China ás portas da OMC

Mentres importantes sectores progresistas do mundo occidental cuestionan amplamente o funcionamento e obxectivos da Organización Mundial do Comercio (OMC), China, o gran xigante asiático, a séptima economía do mundo en tamaño e formalmente aínda un país comunista, ansía consumar a súa entrada no maior cónclave comercial do planeta (actualmente agrupa a 135 países), catorce anos despois de solicitar o seu ingreso no vello GATT (Acordo Xeral sobre Comercio e Aranceis). ¿Será Beijing a voz que reivindique, dende dentro, unha orde económica internacional que teña máis en conta os intereses dos países en vías de desenvolvemento? Son comprensibles tantas razóns para o escepticismo habida conta de que China nada quer saber de bloques nin lideratos internacionais, pero o debate na Ronda do Milenio promete animarse un pouco máis con esta incorporación. Dos grandes, únicamente Rusia quedará fóra por un tempo.

O desbloqueo da situación, logrado despois do acordo asinado coa Unión Europea, coincidiu coa aprobación por parte da Cámara de Representantes de Estados Unidos da concesión do estatuto permanente de relacións comerciais que evita o exame anual das relacións bilaterais con China. En Beijing, a pesar da incomodidade dalgúns condicionamentos, notoriamente en relación ós dereitos humanos, ambas as dúas noticias transcenderon o ámbito estrictamente económico para reforzar, no político, ós sectores máis abandeirados da reforma e a apertura ó exterior, nomeadamente ó primeiro ministro, Zhu Rongji.

As consecuencias da entrada de China na OMC van ser importantes. Estamos a falar de que a quinta parte da humanidade abrirá as súas portas ó mundo exterior en sectores tan importantes como as telecomunicacións, a banca ou a distribución. Os aranceis vanse reducir considerablemente e eliminaranse moitas barreiras alfandegarias. Para o país asiático, a entrada na competencia constitúe un gran reto que a pilla nun momento delicado, en especial polas dificultades dun sector público que atravesa un peródo de reforma estructural. A decisiva agricultura chinesa pode naufragar. Os aperturistas afirman que non hai outro camiño para proseguir con altas cotas de crecemento e garantir a estabilidade; os máis escépticos afirman que unha apertura pouco meditada pode levar á quebra a numerosos sectores e alentar a inestabilidade política e social. O esforzo dos próximos anos vai ser grande para todos.

China xa non é un mercado sen competencia, pero ábrese a derradeira oportunidade para inversores atentos. O éxito da visita que en Maio pasado realizaron a este país algúns representantes do sector da moda galega da conta das posibilidades existentes. Oriente non é tan lonxano.