Se como ven afirmando dende hai máis dunha década, a Milosevic preocúpalle a subsistencia da unidade federal iugoslava, debería aceptar a súa derrota e descartar a idea dunha segunda volta. Pero o máis probable é que o líder serbio promova todo tipo de argalladas para manterse no poder. O seu ultranacionalismo foi sempre instrumental. Dos temores a un golpe de estado do xeneral Nebojsa Pavkovic a un conflicto aberto con Montenegro para desviar a atención, Milosevic baralla un amplo abano de opcións.
De non ser pola presión interna e internacional, o líder serbio proclamaríase vencedor na primeira volta. Significativamente, nesta ocasión, Vojislav Seselj, o seu antigo aliado do Partido Radical, foi o primeiro en decantarse polo trunfo de Kostunica. Pero os fundamentos do fraude estaban preparados. Basten dous exemplos: en Montenegro, amparándose no boicot das autoridades locais, as urnas colocaronse nos domicilios de partidarios de Milosevic, sen control ningún; en dúas vilas do sur de Serbia, Vranje e Prokuplje, os censos experimentaron un espectacular crecemento do seu electorado, ata máis dun millón de persoas, ao inscribir de oficio a cidadáns serbios e albaneses de Kosovo.
Se a hipótese da continuidade de Milosevic abre un horizonte de gravísimo conflicto social interno e mesmo de probable guerra en Montenegro, a confirmación da derrota de Milosevic na segunda volta, con ser esperanzadora, tampouco augura un futuro idílico. Importantes actores políticos quedarán sen argumento e deberán construír un novo discurso. En Kosovo, unha victoria de Kostunica equival a quedar na Federación. A independencia, afirman tanto Hashim Thaci, líder da UCK, e o moderado Ibrahim Rugova, é máis probable con Milosevic no poder. Outro tanto acontece en Montenegro. Ata agora, as diferencias con Belgrado valeronlle a protección e a axuda económica internacional. En Podgorica, o trunfo de Kostunica nestas eleccións "ilexítimas", abre un horizonte de división entre os pro-montenegrinos (Milo Djukanovic, actual presidente) e os pro-iugoslavos (Svetozar Marovic, presidente do Parlamento).
Aínda que Kostunica, un nacionalista democrático cun pasado controvertido representa para moitos observadores externos un mal menor, destronar a Milosevic colma as expectativas de Occidente. Nada comparable en todo caso á sensación de alivio que poden experimentar milleiros de cidadáns serbios, principais víctimas desa dramática combinación de escuros intereses e políticas suicidas.