos na rúa.