A pneumonía

Máis de mil casos de pneumonía atípica se recoñeceron oficialmente na capital chinesa. Existen factores que dificultan o desenvolvemento dunha loita eficaz contra a epidemia, a pesar dos denodados esforzos das autoridades por contrarrestalo con medidas drásticas, aínda que algunhas tardías. Fálase, moito e claro, das enormes deficiencias do sistema de saúde chinés que nos últimos vinte anos quedouse moi atrás respecto ás necesidades e problemas dunha sociedade máis complexa, dinámica e con maiores esixencias. Segundo fontes oficiais chinesas, nas últimas décadas xurdiron ata 27 clases novas de enfermidades contaxiosas no mundo, e delas 15 se localizaron en China. Pero serviu de ben pouco para tomarse en serio o problema. Ata o ano pasado non se creou o Centro de Prevención e Control de Enfermidades, dirixido por Li Liming.

Deficiencias e excesos forman parte do mesmo desequilibrio. Non soamente faltan médicos, enfermeiras ou camas nos hospitais, tamén se mentou o uso abusivo de antibióticos como causa que puidera facilitar a resistencia da enfermidade nos pacientes. Outro factor importante é o debilitamento daqueles controles que non sexan estrictamente políticos nunha sociedade que en aras do desenvolvemento sostén a unha poboación flotante duns cen millóns de persoas. O goberno ten agora moi serios problemas para supervisar a epidemia en varias zonas do país ou asegurar o seu control estricto en moitas zonas rurais. Á eliminación dos severos controles do maoísmo non sucedeu unha mínima organización racional que vertebrase, sobre outras bases, o conxunto do país.

China pode pagar un elevadísimo prezo por desatender a dimensión social do proceso de reforma. O país experimentou nas últimas dúas décadas un inmenso cambio nos modos e condicións de vida. Todo iso, o auxe das actividades comerciais e as transformacións de todo tipo, provocaron un enorme trasego que hoxe soga á contra. Máis alá de especulacións conspirativas tan populares en numerosos sectores, quizais non sexa tan casual que o primeiro caso se detectara na provincia de Guangdong, onde se concentra case o 40 por cen das exportacións do país e que coñeceu taxas de crecemento medio anual do 15 por cen.

No ámbito económico, o impacto da epidemia pode ser moi serio. Difíciles de avaliar aínda na súa totalidade, os efectos negativos a ninguén escapan. Sen dúbida vai a desacelerar o ritmo dos investimentos estranxeiros ““50.000 millóns de dólares en 2002, superando a EEUU-; propiciará a contracción da demanda interna, como podemos percibir xa; afectará ao desenvolvemento do seu comercio exterior ““cando acadara a quinta posición en volume de comercio mundial, por diante do Reino Unido-. En suma, o clima xeral de incertidume afectará ao turismo, aos transportes, e reducirá non soamente os movementos de persoas, tamén de capital e mercancías.

Todo un reto para Hu Jintao, o novo líder chinés. Nas súas mans se concentra toda a capacidade disponible para afrontar a crise e dispón dunha ocasión única para fortalecer a súa imaxe ante a opinión pública e incrementar a súa base de poder interno, aínda feble. A loita comeza sendo contra a pneumonía pero pode acabar con serias divisións ou cambios na cúpula do Partido e do goberno. O reflexo da evolución da enfermidade nos medios de comunicación pode dar a pauta do nivel de consolidación de Hu e da súa capacidade para introducir persoas afins e reforzar o combate á pneumonía. Do contrario, os seus rivais, ben poderían verse tentados de aproveitar a difícil conxuntura para propiciar o dramático fracaso da súa breve dinastía, dando ao traste (¡un virus, quen o diría!), coa transición máis planeada e tranquila da recente historia china.