20051005londres vladimir putin e tony blair

As relacións ruso europeas

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Putin e Blair, clic para aumentar
Agora, en outubro, abríronse de novo conversas con Rusia a través da visita de Putin a Londres, que serán seguidas dunha aproximación a Ucraína, a vindeira semana, do 17 ó 21 de outubro. E o Alto Representante para a política exterior e de seguridade común, Javier Solana, xa se entrevistou con Yuriy Yekhanurov, o primeiro ministro ucraíno, o pasado xoves na busca do establecemento de liñas de acción común. (Foto: Vladimir Putin (esquerda) e Tony Blair no 10 de Downing Street, en Londres, o 5 de outubro de 2005).
 

As relacións ruso europeas evolucionaron historicamente entre o aperturismo e a desconfianza. Cada etapa de influencia mutua foi seguida doutra de conxelación das relacións bilaterais, e iso dende a época dos zares ata hoxe. Non obstante, na actualidade, as condicións cambiantes dunha Europa en continua expansión, a perda de poder xeoestratéxico ruso, as necesidades enerxéticas dos europeos, e a crecente influencia americana en Asia e Oriente Medio, empuxan ó entendemento ós dous bandos e ós máximos dirixentes.

A semana pasada, produciuse un último episodio na elástica relación ruso-europea. Moitos temas estaban no candeeiro: os visados no referente á inmigración, Chechenia, Irán, Bielorrusia, Uzbekistán, os problemas climáticos, os programas de investigación, o comercio, o terrorismo, etc, e debían abordarse por unha presidencia, a do Reino Unido, que mantén relacións bilaterais de certa friaxe. Algúns críticos co goberno Putin están exiliados en Londres, que agradece a elección de moitos refuxiados de luxo, incordiando ás autoridades rusas. A máis, a distancia que separaba a Londres e Moscova, incrementouse polo apoio prestado ás teses dos EEUU no contencioso iraniano, en detrimento dos intereses rusos que operan na zona.

Durante os últimos meses, a presidencia británica tivo un rol importante mediando cos Estados que bordean o entorno ruso. En agosto, o terceto anglo-xermano-francés, xogou un rol clave na resolución adoptada polo equipo de gobernadores da Axencia Internacional da Enerxía Atómica, premendo no goberno iraniano. En setembro, mantivéronse encontros con India e China, tratando de definir unha estratexia conxunta. Agora, en outubro, abríronse de novo conversas con Rusia a través da visita de Putin a Londres, que serán seguidas dunha aproximación a Ucraína, a vindeira semana, do 17 ó 21 de outubro. E o Alto Representante para a política exterior e de seguridade común, Javier Solana, xa se entrevistou con Yuriy Yekhanurov, o primeiro ministro ucraíno, o pasado xoves na busca do establecemento de liñas de acción común.

O cumio ruso-europeo pretende implementar o "Road Map" nos catro espazos comúns -o económico común, o de liberdade seguridade e xustiza, o común de seguridade exterior e o de investigación, educación e cultura- , tal e como se preveu no anterior encontro ruso-europeo do 10 de maio 2005. Pero serviulle a Putin, para aclarar as verdadeiras intencións da presidencia inglesa da Unión Europea.

Particularmente relevantes para Rusia son tres problemáticas: os conflitos nas antigas repúblicas soviéticas , os refuxiados que permanecen no Reino Unido, e o programa nuclear iraniano. Rusia e a UE, manteñen diferenzas no referente a Bielorrusia e a Ucraína. Existe o temor de que o aumento da atracción do mercado económico europeo se traduza nunha perda de influencia rusa. Ademais, no ámbito do espazo común de seguridade exterior dos europeos, existen plans de asistencia a Moldavia e Ucraína, ó que tamén se suman ás tensas relacións con Uzbekistán pola negativa a abrir unha investigación sobre os sucesos de Andijan de maio 2005, e o desproporcionado uso da forza por parte das autoridades usbecas, que xustificou a imposición dun embargo europeo a equipos armamentísticos ou de uso represivo interno, e estableceu restriccións á entrada na UE a individuos directamente implicados nos actos. Asemade, o Kremlin reaccionou negativamente cando recibiu a resposta das autoridades británicas, negándose a extraditar ó separatista checheno, Ahmed ZaKayev, e o rico empresario ruso, Boris Berezovsky, antes de outorgarlles asilo político.

En canto ó contencioso iraniano, europeos e rusos manteñen as diferencias respecto a como tratar co réxime de Teherán. Para o goberno de Putin, as últimas negociacións no contexto da AIEA, supuxeron un aliñamento cos estadounidenses por parte da UE. Por outra banda, a estratexia de achegar unha condena dende o Consello de Seguridade da ONU, vese trabada pola negativa de Rusia e China. Existe unha división clara no Consello de Seguridade, marcada por unha complexa mestura de intereses de loita polos recursos enerxéticos, ambicións xeoestratéxicas e de busca de seguridade e poder disuasorio por parte iraniana.

En calquera caso, as tres problemáticas rusas teñen difícil solución a corto prazo, aínda que existe unha inmensa porta aberta, debido á excesiva dependencia enerxética dos europeos: o 50% en gas natural, e máis do 25% en petróleo . Os europeos ven as institucións e o Estado ruso demasiado feble. O marco estratéxico que define as relacións Ruso-Europeas, pretende exercer e xerar unha influencia (e dependencia dos rusos), que evite como contrapartida as extorsións enerxéticas xeneralizadas como as que xa se viven nos países bálticos, e que animan a algúns a apostar pola proliferación de alternativas nucleares.