Catadura moral e documental

Quedou sobradamente demostrada a connivencia. Non é mera suposición ou interesada interpretación dos feitos. Estados Unidos tivo información permanente dos asasinatos, torturas e desaparecidos da dictadura arxentina, segundo se desprende dos documentos desclasificados recentemente en Washington, pero non tivo a máis mínima piedade. Pasou hai vintetantos anos e nada se aprendeu dende entón, máis que, con independencia dos inquilinos da Casa Branca, unha dinámica perversa á que non resultan alleos intereses económicos, xeopolíticos e militares, nutre o sistema dunhas calamidades sen as que non pode sobrevivir.

Estados Unidos se nega a investigar as fosas comúns que unha ONG descubriu en Afganistán e na que foron soterrados centos de prisioneiros talibáns falecidos por asfixia durante o seu traslado, efectuado en camións pechados a cal e canto baixo supervisión das tropas estadounidenses. Pasou hai escasos meses e quizáis accedamos aos "documentos" dentro de vintetantos anos. En Guantánamo, ducias de presos, sen garantías, desprovistos dos máis elementais dereitos, detidos indefinidamente, ameazan con suicidarse nun clima de total desesperación.

Máis revelacións: Estados Unidos, que mirou para outro lado cando as tropas de Sadam Husein aniquilaban sen contemplacións as forzas democráticas do Curdistán, axudou en segredo a Iraq na súa guerra contra Irán pese a saber que usaba armas químicas. Vanse filtrando os documentos que o demostran. Agora Bush se desvive por asestar un seica definitivo golpe ao líder iraquí mentres planea enviar comandos por todo o mundo en operacións antiterroristas, impulsa pactos bilaterais que garantan a inmunidade dos seus "cascos azuis" para situalos fóra do alcance do Tribunal Penal Internacional ou soña en convertir a un millón de cidadáns en espías do FBI. Noutra orde, e cunha marxe de manobra interna e exterior inédita, o Presidente recibe plenos poderes do Congreso para o establecemento de acordos comerciais. O imperio vai tendo ao seu emperador. Pero xusto no momento en que é acusado de defender máis ás empresas que á cidadanía e con sobradas sospeitas públicas de complicidade persoal e de varios membros do seu gabinete cunhas corporacións en crise por mor das lagoas dunha contabilidade que adoece de enormes doses de fantasía.

A catadura moral do Presidente e goberno da hiperpotencia leva camiño de ser incluida no Guinnes. E asi, con semellantes antecedentes, resulta que este ven sendo o país que expide hoxe certificados de dignidade e boa conducta, que decide quen debe ser xulgado e quen protexido, quen derrocado ou quen condecorado e aplaudido. Mesmo apoia a loita contra a corrupción en América latina… Son noticias de agosto, mentres na Casa Branca se apuran os preparativos para a posta en marcha dunha oficina destinada a mellorar a imaxe de Washington no estranxeiro e que debe contrarrestar o odio, as críticas e a incredulidade, si, increíblemente aínda presentes en moitos sectores da sociedade internacional despois do 11 de Setembro.

Bush da moito de si. Hai máis. Cando os familiares das víctimas do atentado anuncian a interposición dunha demanda para reclamar indemnizacións a quen consideran responsables solidarios do ataque atribuido a Ben Laden, un portavoz aludía ao patriotismo desta acción legal, destinada a resarcir os danos morais e materiais provocados por aquela acción suicida. Na exhaustiva lista de demandados, príncipes saudíes incluidos que rapidamente, supoño, abrirían novas contas en Marbella para repatriar os capitais que aínda quedaban na zona cero, resulta especialmente chamativa a exclusión da CIA ou do Departamento de Estado, e mesmo a algún Presidente implicado na guerra suxa contra o invasor soviético en Afganistán. Este patriotismo consiste iso: pechar os ollos ante a evidencia e agardar vintetantos anos pola transparencia.