Condicionamentos da relación hispano-arxentina

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

A diplomacia das sinaturas non é ningún concepto novidoso. Nunha era caracterizada pola globalización e o triunfo dunha orde económica internacional de tendencia liberalizadora, o papel das compañías transnacionais convértese en fundamental para o desenvolvemento da política exterior de determinados estados. No caso da Arxentina, esta tendencia pode estar a conformar as características definitorias dunha nova relación bilateral con España.

España foi nos anos 90 o segundo investidor estranxeiro na Arxentina, tras os EEUU. Empresas españolas como Telefónica, Endesa, Gas Natural, Aguas de Barcelona, Repsol, o SCH ou o BBVA introducíronse no país a través do proceso de privatización de servizos públicos (telefonía, electricidade, gas, auga) desenvolvido polo ex presidente Menem ou simplemente a través da compra de empresas privadas xa existentes.

Hoxe en día estas empresas, que chegaron ao país nunha situación totalmente diferente á actual, resultante da crise económica, a devaliación e o default, atópanse nunha situación moi complicada. Endebedáronse en dólares no mercado internacional de capitais para mercar unha serie de activos que arestora valen tres veces menos cá o que se pagou por eles. Os seus ingresos foron pesificados e as tarifas que cobran pola prestación dos seus servizos foron conxeladas. As empresas reclámanlle ao goberno arxentino que lles permita aumentar as súas tarifas para recuperar a súa rendibilidade. O goberno insiste en que calquera eventual suba de tarifas so pode ter lugar no marco dunha renegociación integral dos contratos de concesión dos servizos.

O caso de Repsol é especial. A compra da empresa pública arxentina YPF permitiulle o acceso a reservas tales de petróleo que se converteu nunha das empresas de referencia a escala mundial. A súa discusión co goberno arxentino adquire un perfil baixo debido á bonanza do seu rexime regulamentador e se limita a actuar para manter a lei que a autoriza a liquidar o 70% dos seus ingresos no exterior. Cómpre mencionar que o principal centro de actividade de Repsol en Arxentina é a provincia de Santa Cruz, feudo do Presidente Kirchner, con quen manteñen unha fluída relación, o que os leva a desmarcarse en ocasións dos problemas que afectan ao resto dos empresarios españois.

As empresas non ameazan, cando menos abertamente, con se ir do país se non se modifica substancialmente o seu actual marco de inseguridade xurídica, pero é unha posibilidade que se deixa sentir (tería consecuencias moi serias para o país de chegar a acontecer). O goberno arxentino considera que non teñen dereito a efectuar reclamación ningunha, xa que durante os anos do menemismo participaron e colaboraron co sistema corrupto que levou o país á situación en que se atopa. Sen pretender estenderse demasiado neste tema, en máis dunha ocasión, e no marco da negociación que ten lugar, en Bos Aires teñen lugar grandes apagóns de luz que as empresas atribúen á súa falla de capacidade de renovación dos equipos pola súa mala situación económica, e o goberno cualifica de escuras manobras de presión coa poboación como suxeito interposto.

A situación é tan complicada que a relación bilateral hispano-arxentina aparece condicionada pola solución da controversia existente entre estas empresas (agrupadas en torno á Fucaes, Fundación Cámara de Comercio Española) e o goberno arxentino.

Non é o obxectivo deste artigo valorar o acontecido durante os procesos de privatización e tomar unha posición respecto ás acusacións de colaboración coa corrupción do menemismo que o Presidente Kirchner formulou na súa viaxe a España. Moitos arxentinos pensan que se as empresas non xeran máis ruído na súa defensa, isto se debe a que o goberno podería comezar a desempoar información sobre o pasado que as poría nunha situación aínda máis complicada. Na súa recente visita aos Estados Unidos, Kirchner asegurou que se non hai máis empresas norteamericanas no país, isto se debe á súa negativa a pregarse ao poder político do momento. Cumpriría mencionar que en plena campaña electoral, un nutrido grupo de empresarios españois celebrou unha comida no luxoso Hotel Alvear de Bos Aires co entón candidato Carlos Menem. Aquel día pronunciouse a frase da que probablemente aínda estean arrepetíndose: "Señor Presidente, vostede foi un interlocutor excelente e representa o compromiso da palabra dada, sen embargo, hoxe Arxentina camiña sobre escombros..", e a través da que quedou clara cal era a aposta política das empresas respecto ao futuro do país. Néstor Kirchner semella ter tomado nota do nada encuberto apoio que lle brindaban non so ao seu contrincante, senón ao modelo de país que pretende sinalar como responsable da situación actual.

É este o contexto no que o goberno español debe actuar. Arxentina e España atópanse unidas por inseparables vencellos históricos e culturais. Por unha pluralidade de factores, España é o principal aliado de Arxentina en Europa. Ao longo do ano 2002, tamén se sumou á axenda o factor migratorio. España é o principal receptor da emigración post-crise arxentina (125.000 persoas nun ano). Neste sentido, elevar o enfrontamento entre as súas empresas e o goberno arxentino ao nivel da relación bilateral, podería ter un alto custo de imaxe que España non pode asumir. Ao mesmo tempo, no que se refire ás relacións económicas, as nosas empresas xa foron declaradas culpables de se beneficiar da corrupción imperante e enriquecerse mentres o país se afundía. ¿Como pode España contrarrestar esta situación? É máis, ¿ten algunha posibilidade de actuación ao respecto?

