Bombazos en Daguestán, decretazos en Moscova

Hai uns días Boris Ieltsin regresaba a Moscova e daba por rematado o veraneo, seica pola excesiva calor. Non semellaba razón suficiente, podía trasladarse a un lugar máis fresco. Algúns analistas relacionaban as curtas vacacións presidenciais co inicio da batalla electoral e coa confirmación da coalición encabezada polo alcalde de Moscova. Como sempre as cousas en Rusia fanse ao grande. As expectativas quedáronse curtas, o inicio dunha guerra e un novo xefe do executivo era o que levou ao presidente a suspender o descanso estival.

Daguestán, unha das 21 República que integran a Federación rusa, está situada no Cáucaso Norte. Estirada ao longo da costa do Caspio, ten ao Sur ao Azerbaián e ao Oeste a Xeorxia e Chechenia, da que se descoñece o seu status xurídico. Os case dous millóns de habitantes teñen unha gran diversidade étnica que sen embargo non foron, polo de agora, fonte de conflictos importantes.

Semella que a orixe dos enfrontamentos armados está no despegue da guerrilla islámica en varias localidades do suroeste da república. A rápida resposta das forzas de interior rusas e do exército indican que non os colleu por sorpresa; así mesmo tratar de involucrar a Chechenia semella premeditado. A presencia de Stepashin na capital daguestaní dirixindo as operacións e as súas contundentes declaracións referidas as debilidades dalgúns nos acordos que puxeron fin a guerra en Chechenia en 1995, poden presaxiar un intento de xeralizar o conflicto. O presidente checheno Masjádov negou calquera implicación, que os guerrilleiros entrasen en Daguestán dende o seu territorio e deu ordes de pechar a fronteira coa veciña república.

A acción está inspirada polo Congreso dos Pobos de Ichekeria (Chechenia) e Daguestán, organización fundada en 1998 polo comandante checheno Shamil Basáyev, célebre pola sanguenta toma da cidade rusa de Budiónnovsk en 1995 e opositor aos acordos que puxeron remate aos enfrontamentos armados en Chechenia. A súa pretensión é a formación dunha República islámica en Daguestán e Chechenia.

Stepashin acudiu á chamada do Kremlin para dar conta da situación e marchou despois de recoller o decreto no que Ieltsin o destituía coma primeiro ministro. Inmediatamente o presidente nomeou como substituto ao xefe do Servicios Secretos, herdeiros do KGB da época soviética. Dentro dunha semana terá que ser referendado pola Duma.

Máis sorprendente é que o novo primeiro ministro fora designado tamén candidato de Ieltsin e polo tanto da "Familia" ás presidenciais do 2000. Nada semella froito da casualidade, nin o inicio das confrontación en Daguestán, nin a actitude agresiva de Stephasin, nin a súa destitución, nin o nomeamento do novo xefe do executivo e candidato.

Dende hai meses a batalla política e mediatica é dunha intensidade enorme. As grandes cadeas de TV(ORT e NTV) apoian aos seus candidatos e atacan ao contrario. A primeira, propiedade do banqueiro Gussinski apoia ao seu candidato, o alcalde de Moscova, Luxkov; a segunda en mans de Rasputín Berezovski só lle concede a palabra aos que denuncian a corrupción imperante na capital, da cal o alcalde sería o responsable e principal favorecido.

O entorno de Ieltsin, "A Familia" contempla como as posibilidades de seguir controlando o poder despois do dous mil se afastan cada vez máis. Algúns dos magnates que o levaron ao seu segundo mandato comezan a apoiar a Luxkov. A oferta deste a Primakov, o único político cunha certa popularidade en Rusia, sería un golpe definitivo, no caso de que a aceptase.

Ieltsin ten demostrado sobradamente as súas habilidades para pelexar polo poder, conspirar e enfrontar aos competidores entre si. O seu obxectivo é o poder e non se detén ante as dificultades nin a moralidade dos medios a empregar. Demostrouno con Gorbachov, con Liebed, Primakov, etc. Agora está acurralado e pode saír por calquera sitio. Mesmo por enviar un incendiario a reavivar un conflicto armado, para logo destituílo e ante a gravidade do conflicto empregar os seus poderes excepcionais, ilegalizar aos comunistas e atrasar as presidenciais. Ou eso ou as garantías suficientes para el e "A Familia".