¿Compló en Katmandú?

Como aconteceu en tantos outros magnicidios, será difícil que nos sorprendentes sucesos de Nepal se chegue a esclarecer o que realmente pasou, se a novelesca matanza por insolidariedade pasional que adiantaron as primeiras versións, extraño accidente como suxeriu o rexente, ou un compló con incuestionables beneficiarios, externos e internos. O único dato certo é que a morte do rei Birendra e boa parte da súa familia implica a asunción do poder por parte do seu irmán, o agora rei Gyanendra, crítico coa política de reformas auspiciada dende o palacio real.

Birendra gobernou o país durante trinta anos baixo un réxime de monarquía absoluta. En 1990 iniciou unha tímida modernización do Estado mediante unha apertura que contemplaba a asunción do pluralismo político e sindical. Isto permitiu un certo alivio da tensión social, provocada tanto pola persistencia dunha guerrilla maoísta que controla importantes zonas do seu territorio como pola crecente organización das forzas de oposición, mobilizadas por unha realidade social tan dura como inaceptable. O principal movemento opositor é o Partido Unificado Marxista-Leninista.

O exotismo que acompaña a imaxe das monarquías orientais contrasta cunha realidade que lamentablemente o rei Birendra non foi quen de alterar para mellor. A unha media de case un goberno por ano, hoxe, a crise social do país do Yeti é inmensa. Entre as dúas grandes estacións de traballo agrícola, a da semente e da colleita, o subemprego afecta a máis da metade dunha poboación con case un cincuenta por cento de xóvenes menores de dazaoito anos. Milleiros de homes, mulleres e nenos atravesan entón a fronteira india para achegarse a Delhi ou Bombai e mergullarse nas amplas redes do sector informal que extenden os seus tentáculos por toda a rexión. No propio Nepal, o sector informal está omnipresente. En ámbitos como a agricultura ou a confección, o emprego baséase na escravitude por débeda, un sistema que combina a concesión de préstamos con elevadísimas taxas de xuro co pago en traballo, en condicións dunha desmedida explotación, con xornadas de ata 18 horas diarias ou a entrega “en usufructo” dalgún fillo como carne de cañón ata que a débeda se cancele. Son as outras víctimas doutro compló, ben organizado, que non disfrutan do eco do magnicido, pero destinados a padecer unha morte lenta e miserable.

O novo rei Gyanendra non comparte o ideario político do seu irmán e recentemente alertaba sobre a crise da monarquía dende as páxinas do “The Hindustan Times”, a súa incapacidade para coutar a violencia, a crecente influencia hindú con serio perigo, dicía, de erosionar a soberanía do país, e mesmo facendo un chamamento patriótico para “Salvar a Nación”. Unha maior sensibilidade nacionalista e un apego aos modos autoritarios conforman os sinais de identidade do novo rei. A viraxe que moitos agardan cara a China (The South China Morning Post asegura que mantén bos contactos cos rebeldes maoístas), vai ter implicacións estratéxicas na rexión.