Por Prudencio Viveiro Mogo, recensión publicada orixinalmente no nº47 da Revista Tempo Exterior
transiciongaliza

A Transición en Galiza’, Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán (coord.) Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 2023

No limiar da recente reedición da súa novela Un home que xaceu aquí (Galaxia, 2023), o escritor Aníbal Malvar apunta: “No tempo desta novela, Galicia era un territorio realmente máxico, máis escrito por fabuladores que por historiadores”. A referencia é, xaora, ao tempo da coñecida como Transición á democracia. E ten razón.
Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Palabras chave Galicia

O relato da Transición española estivo até hai ben pouco en mans de xornalistas e outros creadores de opinión en xeral. Unha narrativa, tamén hai que dicilo, que tendeu á haxiografía e pouco dada a cuestionar o que se consideraba como un proceso modélico. A actitude das persoas profesionais da Historia tampouco axudou: con razón se afirma que historiadores e historiadoras vemos mal de preto!

Co paso do tempo a Transición vaise situando cada vez máis como obxecto de estudo histórico, o que favoreceu tamén a súa crítica e rematou coa súa mística. Nesa liña de traballo é onde podemos situar o volume coordinado polo profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez Cequiel A Transición en Galiza, que tirou do prelo Edicións Laiovento. Estamos diante dun volume colectivo que xunta os traballos presentados ao III Congreso “As outras protagonistas da Transición. Ruptura democrática, esquerda radical, mobilizacións sociais”, que se celebrou o 30 de decembro e mais o 1 de outubro de 2022, no Centro Universitario de Riazor (A Coruña). O volume preséntanos catorce traballos cuxa primeira virtude é ofrecernos unha panorámica xeral da época da Transición; isto é, fuxindo da exclusiva ollada política ou partidaria, temos no libro unha análise ampla do momento.

Con todo, as primeiras achegas do libro preséntannos unha pormenorizada análise da política na Galiza da Transición, son os traballos de Justo Beramendi e Carlos F. Velasco Souto; artigos que se completan coas análises do sindicalismo obreiro e labrego, obras de Bernardo Máiz e Daniel Lanero, respectivamente. Neste bloque tamén podemos situar a achega de Uxío-Breogán Diéguez sobre o nacionalismo na época da Transición.

Hai neste volume unha preocupación pola análise da cultura galega na época da Transición. A este bloque de traballos pertencen os traballos de Carlos Callón, sobre o galego; Roberto Samartim, que estuda o libro galego; Montse Pena Presas, que se achega ao eido da literatura infantil e xuvenil e, por suposto, o traballo de Ricardo Gurriarán sobre as asociacións culturais, entes que mantiveron viva a cultura galega nos anos finais do franquismo. O estudo da canción galega no tardofranquismo e na Transición, que asina Xan Fraga Rodríguez, poderiamos situalo tamén neste conxunto de achegas.

O libro insiste en visibilizar os movementos sociais máis esquecidos. Sirvan como exemplo o artigo de Mariám Mariño sobre os feminismos ou o de Adela Figueroa Panisse sobre o ecoloxismo e mais a ciencia galega. Marcos Pérez Pena analiza a posición da prensa galega diante do proceso autonómico galego, mentres de Francisco Xavier Redondo Abal estuda a persecución ideolóxica e a represión xudicial nos tempos da Transición. Sen dúbida, é no eido do poder xudicial onde máis continuidades se poden atopar con respecto da etapa franquista, unha mostra máis dos límites dese proceso modélico que coñecemos como Transición.

En resumo, dúas son, na nosa opinión, as grandes achegas deste libro. En primeiro lugar, unha aproximación histórica (e crítica) ao proceso da Transición. En segundo lugar, hai neste volume colectivo hai unha vontade totalizadora, un desexo de transcender o puramente político para ofrecer unha visión acaída da sociedade galega do momento.

Prudencio Viveiro Mogo