De Caracas e Bos Aires

A ausencia de Cristina Fernández de Kirchner na toma de posesión do novo presidente arxentino Mauricio Macri e a virulenta reacción do presidente venezolano Nicolás Maduro ante a maioría absoluta alcanzada pola oposición na Asemblea Nacional nas recentes eleccións lexislativas, son aspectos que determinan unha aparente convicción de apostar pola vía da confrontación directa, minimizando os canais do diálogo e da negociación, necesarios para garantir o equilibrio de poderes en contextos trazados pola forte polarización. Toda vez, ambas actitudes menoscaban calquera tentativa crible de fomentar unha revisión estrutural das súas respectivas derrotas electorais, en aras de preservar un establishment de poder que pode verse seriamente contestado e contrariado a mediano prazo, principalmente no caso venezolano.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

A ausencia de Cristina Fernández de Kirchner na toma de posesión do novo presidente arxentino Mauricio Macri e a virulenta reacción do presidente venezolano Nicolás Maduro ante a maioría absoluta alcanzada pola oposición na Asemblea Nacional nas recentes eleccións lexislativas, son aspectos que determinan unha aparente convicción de apostar pola vía da confrontación directa, minimizando os canais do diálogo e da negociación, necesarios para garantir o equilibrio de poderes en contextos trazados pola forte polarización. Toda vez, ambas actitudes menoscaban calquera tentativa crible de fomentar unha revisión estrutural das súas respectivas derrotas electorais, en aras de preservar un establishment de poder que pode verse seriamente contestado e contrariado a mediano prazo, principalmente no caso venezolano.

Ambos contextos definen escenarios levemente similares. Macri asume a presidencia cun Congreso dominado polo “kirchnerismo” ata os próximos comicios lexislativos pautados para finais de 2017. Polo contrario, a presidencia de Maduro deberá cohabitar ata o 2020 cunha Asemblea Nacional maioritariamente opositora, con facultades para propiciar profundas reformas constitucionais que moi probablemente alterarán a estrutura institucional “chavista” instaurada desde 1999. Así mesmo, o fortalecemento lexislativo da opositora Mesa da Unidade (MUD) moi probablemente afianzará o seu principal obxectivo a mediano prazo: dar curso a un pretendido referendo revogatorio contra a xestión de Maduro, constitucionalmente factible a partir de 2017, cando se cumpra a metade do seu mandato presidencial.

Outro aspecto diametralmente comparativo ten que ver cos niveis de popularidade dos líderes dos movementos electoralmente derrotados. En vésperas da asunción presidencial de Macri, o “kirchnerismo” liderado por Cristina Fernández de Kirchner fixo un masivo pulso de mobilización popular, en chave de despedida política. Nese acto popular, Cristina K removeu sentimentos de forte carga simbólica cando asegurou que o seu legado é “o empoderamento político das clases populares”. O reflexo inmediato deste pulso evidenciouse co boicot “kirchnerista” de asistir á cerimonia de xuramento presidencial do novo presidente arxentino, toda vez Cristina K viaxou ao seu reduto político da provincia de Santa Cruz para asistir á toma de posesión do poder provincial da súa cuñada. Por certo, o candidato “kirchnerista” Daniel Scioli si estivo na toma de posesión presidencial de Macri.

Se ben Cristina K e o “kirchnerismo” deron fe de fortaleza política como simbólica “benvida” a Macri, polo contrario o “chavismo” liderado por Maduro e o actual presidente da Asemblea Nacional, Diosdado Cabello, reaccionaron dunha forma mais virulenta ante o triunfo opositor, aspecto que pode terminar resultando politicamente contraproducente.

Maduro congregou inmediatamente ao seu gabinete e ao Alto Mando Militar, en clara sinal de evitar fisuras que aparentemente comezan a aflorar entre a presidencia e a institución castrense, para posteriormente convocar unha xuntanza nacional do oficialista Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), coa finalidade de revisar os factores que levaron á derrota electoral.

No medio, Maduro anunciou unha arremetida “revolucionaria” ante o triunfo do “fascismo” opositor, asegurando igualmente unha renovación do Tribunal Supremo de Xustiza (TSX), en claro desafío institucional ante a nova Asemblea Nacional que asumirá o próximo 5 de xaneiro. Así mesmo, negouse a emitir decretos de liberación dos presos políticos, desestimando unha das principais bazas políticas da MUD na próxima Asemblea, mentres reafirmou a inmobilidade laboral por tres anos mais, respondendo así ás igualmente virulentas declaracións do membro da MUD e futuro deputado Henry Ramos Allup, cuxas expectativas o sinalan como o próximo presidente da Asemblea Nacional, e quen declarou esta semana que “revisarían” o contido informativo da canle televisiva do poder lexislativo (ANTV), considerado polos sectores opositores como abertamente “chavista”.

En ambos casos, o arxentino e o venezolano, a economía pulsa os resortes dunha crise política cada vez mais latente. O clima de beneplácito observado nos mercados internacionais e en vastos sectores da opinión pública ante os triunfos electorais de Macri e da MUD anuncia focos de confrontación que inevitablemente obstaculizarán o necesario diálogo e a convivencia política. Con diagnoses moi distintos, Arxentina e Venezuela presentan síntomas similares de contracción económica, elevada inflación (moito mais grave no caso venezolano) e constantes riscos de default financeiro, que deberán ser agora acometidos por Macri dende o goberno e a MUD dende a Asemblea Nacional.

No medio está un pulso latente de dous movementos sociopolíticos ata agora hexemónicos que ven contestados agora os seus liderados. É moi posible que Cristina K sega manexando os fíos dun “post-kirchnerismo” receoso dun Scioli politicamente derrotado, fortalecendo as perspectivas de cara ás lexislativas 2017 que impliquen un eventual retorno político da xa ex presidenta arxentina.

Pero no caso venezolano, a cúpula do PSUV manexada por Maduro e Cabello vese claramente contestada por un electorado que aplicou un “voto castigo” desta vez favorable á MUD, pero que pode agora intensificarse dende as bases sociais e populares do “chavismo”, a tenor da emerxencia de sectores disidentes (Marea Socialista) que ferven de autocrítica e da busca de responsabilidades á abafante derrota electoral, claramente dirixidas contra Maduro e Cabello. Contrastes e vidas paralelas, en Caracas e Bos Aires, que definen unha etapa marcada polo radicalismo reaccionario.