A minúscula Córcega revoluciona o Estado francés

O proxecto de Jospin divide á sociedade gala

A proposta de Lionel Jospin de recoñecer unha autonomía limitada para Córcega levanta numerosas bochas en Francia. Nas últimas semanas proseguiron as detencións e investigacións xudiciais en medios nacionalistas para esclarecer algunhas causas pendentes, mentres que a derrota de José Rossi, presidente da Asemblea corsa e portavoz da dereita estatal "Democracia Liberal", nas recentes eleccións municipais de Ajaccio, constitúe un serio revés político para o propio Jospin e o seu plan. Ambos os dous feitos, o primeiro vencellado ás tramas violentas, o segundo inseparable da fraxilidade política da illa, proporcionan unha idea clara das dificultades que aínda restan por superar. A formulación do proxecto de autonomía corsa non está consolidada de todo.

O pasado 12 de setembro, unha ducia de persoas eran detidas en Porto-Vecchio e Ghisonaccia, a instancias do xuíz antiterrorista Jean-François Ricard, para esclarecer os numerosos atentados rexistrados na illa na noite do 12 ó 13 de decembro de 1999 contra edificios públicos. Daquela, un dos autores, Ricardo Bianco, foi detido in fraganti, delatando, ao parecer, a outro integrante do comando, Joseph Defenzo, que un mes máis tarde aparecería asasinado con dous tiros na cabeza. Bianco milita na Cuncolta Independentista, brazo político do FLNC-Canal histórico. A coincidencia dos atentados e os turbios acontecementos posteriores, co comezo e desenvolvemento das negociacións entre os representantes corsos e París cuestionaba a primeira premisa que Lionel Jospin resaltaba para avanzar no proceso, o cese da violencia. Nada fai pensar que sucesos destas características non se reproduzan nos próximos meses, poñendo a proba as vontades que, no continente e na illa, apostan por unha saída política ó contencioso corso. Jospin, naturalmente, conta con iso.

Non contaba, sen embargo, coa contundente derrota de José Bossi nas eleccións municipais antecipadas celebradas o pasado domingo 17 de setembro en Ajaccio, onde o candidato da Democracia Liberal se enfrontaba a Marc Marcangeli, quen demitiu con dazaoito concelleiros para librarse do acoso dos partidarios de Rossi e do Tribunal rexional de Contas que examinaba con lupa a súa xestión. O feito de que Marcangeli, co apoio do RPR, mesmo da súa Presidenta, Michèle Alliot-Marie, desprazada á illa nun xesto ben revelador da intensidade da súa aposta, se decantara polo bando crítico cos acordos de Matignon, proporcionaba un aquel plebiscitario a esta consulta, inicialmente municipalista e orientada a lexitimar unha xestión polémica.

Na primeira volta, Marcangeli acadou o 30,31 por cento dos votos, mentres que Rossi apenas superaba o 21 por cento. ¿Unha derrota tamén dos partidarios de Matignon? Desde París, rápidamente se argumentou que a suma dos resultados do conxunto de listas que apoian o plan Jospin representan case o sesenta por cento. Ao 30 por cento de Marcangeli había que sumar o 3,7 por cento do "chevenementista" François Filoni e igualmente contrario ao plan Jospin. A pesar do esforzo por desmarcarse da derrota de Rossi, resaltando a transcendencia exclusivamente local dos resultados, cabe lembrar que esa victoria de Marcangeli na primeira volta está a provocar nas filas da Democracia Liberal toda unha emerxencia das voces críticas cos acordos de Matignon que poderían tomar o relevo no partido. A inevitable demisión de Rossi, quen asumira a campaña como unha especie de paseo trunfal habida conta do seu protagonismo nas negociacións con París, abre agora unha dura loita pola sucesión de resultado incerto.

Un corsario en Matignon

Se a situación política na illa pasa por momentos de gran ebullición, en París, o proxecto para Córsega provocou tamén unha importante crise. As diferencias xurdidas entre o primeiro ministro francés, Lionel Jospin, e o seu ministro do Interior, Jean-Pierre Chevènement amosaronse irreconciliables. A continuidade de Chevènement en Matignon era díficil: o seu ministerio non era menor, a súa actuación esixe a sintonía co primeiro ministro, e se a cada tropezo do proceso político iniciado con Córcega deixa oír a súa voz discordante e crítica, a situación de Jospin resultaría enormemente incómoda e insostible. Por outra banda, aínda que restan flocos importantes por aclarar e resolver, as negociacións coas forzas nacionalistas da "illa da Beleza" semellan o suficientemente avanzadas como para non malograrse de todo. A pesar das vicisitudes vividas e por vivir, cómpre ter en conta que cando o pasado mes de xullo, a Asemblea corsa aprobaba o proxecto de Jospin, facíao por unha amplísima maioría, coarenta e catro votos de cincoenta e un. Nunha entrevista publicada no diario Le Monde, os responsables dos principais movementos clandestinos corsos, a excepción de Armata Corsa, declararon o seu total apoio ó proceso. Chevènement foi acusado de corsario, de "arquetipo dunha Francia que morre", en palabras de Edmond Simeoni, figura histórica do nacionalismo corso.

Rematar coa violencia e impulsar o desenvolvemento económico son as dúas ideas-forza que fan posible a actual confluencia. Jospin aposta por un escenario de progresiva cesión de competencias, polo recoñecemento da identidade corsa, a incorporación do idioma local ás escolas e unha fiscalidade apropiada ás especificidades da illa. A cambio, os nacionalistas asumen unha autonomía que exclúe a independencia e a erradicación da violencia. O proxecto é ambicioso e os riscos grandes. Ademáis das disensións no propio gabinete, inicialmente resoltas coa dimisión de Chevènement, Jospin debe acalar as reticencias do Presidente Chirac e combater con algo máis que paciencia o rebrote das accións terroristas dalgún grupúsculo que tentará dinamitar o proceso. A fragmentación do nacionalismo corso e as súas prolongacións armadas dificultan un acordo absoluto e con plenas garantías.

