Aínda que quixeran levarse ben, realmente non o teñen nada fácil. Nin Jiang Zemin nin George Bush poden pasar por alto as mutuas desconfianzas estratéxicas que, se ben sempre estiveron latentes no delicado diálogo bilateral, emerxeron con toda crudeza despois do 11 de Setembro. Para China esa data supuso básicamente dúas cousas. En primeiro lugar, unha recomposición radical da paisaxe estratéxica de Asia; en segundo lugar, unha quebra en profundidade daqueles aspectos favorables que conseguira rendabilizar na fin da guerra fría.
Ata agora, o apoio chinés á estratexia estadounidense de loita contra o terrorismo universal foi moi medido e meditado, nin unha décima máis do estrictamente apropiado e necesario, incluso condicionado, nun marco xeral de extremada preocupación polas consecuencias a medio e longo prazo do regreso apresurado e en masa de Washington a un escenario asiático no que China pretendía e pretende desempeñar un papel significado. ¿Cabe agardar algo máis?
Se diría que unha unica premisa comparten ambos países. Como a EEUU, a China non lle preocupa o terrorismo como fenómeno xeral senón aquel terrorismo que pode danar os seus intereses vitais. Pero ademáis, como afirma Wang Fuchun, director do Instituto de Estratexia Internacional da Universidade de Beijing, o terrorismo brinda a Estados Unidos a posibilidade de dar un salto de xigante no dominio mundial lexitimando o principio de inxerencia militar.
As análises publicadas na prensa chinesa abundan na idea de que a estratexia estadounidense é dobre: avance e ratificación da hexemonía norteamericana no mundo, e cerco progresivo a China. En Beijing se teme particularmente a penetración USA en Asia central e meridional e non vai admitir de bo grado que se impoña unha orde americana na rexión. A presencia de tropas en Paquistán, en Afganistán e noutros países da zona, nunha dinámica crecente e sen aparente final (Filipinas, Singapur, Camboia, Indonesia, etc), afecta ao desenvolvemento das relacións bilaterais e complica enormemente a política exterior chinesa. Ao desterrar Paquistán os seus matices e abrazar efusivamente o bando americano perde unha peza de enorme valor na súa política de presión a India. O eixe triangular das tres capitais debe recompoñerse. Outro tanto acontece coa relación co grupo de Shanghai, ideado fundamentalmente para equilibrar a penetración da OTAN na rexión a través de Kazaquistán. Rusia non compartiu coa China o seu xiro de cento oitenta grados e iso doeu en Beijing que en xullo de 2001 asinara con Moscova un novo acordo de amizade.
Aínda que en voz baixa, o que realmente se di e se pensa en Beijing é que na cruzada de Bush hai algo máis que loita contra o terrorismo. E a pregunta é inevitable: a sabendas diso, ¿conven ou non sumarse a esa estratexia? Os expertos militares deronse presa a reforzar a presencia do Exército Popular de Liberación na fronteira occidental e novas proxeccións se realizan sobre a necesidade de reconsiderar a prioridade da modernización naval. Pero na orde económica pesan outras consideracións. De feito, ao mes dos atentados, a Boeing beneficiouse dun acordo co goberno chinés por valor de 1,6 mil millóns de dólares. E tamén na orde política: China non pode permitirse o luxo dun enfrontamento con Estados Unidos. Asi pois, a súa marxe de manobra é tremendamente limitada, e ambos semellan abocados a convivir xuntos como unha parella desilusionada, sen capacidade para reiventar esa relación iniciada hai trinta anos e, en definitiva, quizáis compartindo a mesma cama pero en ningún modo o mesmo soño.