Colombia: a pax de Santos

Alén de constituír un histórico acordo, a aceptación o pasado 6 de novembro na Habana (Cuba) do segundo punto da axenda de negociacións que levan a cabo as delegacións do goberno de Juan Manuel Santos e a dirección xeral das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Exército Popular (FARC-EP), relativo este á participación política, explica a apertura dunha serie de escenarios políticos en Colombia que, a curto prazo, dirimen a súa atención de cara aos comicios presidenciais pautados para maio de 2014. 

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Alén de constituír un histórico acordo, a aceptación o pasado 6 de novembro na Habana (Cuba) do segundo punto da axenda de negociacións que levan a cabo as delegacións do goberno de Juan Manuel Santos e a dirección xeral das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Exército Popular (FARC-EP), relativo este á participación política, explica a apertura dunha serie de escenarios políticos en Colombia que, a curto prazo, dirimen a súa atención de cara aos comicios presidenciais pautados para maio de 2014. 

O texto do comunicado que establece este acordo(1) aborda aspectos de indubidable carácter histórico para Colombia nunha negociación que entraba nunha fase estratéxica e decisiva, tras haberse aprobado meses atrás o primeiro punto dos seis da negociación, relativo á reforma agraria. En resumo, os puntos principais deste comunicado establecen as garantías de participación no exercicio da oposición política; a apertura de mecanismos democráticos de participación cidadá; os pasos necesarios para determinar a finalización do conflito armado; e a discusión pública sobre a inserción no escenario político nacional dun movemento político afín ou derivado das FARC-EP.

Así e todo, este acordo abre un paréntese de esaxerados triunfalismos aderezados cun obvio escepticismo na sociedade e na opinión pública colombiana, en especial no relativo ao desarme e participación política e electoral da guerrilla. Diversos sectores da opinión pública colombiana denotan a “vaguidade” de certos aspectos deste acordo, sensación que imprime un carácter de maior incerteza sobre a viabilidade do mesmo.

Obxectivo: illar ao “uribismo”

Contextualizando este acordo de cara á realidade política colombiana, o mesmo descifraría unha especie de pacto táctico entre o presidente Santos e as FARC-EP de cara aos comicios presidenciais de maio próximo. Neste sentido, as cartas políticas tras este acordo favorecerían obviamente as perspectivas de Santos de presentarse á reelección, amparado polo feito de poder converterse no presidente que alcanzou a paz coa guerrilla. Igualmente, as cartas de Santos teñen especial incidencia na súa tentativa por illar a un “uribismo” que tenta reconcentrar a atención política nos meses previos a estes comicios.

Neste sentido, o ex mandatario Álvaro Uribe Vélez volve á escena política para tentar recobrar un protagonismo visiblemente opacado trala súa saída presidencial en 2010, a mans do seu “delfín” e ex ministro de Defensa, un Santos cuxo distanciamento político do seu “protector” Uribe (que raia na rivalidade) supón un aspecto que practicamente determina e condiciona o escenario político actual no país andino.

Tanto como o escepticismo e os triunfalismos que rodean a este acordo, outras perspectivas deben tomarse en conta. En todos os meses de negociacións entre o goberno e a guerrilla non existiu tregua algunha no conflito armado. Mentres as delegacións negociaban na capital cubana, o Exército e as FARC seguían a enfrontarse en diversos “escenarios de guerra”, aínda que visiblemente cunha intensidade moito menor que antano.

Para as FARC, a eventualidade de poñer fin ao conflito armado mais prolongado da historia latinoamericana, con cinco décadas de enfrontamento, supón abrir diversos retos políticos. Erosionada a súa capacidade militar desde 2008, “descabezado” dos seus principais líderes político e militares e con numerosas desercións e baixas, o comando central das FARC-EP, actualmente en mans do “comandante Timochenko” e dos operadores políticos alias “Iván Márquez” e “Rodrigo Granda”, busca obviamente obter ganancias políticas a través de garantías de participación política cuxas secuelas polarizan á sociedade colombiana.

Un dos principais aspectos desta polarización, con visibles cores reaccionarios, está estipulado nas declaracións públicas da Procuradoría e do poder xudicial colombianos de impedir a eventual participación política de “Timochenko”, Márquez ou Granda, así como a hipotética amnistía a xefes políticos e militares da guerrilla acusados de crimes de lesa humanidade. Diversos analistas colombianos especulan que detrás destes poderes públicos estarían as forzas reaccionarias do “uribismo”(2), visiblemente contrariados pola eventualidade dun acordo histórico de paz entre Santos e as FARC-EP. Non obstante, non está claro se a guerrilla, a través dalgún movemento político afín ou en proceso de construción, poida participar nos próximos comicios.

Con todo, e a pesar do escepticismo e das inevitables incertezas sobre este acordo, o mesmo supón unha evidente ganancia política de carácter “suma variable” para Santos e as FARC-EP, moi probablemente coa intención de obter unha ganancia global “suma cero” sobre o “uribismo” e as forzas reaccionarias. Para Santos, estas ganancias focalízanse na perspectiva de fortalecer uns niveis de popularidade erosionados polos recentes conflitos rurais cos movementos campesiños, así como para potenciar a súa candidatura para alcanzar unha eventual reelección presidencial.

Para a guerrilla, a ganancia establécese en obter unha “válvula de osíxeno” de carácter político que, eventualmente, lle outorgue un carácter de lexitimidade para acometer o reto da participación política, ingresando así no marco da legalidade establecida no proceso constituínte colombiano de 1991 a través dun pausado desarme.

Todo iso sen obviar o prisma do escenario internacional, onde gobernos garantes da negociación entre Santos e as FARC, como son os casos de Cuba e Venezuela, sinalados dende diversos ángulos como “protectores” da guerrilla colombiana, alcanzan un notorio éxito diplomático, ó mesmo tempo que outros países garantes deste proceso como Noruega e Chile. Tras este paso histórico, resta por ver se estas ganancias “suma variable” impliquen a definitiva pacificación do conflito colombiano.



(1) “Comunicado conjunto tras acuerdo de participación política”, El Tiempo (Colombia), 6 de novembro de 2013. Ver en: http://www.eltiempo.com/politica/ARTICULO-WEB-NEW_NOTA_INTERIOR-13163052.html

(2) HERNÁNDEZ, Jorge Andrés; “El acuerdo con las FARC: ¿Fase final de la transición política colombiana?”, Razón Pública (Colombia), 11 de novembro de 2013. Ver en: http://www.razonpublica.com/index.php/conflicto-drogas-y-paz-temas-30/7185-el-acuerdo-con-las-farc-%C2%BFfase-final-de-la-transici%C3%B3n-pol%C3%ADtica-colombiana.html