Andan, en calquera caso, francamente desencamiñados os que ven nesta autonomía unha ameaza de desmembración do Estado francés ante o posible efecto de "bola de neve" nas demandas bretonas, occitanas, catalanas ou vascas, por citar algunhas. Nen París é Moscova, nen o pobo francés o pobo soviético. Resulta verdadeiramente abraiante a persistencia nalgúns ambientes considerados progresistas, desa cultura que en nome da sacralización dunha equívoca igualdade nega toda expresión da diferencia e a posibilidade da súa xestión leal. Tan reticente actitude de Chevènement, tan progresista noutros aspectos, ante a posibilidade da máis mínima descentralización, é absurdamente dogmática, máis aínda cando Europa máis aposta pola emerxencia das rexións como un factor de re-unión e afirmación do proxecto comunitario. Nin a sacrosanta tradición xacobina xustifica tanta inadaptación.

As datas do Plan

Diferencianse claramente dúas fases. Na primeira, que nos levará ata finais do 2002, a Asemblea territorial corsa exercerá progresivamente a capacidade lexislativa e regulamentaria prevista no actual marco estatutario. Na segunda, a partir do 2003, comezará un novo impulso coa cesión de competencias en favor das institucións do autogoberno e o deseño dos cambios máis profundos nas relacións bilaterais, incluída a transformación dos dous departamentos da illa nunha rexión única. A modificación constitucional que esixe este compromiso non se produciría, en ningún caso, antes das próximas eleccións lexislativas e presidenciais. A reválida que permitirá pasar dunha fase a outra consistirá nun balance do respectivo cumprimento da palabra dada, en especial no que atinxe á desaparición da violencia.

Claves da vía corsa

Dunha illa a outra, o contencioso corso garda algunhas similitudes e diferencias co irlandés. Existe unha búsqueda común da pacificación e da reorientación ó terreo exclusivamente político das reivindicacións nacionalistas e ata un Chevènement que asume, gardando algunhas distancias, a versión gala dun intransixente Ian Paisley. Pero Matignon non é Stormont. Carece do complexo entramado institucional que en Irlanda é indispensable para avanzar na creación de espacios para a construcción nacional e o consenso político e, tamén aquí, carecemos dese John Hume que rastrexou a conciencia na complexa pero rica arquitectura europea para modificar a naturaleza do debate nacionalista.

A esencia do acordo negociado a partir de decembro de 1999 entre o primeiro ministro Lionel Jospin e os representantes corsos -membros da Asemblea da illa e de Corsina Nazione- implica un progresivo recoñecemento por parte de París da especificidade corsa con importantes consecuencias a todos os niveis. No político, máis poder para a Asemblea e a superación da división en dous departamentos; no cultural, a progresiva normalización lingüística que debe comezar coa introducción obrigatoria do ensino do idioma corso nas escolas; no económico, unha fiscalidade específica que favoreza o desenvolvemento da illa.

O novo escenario, vintecinco anos despois do atentado de Aleria que deu inicia ás accións armadas esixe, como contrapartida, o cese da violencia e a renuncia á independencia, sacrificios importantes no fondo e na forma que a inmensa maioría do movemento nacionalista semella disposto a aceptar e que poden contribuír á configuración desa gran forza de unidade que a illa precisa.

O proxecto de Jospin constitúe todo un laboratorio de ideas que poden transformar de raíz a convulsa vida política corsa. Nas eleccións municipais de Ajaccio, os nacionalistas de Paul Quastana, candidato de Corsica Nazione-Unita, obtiveron menos do 8 por cento. En conxunto, sumados os votos da lista de Achille Martinetti, obterían máis do 10 por cento, situándose por diante do candidato da esquerda plural, o comunista Paul-Antoine Luciani. Pouca pero significativa cousa que cualitativamente tería sen embargo o valor de revolucionar un nacionalismo, de vello condicionado por unha severa fragmentación e violencia fratricida.

Os novos mecanismos poden permitir avanzar na vertebración nacional de Córcega, no económico, no político, e na superación do clanismo, esa arcaica pero verdadeira estructura cultural que aínda dificulta a vertebración dunha auténtica sociedade civil que introduza dinámicas alonxadas desa tradición hereditaria que tanto contribuíu a lexitimar o propio Estado francés, trabando históricamente o desenvolvemento económico e político da illa.

O tempo non se precisa soamente en Ajaccio (capital da Córsega do Sur) ou en Bastia (capital da Alta Córsega) senón tamén en París. As amplas simpatías expresadas coa actitude de Jean-Pierre Chevenèment indica ás claras a forte impregnación do xacobinismo no seo da sociedade gala. Francia precisa afrontar con rigor e realismo o debate de temas tabú que hoxe son moeda común na Europa da que forma parte principal e na que o simple rexionalismo constitúe unha tendencia emerxente e de futuro. Cómpre alentar, en suma, ese espíritu que poñía de manifesto o eurodeputado Michel Rocard nun artigo recentemente publicado no diario Le Monde, ao afirmar que "mais vale unha diferencia recoñecida que unha falsa uniformidade opresiva".

A consolidación do proceso en Córcega pode, por último, favorecer a comprensión e orientación doutros movementos nacionalistas que aspiran a non ser anulados pola cidadanía republicana pero simplificadora de Chevènement e demais acólitos, sen por iso por en cuestión os fundamentos da Quinta República.