O próximo 23 de maio levarase a cabo en Cali (Colombia), o VII cumio da Alianza do Pacífico, entidade formalmente creada en xuño de 2012 por Perú, Colombia, Chile e México e que avanza na senda de constituírse como un novo bloque económico emerxente a nivel global, a tenor da súa atención e incidencia enfocada cara Asia.
O próximo 23 de maio levarase a cabo en Cali (Colombia), o VII cumio da Alianza do Pacífico, entidade formalmente creada en xuño de 2012 por Perú, Colombia, Chile e México e que avanza na senda de constituírse como un novo bloque económico emerxente a nivel global, a tenor da súa atención e incidencia enfocada cara Asia.
Cun PIB calculado en US$ 1,9 miles de millóns, o cal corresponde ao 40% do PIB latinoamericano, e un dinámico mercado de mais de 210 millóns de persoas, as consultoras internacionais comezan a observar este bloque como un mercado emerxente de investimentos a longo prazo. Esta perspectiva apunta claramente a tentar superar a preponderancia hemisférica de Brasil.
Entre as fortalezas deste bloque destacan un notable clima de negocios existente nos seus países membro, así como o un óptimo nivel de localización xeográfica (particularmente cara Asia pero igualmente como vértice de expansión en América Latina) e principalmente a persistencia de acordos de libre comercio con diversos países.
A existencia a partir de 2010 do Mercado Integrado Latinoamericano (MELA), conformado polas bolsas de valores de Santiago de Chile, Bogotá e Lima e da que se espera ingrese México para 2014, lle confire a esta alianza dun mecanismo de integración financeira líder a nivel latinoamericano en transaccións, capitalización e volume de negocios. Igualmente, os Parlamentos dos respectivos países membro da Alianza estudan mecanismos de integración lexislativa.
Cabe destacar que o cumio de Cali eventualmente anunciaría unha próxima expansión da alianza cara actuais membros observadores como Costa Rica e Panamá, toda vez o seu radio de actuación implica a presenza de observadores de carácter global como Xapón, España, Guatemala, Nova Zelandia, Canadá e Australia. Brasil, ao igual que Portugal e Paraguai, xa amosaron formalmente a súa intención de ingresar como observadores.
México como contrapeso
Precisamente, o eventual ascenso da Alianza do Pacífico como novo bloque comercial emerxente aborda diversos retos e perspectivas para Brasil e outros organismos de integración rexional, en especial MERCOSUR e, con menor incidencia, UNASUR, CELAC e a ALBA.
Tras unha década de ascenso fulgurante de Brasil como potencia económica emerxente, cun peso político e diplomático cada vez maior a nivel hemisférico, a actual conxuntura de recesión económica internacional está afectando o crecemento económico brasileiro, cuxo índice foi do 1% en 2012 aínda que as perspectivas de crecemento aumentarán a 3-4% en 2013, segundo o FMI.
Tomando en conta estes índices así como as análises provenientes de think tanks e consultoras financeiras, estaríamos asistindo a un eventual pulso estratéxico a nivel hemisférico entre un Brasil indubidablemente consolidado como a principal economía latinoamericana e unha Alianza en bloque, cuxos países veñen experimentando importantes índices de crecemento económico nos derradeiros anos.
Por tomar un exemplo: as previsións do FMI consideran que para 2013, Colombia, Chile e Perú crecerán por riba do 4% mentres México farano levemente por debaixo desa cifra. Con todo, existe un consenso nestas previsións en celebrar as reformas estruturais (económicas, educativas, xudiciais) que leva a cabo a presidencia de Enrique Peña Nieto, a través do denominado Pacto por México acordado polos principais partidos políticos dese país: o gobernante PRI así como o PAN e o PRD.
Así, os medios e consultoras internacionais esfórzanse por presentar a México como a nova estrela ascendente dentro do contexto hemisférico, un aspecto que mais ben semella estar orientado a equilibrar (ou ben contrarrestar) esa ata agora aparentemente incontestable preponderancia brasileira.
Barallando as cartas
Baixo este escenario de impulso económico da Alianza e, moderadamente de México como novo polo de atracción de investimentos externos, Brasil tentará revitalizar o MERCOSUR a través dunha eventual ampliación cara Ecuador e Bolivia, que lle permitan amortecer dalgún xeito o crecente peso da Alianza do Pacífico. Outros países con menor peso económico, como Surinam e Guíana, tamén están na lista de espera de ingreso a MERCOSUR.
