Arxentina, ¿A volta do populismo?

Arxentina "e en xeral toda Latinoamérica" semella que non pode librarse do populismo. A última decisión do presidente De la Rúa así parece confirmalo. A súa intención é aprobar a reducción do chamado gasto político (salarios de cargos electos, financiamento dos partidos, etc.) a través dun referendo. Loxicamente, o futuro dunha medida asi está garantido cunha abafante porcentaxe a favor nun país tan politizado e cunha visión tan negativa da súa clase dirixente.

A década de goberno Ménem estivo dominada polo retorno ás formas do peronismo máis tradicional para agochar os fondos do liberalismo máis novidoso. Incluso finalizada esa etapa e defenestrado o seu máximo dirixente, séguense establecendo comparacións entre Ménem e o principal expoñente do populismo político en Sudamérica, Juan Domingo Perón. Ambos foron herdeiros e bos continuadores da tradición caudillista do século XIX que permanece ó longo de toda a historia do continente. Deixando á marxe notables diferencias, tanto Perón coma Ménem gobernaron durante dez anos baseándose no culto ás súas persoas e en decisións populares e populistas para seren posteriormente proscritos pola xustiza e pola sociedade en xeral.

¿Pretende agora De la Rúa optar tamén polo camiño do populismo para desviar a atención dos graves problemas do país cunha medida tan rechamante pero de efectos mínimos ou cando menos dubidosos? A situación actual parecía difícil de concibir hai un par de anos. A coalición de goberno destacaba pola pluralidade de correntes de centroesquerda que a integraban e pola súa multiplicidade de dirixentes. Pero eses mesmos personaxes foron desaparecendo do primeiro plano da escena política deixando só ó, en aparencia, menos carismático de todos eles. Nestes dous anos, os medios de comunicación e a sociedade en xeral atacaron mordazmente a De la Rúa pola súa falta de personalidade, a apatía e impasibilidade. Pero agora, ¿decidiu o presidente cambiar de imaxe e atraer o favor dos cidadáns cara a súa persoa, á marxe doutras medidas ou ministros do seu gabinete, co referendo que tenta levar a cabo?

Curiosamente, a proposta de rebaixa do gasto político é posterior no tempo á aparición masiva a través de Internet dunha "Carta aberta ós arxentinos". Nesta carta anónima, que comezou a circular a finais de xullo a través do correo electrónico e que xa foi recollida en numerosas páxinas web, conxetúrase un hipotético ano 2004 no que Arxentina superaría a crise e se atoparía entre os primeiros países do mundo a raíz dunha decisión similar: "Todo comezou en agosto de 2001, despois dunha consulta popular realizada en Córdoba [segunda cidade de Arxentina a 1000 quilómetros ó Norte de Bos Aires] onde o 75 por cento do pobo se expresou a favor dunha reducción do costo político. […] nun verdadeiro xesto patriótico os políticos máis importantes do país decidiron propor unha modificación da Constitución nacional, levando o número de lexisladores a só 50 por cento dos deputados actuais e un senador por provincia a nivel nacional e a unha reducción do 50 por cento das cámaras provinciais, ademais de reducir un 50 por cento os soldos." "A longa cadea de acontecementos que vinculan estas decisións coa prosperidade do país é digna de ler no orixinal".

En calquera caso, unha medida tal pode ser outro gran máis de area na inxente labor de reconstrucción social e económica que queda por realizar na Arxentina. Cunha débeda externa acumulada de 130.000 millóns de dólares (preto do 50 por cento do PIB) e cun gasto público anual de 85.000 millóns, haberá que analizar dentro dun tempo a contribución da reducción do gasto político ó repunte económico do país. Ata entón, o único que está garantido será o apoio popular a calquera medida que ataque ós privilexios da clase política.