Brasil: amarga Copa para Dilma

A actual celebración en Brasil da Copa FIFA das Confederacións, antesala futbolística para o Mundial 2014 que se celebrará precisamente neste país suramericano, estase convertendo nun auténtico test político e social orientado a calibrar a popularidade da presidenta brasileira Dilma Roussef.

Liñas de investigación Observatorio Galego da Lusofonía
Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

A actual celebración en Brasil da Copa FIFA das Confederacións, antesala futbolística para o Mundial 2014 que se celebrará precisamente neste país suramericano, estase convertendo nun auténtico test político e social orientado a calibrar a popularidade da presidenta brasileira Dilma Roussef.

Este test concéntrase nunha inédita vaga de protestas e manifestacións pacíficas que comezaron a realizarse nas aforas dos estadios de Brasilia, Río de Xaneiro e Săo Paulo, xusto no día da inauguración deste evento o pasado 15 de xuño e logo en diversos partidos. As protestas estribaban no oneroso custe económico con diñeiro público na celebración deste evento futbolístico e a súa repercusión no gasto social, especialmente en sanidade e educación. Como no caso das violentas protestas que dende finais de maio suceden na praza Taksim de Istambul, no caso brasileiro a represión policial, moitas veces brutal e desproporcionada, intensificou este nivel de protestas.

Deste modo, a Copa das Confederacións, un “mini-Mundial” que reúne aos campións das diversas federacións que forman parte da FIFA sendo estes o anfitrión Brasil, España, Uruguai, México, Xapón, Italia, Nixeria e Tahití, está propiciando un efecto contrario, tomando en conta que tanto a FIFA como o goberno de Dilma esperaban concretar neste torneo a posta en marcha dunha eficaz organización de cara a consolidar o éxito do Mundial 2014.

Curiosamente, esta Copa está mais ben propiciando a organización dunha plataforma nacional de movementos sociais críticos con estes eventos, que se intensifican tomando en conta que Brasil é un tradicional epicentro de movementos e foros sociais, e que poden ter incidencia social nas protestas de cara aos futuros torneos, en especial o Mundial 2014 e os Xogos Olímpicos (XX.OO) de Río de Xaneiro de 2016.

O test 2014: Mundial de fútbol e reelección presidencial

Sirve entón esta Copa FIFA das Confederacións como un termómetro en clave política e electoral, orientado a calibrar a popularidade da xestión presidencial de Dilma e, diametralmente, do gobernante Partido dos Traballadores (PT). Así e todo, e no ecuador do seu mandato iniciado en 2011, Dilma segue a conservar notables índices de popularidade (próximos ao 60%), en gran medida transmitidos polo carisma e popularidade do seu antecesor Lula da Silva.

Non obstante, Dilma comeza a enfrontarse a diversos retos, principalmente no apartado económico. A ralentización do crecemento económico experimentado desde 2011 implica considerar que a crise económica global xa está incidindo fortemente no contexto económico brasileiro, incluso cuestionando a imaxe do país como unha “estrela emerxente” dentro do panorama internacional.

Con todo, as perspectivas non son directamente negativas: existe certo consenso público en considerar que, para finais de 2013, Brasil crecerá polo orde do 3,5% cunha taxa de inflación do 6%(1). Pero as mesmas cifras non corresponden coas expectativas trazadas polo goberno de Dilma desde 2011, orientadas a crecer a un ritmo do 5% anual.

No cometido da imaxe nacional de cara o exterior, Dilma concentra a súa atención nun éxito indubidable de organización desta Copa FIFA de Confederacións, do Mundial 2014 e, no caso de ser reelixida o próximo ano, de cara aos XX.OO de 2016. O obxectivo é focalizar en qué medida os millonarios investimentos estranxeiros, principalmente en materia de infraestruturas, poden contribuír  a ofrecer a imaxe dun país moderno e puxante, progresista e estable, capacitado para asumir retos estratéxicos no contexto internacional.

Como se dunha reprodución simbólica do modelo “modernista” impulsado polo presidente Juscelino Kutistchek e o arquitecto Oscar Niemeyer na década de 1960, e que tivo como referente a creación de Brasilia como capital federal, Dilma espera construír na actualidade as bases dunha nova modernidade para o Brasil do século XXI. Velaí o seu énfase nos éxitos organizativos destes eventos deportivos, que focalicen a imaxe de potencialidade de Brasil como polo emerxente.

Neste sentido, a recente elección (maio de 2013) do diplomático brasileiro Roberto Carvalho de Azevedo como presidente da Organización Mundial do Comercio (OMC), reforzou estas expectativas de Dilma. Pero existen outras interrogantes relativas á creación de novos marcos de integración (Alianza para o Pacífico), da ralentización doutros (MERCOSUR) así como da volatilidade e as incertezas derivadas da economía internacional, que implican serios riscos para a evolución económica brasileira a mediano prazo, precisamente coincidindo coas expectativas de reelección de Dilma.

Precisamente, as complexidades sociais emanadas das protestas descifran os riscos deste modelo de desenvolvemento. Os programas sociais de Lula teñen continuidade na xestión de Dilma (especialmente en materia de vivenda e créditos “populares” para o consumo) pero o cariz mais “tecnocrático” enfocado na preservación do crecemento económico, está provocando maiores fisuras sociais. Este escenario ten, obviamente, directas implicacións políticas en clave electoral, en especial de cara aos comicios presidenciais de 2014, onde Dilma afronta a súa eventual reelección.

Neste contexto, as enquisas seguen a preservar a popularidade de Dilma como garantía dunha reelección que pode verse obstaculizada se o panorama económico afronta complicacións, especialmente en materia de inflación e decrecemento económico(2). A oposición a Dilma, principalmente identificada no Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB), avanza na consolidación dunha candidatura forte en mas do senador Aécio Neves.

Por outra banda, a esquerda brasileira amosa outras alternativas, incluso provenientes de ex ministros do goberno de Lula, como son os casos do socialista Eduardo Campos (PSB) e outra mais vinculada a movementos sociais como a ecoloxista Marina Silva (Partido Verde). Aínda que lonxe da popularidade de Dilma e do PT, estas eventuais candidaturas implican retos electorais para a presidenta brasileira.

No partido inaugural da Copa FIFA de Confederacións en Brasilia, que enfrontaba ao anfitrión Brasil contra Xapón, Dilma recibiu sonoros asubíos e protestas unha vez o presidente da FIFA, Joseph Blatter, mencionara o seu nome antes de proceder coa inauguración do evento. En clave política, queda por ver se a Copa das Confederacións constitúe, mais ben, unha antesala electoral onde Dilma se xoga as cartas da súa eventual reelección. 

 

Citas bibliográficas:

(1) “Brasil: los problemas crecen para Dilma Roussef”, Infolatam (España), 15 de xuño de 2013. Ver en: http://www.infolatam.com/2013/06/15/brasil-los-problemas-crecen-para-dilma-rousseff/

(2) “Queda na popularidade de Dilma é alerta para 2014”, Veja (Brasil), 16 de xuño de 2013. Ver en: http://veja.abril.com.br/noticia/brasil/queda-na-popularidade-de-dilma-e-alerta-para-2014