Paralelamente, a revitalización do MERCOSUR deberá acometer novos desafíos e fortalezas, en especial en materia enerxética ante o ingreso total de Venezuela nos próximos meses, a pesar dos roces políticos internos establecidos neste organismo, especialmente por parte de Paraguai, co ingreso venezolano acordado en xullo de 2012.
Neste sentido, estaríamos asistindo a un tenue pulso xeopolítico entre o radio de actuación de Brasil e da propia Alianza do Pacífico. A recente vitoria conservadora en Paraguai focalizará un maior fomento desa visión de libre comercio inserida no marco da Alianza e tan celebrada polos organismos e consultoras financeiras internacionais. Fóra deste marco, resta observar cara onde dirime o seu pulso político nunha Arxentina que para finais deste ano celebrará unhas eleccións lexislativas con directa influencia de cara aos comicios presidenciais de 2015.
Pola súa banda, a recente reelección de Rafael Correa en Ecuador en febreiro pasado e as perspectivas dunha nova presidencia para Evo Morales en Bolivia, tras anunciar a súa candidatura avalada xudicialmente para os comicios de 2014, significarían para Brasil notables ganancias xeopolíticas en torno a súa periferia de influencia, gravitando levemente calquera contrapeso proveniente da Alianza.
No caso chileno, que irá a eleccións presidenciais a mediados de novembro próximo, o eventual retorno á presidencia da socialista Michelle Bachelet, co remate do goberno conservador de Sebastián Piñera, non semella alterar dun xeito significativo o mapa xeopolítico dentro da esfera de influencia da Alianza.
A estratexia cara Asia-Pacífico
En todo caso, o contexto implica retos e perspectivas mais de carácter xeopolítico que económico para o hemisferio occidental. A Alianza supón claramente unha extensión hemisférica da ALCA e dos acordos de libre comercio impulsados dende Washington.
De feito, México, Colombia e Chile son países estratexicamente aliados de EUA, mentres Perú, un dos países con maior crecemento económico nos derradeiros anos e presidido desde 2011 por un goberno de esquerdas da man Ollanta Humala, tenta nivelar todo tipo de equilibrios en canto aos marcos de integración, vía Alianza, UNASUR, CELAC e incluso dun xeito mais moderado, cara MERCOSUR e a ALBA.
A pesar de ser membros da UNASUR e, por tanto, de conformarse dentro da periferia xeopolítica brasileira, a viraxe de Colombia, México, Chile e Perú cara a área estratéxica de Asia-Pacífico, visualizada actualmente na constitución da Alianza do Pacífico, fai causa común coa pretensión da presidencia de Barack Obama de focalizar a estratexia da Asociación Trans-Pacífica (Trans-Pacific Partnership, TPP)
Chile, Perú e México forman parte da TPP( ) así como do Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC), o cal certificaría os pasos establecidos pola estratexia do “Arco do Pacífico Latinoamericano” exposta no cumio da TPP celebrado en Cusco (Perú) en outubro de 2010. Precisamente, Colombia está acelerando xestións para ingresar proximamente na APEC.
Neste sentido, unha Alianza do Pacífico inserida na TPP, contando co beneplácito de Washington e abarcando un radio de eventual expansión pola rexión andina, América do Sur e América Central, supón un contrapeso estratéxico de considerable efecto para Brasil, en especial tomando en conta a propensión de Brasilia por constituírse como o motor da integración sudamericana, politicamente activada a través da UNASUR e economicamente a través da revitalización de MERCOSUR.
Finalmente, están as inevitables comparacións. O MERCOSUR agrupa unha poboación maior que a Alianza, con mais de 243 millóns de habitantes e un PIB igualmente maior, calculado sobre o 52% a nivel rexional, alcanzando así os US$ 2,5 miles de millóns. Pero o comercio exterior dos países membros da Alianza supera ao dos países MERCOSUR, con especial incidencia cara o mercado asiático: entre 2007 e 2011, estes países rexistraron unha expansión promedio anual do 13% nas súas exportacións cara Asia.