Efecto Bruxelas? A encrucillada da normativa da IA no mundo: 5. América (II) Dereitos antes que velocidade: América Latina e a construción dunha IA garantista
Fronte á cautela —ou mesmo ao retroceso— observable en América do Norte, América Latina preséntase como un espazo particularmente receptivo aos estándares europeos en materia de gobernanza da IA. A combinación dunha forte tradición constitucional en dereitos fundamentais e dunha crecente preocupación polos impactos sociais da IA propiciou respostas normativas que, en certos casos, non só reproducen o modelo europeo, senón que o intensifican ou reinterpretan desde categorías xurídicas propias.









