A equivocación turca

A misteriosa detención do líder kurdo, Abdulá Ocalam, constitúe, sen súbida, un grave erro do goberno turco. Moi pronto, o éxito da súa captura, de gran predicamento no ámbito interno, quedará opacado polas múltiples tensións que vai suscitar tanto dentro como fora do país.

O secuestro, toda unha historia propia de John LeCarré, está a mobilizar activamente ós kurdos da diáspora, pero tamén porá o asunto enriba da mesa das potencias europeas e perturbará notablemente os esforzos de normalización diplomática dun país en permanente sospeita polo seu escaso respecto ós dereitos humanos. Ocalan, convertido no "Mandela" kurdo, situará a Turquía no punto de mira de amplos sectores da comunidade internacional.

Nestas condicións, a súa condena a morte é practicamente impensable, pero non existen garantías para a celebración dun xuizo xusto. Como primeira mostra, esa expulsión dos seus avogados que foron impedidos de prestar asistencia ó detido e asesorar e preparar a súa defensa.

¿Forzar unha negociación? Non parece ser esta a motivación ultima desta acción secreta. E sen embargo representaría a única opción intelixente para Bulen Ecevit, o primeiro ministro de Ankara. Sen descartalo plenamente, todo parece indicar que se trata do "prezo" pagado por Estados Unidos e Israel para impedir que Turquía se desvencelle da estratexia de acoso a Iraq na zona.

Convertido en peón do xadrez de Oriente Medio, Ocalan leva tempo acentuando a dimensión política do seu movemento, limitando as accións armadas e reclamando unha solución de minimos para garantir o desenvolvemento da nación kurda. Esta moderación facilita o entendemento con outras faccións do movemento e a suma de vontades necesarias para que Nacións Unidas, Washington e Bruselas, comprendan que xa non poden seguir mirando cara outro lado. Os kurdos son conscientes de que os efectos da primavera das nacións que emerxeu da desfeita soviética deben ser rendabilizados agora. É unha oportunidade que non deixarán pasar asi como asi.

O problema kurdo non se resolve coa detención dun dirixente, por importante que sexa. A única vía de solución consiste na aposta pola apertura dun diálogo político real que admita alternativas equilibradas. Urxe evitar que a desesperación cunda entre eses millóns largos de cidadáns, víctimas da represión e da indiferencia.