Cabo Verde optimiza a cooperación

O intensísimo labor de relacións exteriores que está a realizar o goberno de Cabo Verde non deixa de dar froitos. Defensa, turismo, cooperación…, son algúns dos ámbitos que se están a tratar este mes por parte das autoridades africanas.

O ministro de Defensa de Angola, Kundi Payama, visitou ó seu homólogo, Armindo Mauricio, co obxectivo de reforzar a cooperación militar entre Praia e Luanda. Os caboverdianos esperan obter apoio na reestructuración das súas forzas armadas. Esto sen esquecer a visita prevista para xullo do Primeiro Ministro de Angola, Fernando da Piedade Dias dos Santos, con motivo da sinatura dun programa entre os dous países, facendo especial fincapé en aspectos como a pesca, agricultura, petróleo…

Desde o continente europeo, Italia mostrou un grande interese polo sector turístico do arquipélago e investiu preto de 150 millóns de euros en hostalería e servicios relacionados con este sector, sendo o país con máis investimento estranxeiro na zona. Pero ademais a presidenta do Centro de Promoción Turística, de Investimentos e Exportacións, Georgina Melo, anunciou que está tentando atraer investimentos italianos cara o ramo industrial.

Noutros aspectos cabe destacar o compromiso da Directora Rexional para África Occidental e Central do Fondo das Nacións Unidas para a Infancia, Rima Sallah, de garantir o compromiso do seu organismo con Cabo Verde. O actual programa de cooperación de UNICEF no arquipélago para o período 2000-2004, avaliado en 5,3 millóns de dólares, abrangue ós sectores de saúde primaria, ensino básico, abastecemento de auga e saneamento, desenvolvemento de políticas sociais e apoio a proxectos.

Este país africano conseguiu ademais ser o primeiro da zona con posibilidades de acceder ó programa Migración para o Desenvolvemento en África (MIDA), unha iniciativa da Organización Internacional das Migracións (OIM) para favorecer o reforzo das capacidades institucionais dos gobernos do continente. O proxecto MIDA procurará sensibilizar os cadros caboverdianos dos Estados Unidos, Francia, Holanda, Italia, Portugal e Senegal no sentido de apoiar o desenvolvemento do país.

Ten tamén pendente a aprobación dun crédito por parte do Banco Mundial de 11,5 millóns de dólares, destinados a financiar un proxecto de crecemento e competitividade, “Privatizacións e Regulación Institucional”, presupostado en 13 millóns de dólares. Sería unha actuación cuatrienal e serviría como instrumento de intervención do Estado no cadro de desenvolvemento do sector privado e financeiro do lugar. Permitirá a reforma das pensións, o reforzo da capacidade de supervisión do Banco Central… Nos 20 anos que levan cooperando as dúas partes, o Banco Mundial financiou 15 proxectos e un programa de axuste por valor de 185 millóns de dólares, case 150 xa foron reembolsados.

A pesar de todo isto, o representante Permanente de Cabo Verde nas Nacións Unidas, Luis Fonseca, di que o seu país non debe permanecer indefinidamente no grupo dos países menos avanzados (PMA), pero tampouco debe abandonalo sen garantías de que tal abandono non supoña retrocesos no desenvolvemento xa alcanzado polo arquipélago.