En outubro de 2002, o Ministerio de Economía español decidiu actuar respecto á crise arxentina e lle outorgou un creto de 100 millóns de euros con destino á cobertura de necesidades de urxencia da poboación. A metade dese diñeiro outorgaríase con creto ao FAD (Fondo de Axuda ao Desenvolvemento) e a outra metade se instrumentará por medio dun programa de Cooperación Económica e Financeira entre ambos países e ao mesmo tempo con cargo ao FAD. Varios meses despois, na rolda de prensa conxunta de Aznar e Kirchner durante a visita de este a Madrid, Aznar volveu declarar que España era o principal aliado da Arxentina nestes momentos: "Arxentina axudou a España cando aquí se pasaba fame e España non esquece iso". Merece a pena desmontar o mito xerado en torno aos barcos cargados de alimentos que o goberno de Perón enviou a España na posguerra. Arxentina tiña naquel momento serias dificultades para introducir os seus productos alimenticios en Europa e os envíos nunca foron doazóns, senón vendas por encima do prezo do mercado. Pero tampouco é este o tema deste artigo.

A pregunta que cómpre facerse é se existe algunha relación entre a firmeza (eufemismo para se referir a graves acusacións de corrupción e beneficios desorbitados) expresada polo goberno arxentino respecto aos intereses económicos españois no país, e a nula resposta (polo menos en público) por parte do goberno español na defensa dos seus intereses. España volve a aparecer vencellada a través de Telefónica, Repsol, etc… ao mito dos "novos conquistadores" e o goberno en cambio concede axuda financeira a quen acusa, se compromete a exercer un labor de apoio ante o FMI e a UE e declara que buscará unha solución especial e imaxinativa en relación aos máis de 100.000 arxentinos que poderían atoparse en España en situación ilegal. Se isto chegase a acontecer, ¿canto tardarán os gobernos colombiano ou ecuatoriano en pedir un trato igualitario (os seus cidadáns requiren visado para entrar en España) en virtude da súa pertenza á mesma "comunidade latinoamericana de nacións"?

Como conclusión pode afirmarse que a relación bilateral entre España e Arxentina está a sufrir unha seria modificación. O goberno arxentino tomou unha postura claramente ofensiva que se xustifica á perfección e se complementa coas necesidades domésticas do Presidente Kirchner, e o goberno español non ten a capacidade nin a marxe de manobra para responder como correspondería ao seu maior peso específico como país. O goberno arxentino construíu á perfección un "discurso de excepción" que tivo como efecto "securitizar" a situación das empresas prestadoras de servizos públicos e sacala, polo tanto, do ámbito normal de resolución institucional das controversias ata tal punto que algunhas empresas decidiron denunciar ao país ante o Ciadi (Organismo de Resolución de Controversias do Banco Mundial).

A cuestión afecta ao modelo de país, á crítica do goberno e ao modelo anterior e ademais constitúe unha cuestión de defensa da soberanía nacional fronte ao capital estranxeiro. ¿ Que marxe de manobra lle resta a España en relación a esta situación?. ¿Está capacitada para deseñar un "discurso de excepción" que a habilite a tomar medidas de presión excepcionais?. Se asi o fixese, o custo en imaxe, non so no país senón no contexto latinoamericano e ante a súa propia poboación, sería alto, xa que a política de defensa das multinacionais non é hoxe en día a máis popular para ningún goberno.

O exemplo da especial relación do Presidente Kirchner coa empresa Repsol pode servirnos para razoar que non existe unha predisposición contra as empresas en por si e que está disposto a chegar a acordos coas mesmas. Si nos atopamos, en cambio, ante unha disposición política contra algunhas empresas que poden ser utilizadas como "chibo expiatorio" na construcción dun discurso ante a poboación que pode durar tanto como os propios procesos electorais dos que depende Kirchner nestes momentos.

De ser así, e unha vez producidos os realiñamentos políticos na Arxentina que non poden demorarse mais alá deste mesmo ano, esta "discrepancia bilateral" se solucionaría mediante as canles de negociación habituais e se tería quedado nun discurso oportunista de reivindicación da soberanía nacional. Se nos atopamos, en cambio, ante unha modificación estructural e ao longo prazo da política arxentina respecto dos intereses económicos estranxeiros no país, a relación bilateral con España entrará nun novo capítulo de tensión no que España terá que modificar o seu discurso e adaptalo á realidade de "acusación e firmeza" coa que se está a atopar no país. Nin España pretende que ese sexa o novo paradigma de relación cun dos seus principais socios de Latinoamérica, nin Arxentina debería permitirse unha relación máis baseada na controversia que na cooperación con quen ata o de agora amosou ser un dos seus mellores e mais firmes aliados.