Armados de moral

A recente aprobación por parte da Asemblea Xeral da ONU dun tratado sobre o comercio internacional de armas convencionais constitúe unha evidencia da utilidade da propia organización, tantas veces en cuestión, para sinalar e reforzar tendencias positivas no noso convulso planeta. Que levara sete anos de discusión revela as enormes dificultades que implica abrir camiño á razón fronte aos poderosos intereses que circundan os negocios mais inhumanos. Estímase que serán precisos uns dous anos máis para conseguir o número mínimo de cincuenta ratificacións para que o texto entre en vigor.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

A esencia deste documento é que cada país avalíe, antes de realizar calquera transacción, se as armas a vender poden ser utilizadas para eludir un embargo internacional, cometer violacións graves dos dereitos humanos ou acabar en mans de terroristas ou de criminais. De ser o caso, a transacción non debe autorizarse. O tratado abarca un amplo abano de armas, dende as pistolas aos avións ou navíos de guerra, pasando polos mísiles, e afecta a todo tipo de operacións internacionais (importación, exportación, tránsito ou corretaxe) sen condicionar as lexislacións estatais en materia de adquisición e tenencia de armas.

Seducidos por esta arroutada de moral, os principais beneficiarios deste boiante negocio saudaron este acordo cualificándoo de “histórico”, se ben deixa pendentes flocos importantes. Estados Unidos, principal provedor mundial de armas con un trinta por cento do mercado, logrou que as municións sexan tratadas a parte, sendo obxecto de controis moito menos severos, deixando aberta a posibilidade de que certas axudas militares bilaterais queden exceptuadas. Pola súa banda, Rusia dubida sobre a súa sinatura argumentando desconformidade coa ausencia de control específico dos subministros a grupos rebeldes (actores non estatais) ou a falla de claridade nos criterios de avaliación. Houbo tres votos en contra (Siria, Irán e Corea do Norte). Entre as abstencións, ademais de Rusia, cabe sinalar a China.

Pese a estas reservas, o tratado é un paso adiante que deberá pasar a proba da capacidade efectiva para impedir que as armas sigan chegando a mans daqueles estados ou grupos que promoven atrocidades, poñendo fin á impunidade deses traficantes de armas que tan boas migas fan con ditadores e señores da guerra.

Tralo fin da guerra fría, as noticias positivas en materia de desarme brillaron pola súa ausencia. A única excepción foi a sinatura do tratado sobre a prohibición de ensaios nucleares de 1996. Pero a tendencia xeral veu marcada polo sorprendente aumento do gasto militar contrariamente ao que podía agardarse trala disolución daquel chamado “imperio do mal” que ata entón xustificaba urbi et orbe tan elevadas dotacións. Pese a esta boa noticia, está por ver que sexa suficiente para virar de sentido.