A victoria da impunidade

Corre o caviar e o vodka nas dachas das proximidades de Moscova, pero nada que ver cunha hipotética anticipación da Pascua rusa. É a escenificación da alegría por tantos temores disipados. A pírrica victoria do Partido Comunista; a franca decepción da gran esperanza reformista e modernizadora que representaba Primakov; e os excelentes resultados obtidos por ese triángulo de perversión que representa Ieltsin, o Kremlin e a denominada Familia, poden garantir o continuismo político en Rusia.

A diferencia do acontecido en boa parte dos países do leste europeo nos que, a un periodo máis ou menos longo de aplicación de terapia de shock para operar esa ultrarápida conversión ó mercado, proceso liderado políticamente polas forzas "democráticas", sucedialle outra etapa de reequilibrio, amortiguadora do fortísimo impacto social provocado polo saqueo e a corrupción (leáse privatización), fase políticamente conducida por forzas políticas herdeiras dos antigos partidos comunistas ou próximas a eles, en Rusia, as posibilidades de alternancia aprazánse sine die. Nunha década de post-comunismo, semella pulverizado o pouco que podía restar dos setenta anos de arduo empeño na construcción do home novo. Cosacos ou siberianos, os rusos poden ser, coma nós, víctimas da máis burda alienación.

A perestroika iniciara unha tímida escisión das élites política e económica; Ieltsin refundiunas nunha nomenclatura de novo cuño que non dubida en rendabilizar o aprendido para orientalo á consecución de novos obxectivos. Os vencedores destas eleccións son esas elites procedentes, na súa inmensa maioría, do vello sistema soviético que dende as empresas, a corrupción ou as mafias liquidaron a "propiedade socialista de todo o pobo" para convertirse na elite posuidora. A "Familia" que rodea a Ieltsin ten a súa prolongación nas múltiples Familias que nas repúblicas, territorios e rexións da Federación rusa reproduciron boa parte do modelo. Nada complexo de realizar nun país no que históricamente non é a riqueza quen aporta poder senón que son os homes con poder quen aspiran a apropiarse das riquezas e a dispor delas ó seu antollo.

Alén desa perfidia estructural, resulta difícil comprender como unha maioría social pode virar as costas a unha realidade tan dura como a existente en Rusia. Segundo un informe recente de Nacións Unidas, a transición económica na ex-URSS foi letal para millóns de persoas: a esperanza de vida entre a poboación masculina caiu de 62 a 58 anos; as desigualdades aumentaron espectacularmente; reapareceron enfermidades ata entón erradicadas, etcétera. ¿Cómo é posible que o poder tire partido dunha situación tan desastrosa? É o dividendo de Chechenia, obviamente, pero tamén a incapacidade da oposición para desmarcarse dunha operación a todas luces orquestada para distraer a atención, e sobre todo, para actualizar un discurso político que facilitara a aproximación de novos sectores sociais. A formación de Ziuganov podería iniciar o seu declinio.

A victoria da impunidade resume a tranquilidade deses sectores oligárquicos que tiñan medo á rendición de contas. Uns pola anterior guerra de Chechenia ou a liquidación da URSS, outros pola participación activa nun proceso privatizador que finiquitou practicamente os segmentos máis apetitosos do Estado. Todos, en fin, temerosos dos avances cara un estado de dereito que aínda está por fundar.

¿Que escenario se nos pode abrir a partir dagora? As hipóteses pasan por manter o calendario político previsto ou alteralo. Semella descartado, en todo caso, o tan temido autogolpe, a brusca interrupción do proceso politico. A favor do adianto das eleccións presidenciais xogaría a actual bonanza política (o poder está na cresta da ola); as dificultades en manter o consenso político-social ata xuño; a conveniencia de dificultar as manobras da oposición e impedir alianzas. Por outra banda, a guerra de Chechenia non pode durar moito máis. Se a victoria se retrasa, o efecto boomerang podería ser desastroso. Pero se o Kremlin gaña pronto, será difícil administrar os réditos a seis meses vista.

Convencer a Ieltsin é o principal obstáculo para a posta en marcha desa operación. O presidente ruso pode non prestar de bo grado a súa conformidade e moitos temen a imprevisibilidade. Habida conta da traxectoria presidencial, a posición do trunfante Putin pode ser hoxe máis fráxil ca nunca. Pero en calquera momento o delicado estado de saúde de Boris Ieltsin pode agravarse. Seis meses na política rusa é un horizonte demasiado amplo e da para tramar moitos enredos. Se a Familia, como afirman algúns observadores, foi quen de alentar unha guerra para perpetuarse no poder, poida que non se pare en barreiras para tentar aseguralo o máis posible agora que o ten tan o alcance da man.