Desesperanse por facernos ver que son un pobo sen dereitos recoñecidos. Son conscientes de que viven un momento histórico crucial e que o seu problema debe emerxer ata incomodar. Nos últimos anos, a comunidade internacional admitiu a eclosión de varios Estados-nación, amosou a súa preocupación pola situación de numerosos pobos, habilitou políticas a prol do recoñecemento dos dereitos elementais de moitas comunidades e, sen embargo, non foi quen de dar paso algún para remediar un drama que afecta a máis de vintecinco millóns de persoas. Hoxe representan a maior colectividade do mundo sen Estado propio. Pero conformarianse cunha autonomía que lles permitise un modesto nivel de autogoberno.
Cando albanokosovares, palestinos, saharauis ou timorenses, consiguen endereitar minimamente a súa existencia, os kurdos continúan cercados pola incomprensión. Non é suficiente condenar a política represiva aplicada por Turquía, Irán ou Iraq. As estratexias deseñadas por Estados Unidos e as potencias europeas para a zona deben abrir vías de solución á cuestión kurda.