Un novo podredoiro

Nunca resultou fácil para Rusia cantar victoria no Cáucaso. Sen aliados locais, en Daguestán e nas súas proximidades, as tropas federais, mal equipadas e mal pagadas, dificilmente poden confiar nun triunfo fulminante e moito menos de "guante branco". Ademáis, a contundencia na represión das accións armadas e o anuncio do viceministro do Interior, Mijail Kolésnikov, de que perseguirán ós rebeldes ata ás súas bases en territorio checheno, son sinais que evidencian os perigos reais de extensión do conflicto. No seu favor teñen a tradicional convivencia do puzzle multiétnico desta República, normalmente alonxada das graves tensións que se veñen sucedendo en toda a rexión dende o estoupido armenio-azerí de Nagorni-Karabaj, na Transcaucasia. Esa coexistencia tolerante entre os diferentes pobos de Daguestán obstaculiza unha acción guerrilleira que presenta, a priori, grandes semellanzas co "foquismo" guevarista, desta vez en versión muyahidin.

A moderación de Aslán Masjadov, o presidente checheno, enfrontado ó líder dos rebeldes, Shamil Basáyev, dende a sinatura do acordo de Jasaviurt que en 1996 puso fin á última guerra con Rusia, pode inclinar a balanza a favor do Kremlin. Se Chechenia se implica abrirase un novo podredoiro no Cáucaso e será moi dificil evitar que acabe envilecendo todo o proceso político ruso, asedidado de seu por impoñentes perigos.