A caída do muro de Berlín en 1989 puxo fin á hexemonía dual do mundo occidental (naquela pugna permanente entre o capitalismo e o socialismo) tal como a coñeciamos dende finais da Segunda Guerra Mundial, facilitando a emerxencia de novos paradigmas marcados, entre outros, pola eclosión da sociedade internacional e dunha máis ampla diversidade a todos os niveis, a fin parcial do mesianismo emancipador e a emerxencia das solucións nacionais como epicentro das alternativas transformadoras.
A desaparición do muro transformou de raíz esa fenomenoloxía global poñendo fin de forma anticipada a aquel século XX que se iniciara en 1917, abrindo un tempo novo de transición que aínda hoxe vivimos e con perfís relativamente incertos.
A fin desa dicotomía alentou a defensa da democracia e dos dereitos humanos (individuais, colectivos, políticos, sociais, económicos, culturais) como valores indiscutibles da nova época, se ben peneirados en función desa diversidade que impón ritmos e matices en función dos tempos e culturas. Ambos conceptos gañaron terreo, mesmo a pesar da esperada falta de coherencia dos seus máis acérrimos promotores formais, inmersos nunha cínica e sesgada manipulación apropiatoria e orientada a satisfacer apetitos estratéxicos insaciables.
Gorbachov, o líder que en boa medida fixo posible esta transformación, tan consciente da inviabilidade do modelo inicial como defensor convencido dunha nova síntese de xustiza social e liberdade que non abdicara dos seus fundamentos elementais, tivo non obstante a dobre desgraza de non contar cunha base social e partidaria que secundara esa propugnada reinvención do socialismo e de ignorar a vocación liquidacionista que animaba os empeños “liberadores” de figuras ultraconservadoras como Ronald Reagan ou Margaret Thatcher.
A socialdemocracia non foi quen de capitalizar o novo tempo, do mesmo xeito que, do outro lado do muro, os auténticos protagonistas do cambio, partidarios en moitos casos dun socialismo democrático, víronse rapidamente superados polos arribistas que coa complicidade occidental apuráronse a liquidar os vestixios, materiais e conceptuais, do vello sistema e a substituilos sen outro guión que a súa antítese. Esa realidade, vinte anos despois, padecémola diariamente cuns gobernos, ao Leste, carentes non só da máis elemental ética e principios senón sometidos, estratexicamente, aos imperativos dunha política debilitadora da propia idea integradora, nunca tan afastada da “casa común” .
Así as cousas, a superación da división de Europa non trouxo consigo o seu fortalecemento como actor internacional, perdendo unha significación ata entón recoñecida e lograda en parte por desenvolverse aquí o escenario privilexiado da tensión Este-Oeste. Cunha sociedade civil en horas baixas e un debate nominal sobre a figura presidencial que produce auténticos arrepíos, non cabe agardar, con ou sen Tratado de Lisboa, cambios cualitativos substanciais en tanto non contemos con outros vimbios.
Os intentos de liquidar de cheo toda aquela experiencia como tamén de reconstruír a historia recente europea magnificando o papel de EEUU e silenciando o papel dos progresistas e comunistas na loita contra a ocupación nazi ou a terrible factura pagada pola URSS, son evidencias do sectarismo revisionista que impera do lado occidental, lembrando a todos que a división persiste e se refunda cada día baixo outras modalidades.
A perestroika foi a política que posibilitou a mudanza daquel estado de cousas. Sen dúbida, fracasou no sentido de renovar aquel mal chamado socialismo, inviable sen democracia nin xustiza, pero o seu éxito radicou nun efecto engadido clave, a emancipación do pensamento de esquerdas, antes fosilizado na ortodoxia soviética e hoxe á busca de opcións que deben coidarse de caer tanto nas vocacións mesiánicas como totalitarias, centrándose na eliminación das lousas que impiden a dignificación do ser humano.