Arxentina: razóns para a desilusión e a esperanza

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

O proceso electoral urdido polo presidente Duhalde como resposta ao grito multitudinario ¡Que se vayan todos! culminou coa chegada ao goberno de Néstor Kirchner con a penas o 22 % dos votos. Dende que De la Rúa renunciara ante a presión popular en decembro de 2001, os sectores gobernantes realizaron múltiples intentos para canalizar e desactivar as protestas populares. Un deses intentos foi a convocatoria dunas eleccións a todas luces enganosas, xa que soamente implicaban os cargos de presidente e vicepresidente, deixando vixentes todas as demais autoridades públicas.

Ao mesmo tempo se levou a cabo unha política de fustigamento contra os movementos sociais, desaloxando empresas e edificios recuperados polos traballadores e as asembleas populares e reprimindo con medios policiais ou parapoliciais, chegando incluso ao asasinato de xóvenes piqueteiros. Pola súa banda, estes movementos, sumamente xóvenes e inexpertos, non lograron soldar unha sólida fronte que lles permitira enfrontar con éxito os ataques do goberno, que tamén dedicou esforzos a cooptar a sectores do movemento.

Todos estes elementos levaron a un relativo descenso das loitas populares, afectadas polo cansancio e pola falta de victorias significativas ante o paro e a miseria.

Con este telón de fondo se realizaron as eleccións. Nelas se reflectiu a realidade máis profunda do país: unha crise social, política, económica e moral. Como parte diso se constatou a crise do sistema de representación e dos partidos políticos. Así o evidencia que se presentaran tres candidatos en nome do peronismo e outros tres en nome do radicalismo. Ambos partidos non lograron unificar as súas candidaturas.Por outra banda, os movementos sociais e os partidos de esquerda tampouco conseguiron ter unha política conxunta ante as eleccións. Todo o vasto movemento se dividiu entre concorrer ás eleccións ou absterse. Así houbo piqueteiros, asembleístas e militantes de esquerda en cada unha desas posicións, e tamén en apoio de Kirchner ou Elisa Carrió, ou votando a algunha das cinco listas de esquerda. E así se impuxo a saída da opción, votando cada un ao candidato que consideraba menos malo ou con mais posibilidades.

Esta dispersión do voto popular arroxou un resultado lóxico: 1 % para os votos en branco ou nulos, 5 % para todas as listas de esquerda (moito menos que nos comicios de 2001) e unha dispersión entre as outras listas, cun 24 % para Menem e o resto entre outras catro candidaturas. É dicir, que ningún candidato logrou a maioría nin separarse dos outros aspirantes.

Nesa situación se foi á segunda volta entre Menem e Kirchner, pero as enquisas amosaron que a inmensa maioría tiña algo claro: non se quería a Menem, considerado o maior responsable da miseria e da entrega do país ao Fondo Monetario. Ante esa evidencia, Menem optou por non presentarse e evitarse o bochorno dunha derrota aplastante.

Así é como Kirchner, que na primeira volta obtivo un magro caudal de votos, é o novo presidente dos arxentinos. Goberno débil dende o comezo, sen outro patrimonio político que o apoio de Duhalde e un débil discurso populista, que non pode ocultar o seu respaldo á política económica do actual goberno e os seus desexos de seguir a liña dictada polo Fondo Monetario. Así o indica a continuidade do actual ministro de Economía e da súa política. O futuro inmediato preanuncia enfrontamentos entre as amplas capas populares e o novo goberno, na loita por resolver os acuciantes problemas do paro e a miseria que afogan ás grandes maiorías.

O maior problema que se suscita é o da necesaria unidade na acción dos novos movementos sociais de parados e asembleas populares, cos traballadores industriais, ata agora maioritariamente ausentes das loitas. Os dirixentes destes movementos e as organizacións de esquerda terán que reflexionar sobre os pobres resultados obtidos nestas eleccións e sobre a necesidade de depoñer intereses partidarios ou sectoriais en beneficio do avance do movemento popular. E iso tería que comezar a demostrarse nos comicios lexislativos que se realizarán este ano e nas loitas contra o paro e os salarios de miseria que xa se preanuncian.