mapa iran nuclear

Dúbidas no Irán nuclear

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 O Irán nuclear, clic para aumentar
Europa vive angustiada polo feito de que as tensións deriven nun sinistro bélico de grandes magnitudes en Oriente Próximo. Na procura de evitar un conflito que desestabilizase a convivencia cos 15 millóns de musulmáns que habitan intramuros, que limite o subministro enerxético, ou que dispare aínda máis os prezos dos hidrocarburos e desequilibre as súas economías. (Foto: Mapa nuclear de Irán, 2002).
 

O TNP (Tratado de Non Proliferación), outorga aos asinantes o dereito a desenvolver a investigación, produción e utilización da enerxía nuclear con fines pacíficos. ¿Por que a Comunidade Internacional cuestiona este dereito no caso de Irán?

No actual mapa xeopolítico, Irán é un elemento determinante nos equilibrios entre occidente e os principais focos activos de conflito en Oriente Medio: Palestina, Iraq, Siria, Repúblicas trascaucásicas…

A hipótese de que o actual réxime iraniano poida posuír no futuro armas nucleares é motivo de graves preocupacións, tanto para Israel como para EEUU, e colateralmente para Europa que vive angustiada polo feito de que as tensións deriven nun sinistro bélico de grandes magnitudes en Oriente Próximo. Na procura de evitar un conflito que desestabilizase a convivencia cos 15 millóns de musulmáns que habitan intramuros, que limite o subministro enerxético, ou que dispare aínda máis os prezos dos hidrocarburos e desequilibre as súas economías, puxo en marcha mecanismos diplomáticos. Tras tres anos de xestións, a incapacidade de atopar unha saída negociada, da Troika comunitaria denominada E3-UE (Alemaña, Francia e Reino Unido), rematou, de novo, nunha frustración continental nos Asuntos Exteriores.

O acordo de París de novembro de 2004, conquerido coa mediación europea, polo que Irán suspendía as actividade de investigacións para o enriquecemento de uranio, foi esnaquizado en xaneiro de 2006, cando o presidente iraniano, Mahmud Ahmadíneyad anunciou intención de continuar co programa nuclear, de estar en disposición de fornecer de tecnoloxía nuclear a outros países islámicos e rachou os selos dos inspectores da AIEA na central nuclear de Natanz, asegurando que o seu programa nuclear, se enmarcaría dentro do TNP, e, por tanto, só tería fins pacíficos.

Aínda no caso de que Irán tivese como obxectivo o uso da enerxía nuclear con fins bélicos, disporíase, alomenos, de entre cinco e dez anos para que tivese realmente operativas as súas armas nucleares.

O desafío Iraniano era demasiado forte como para abordalo en solitario pola diplomacia europea, que foi esmagada pola potencia exterior norteamericana. O fracaso da Troika, deixara patente e a escasa capacidade de influencia europea no campo internacional. Sen ter unha verdadeira unidade de acción, nin unha capacidade militar autónoma, que faga valer as iniciativas diplomáticas.

Quizais este foi o motivo polo que o decadente presidente Chirac, lanzou o 19 de xaneiro a proposta, con mensaxe indirecta dirixida a Irán, na que propuña aos seus aliados europeos a articulación dunha defensa conxunta que puidese compartir as forzas de disuasión existentes (probablemente se refería ás armas nucleares francesas e británicas) na perspectiva dunha Europa forte e responsable da súa seguridade. Unha proposta que sintonizaba coa Estratexia de Seguridade Nacional unilateral-preventiva, impulsada por Bush no 2002 contra "Estados Terroristas". Agora Chirac, puña o til europeo ao dirixir as ameazas aqueles que pretendan por perigo o aprovisionamento estratéxico ou a seguridade de Francia.

O tráxico 11-S, foi motivo como para autoautorizar a EEUU no uso da forza militar en Afganistán, outorgáronlle unha forza suprema a respecto dos focos de conflito mundiais. "Estamos en Guerra" declarou un Presidente Bush tras do 11-S, que axiña se apresurou a pasar ao terreo das ameazas.

No caso de Irán tres son as opcións de forza que se barallan:

As sancións político-económicas. É posible que engadisen máis tensión nas relacións co actual réxime que se sentiría lexitimado para radicalizar os seu discurso. Amais as sancións poderían ter rercusións moi graves nas economías Occidente, especialmente as europeas máis dependentes do fornecemento enerxético proveniente de Oriente Medio. Esta solución tamén sería, con certeza, vetada por China que precisa imperiosamente o petróleo Iraniano e, mesmo, por Rusia que asesora a Irán en asuntos nucleares.

A opción militar global precisaría de tempo e recursos persoais e materiais, agora centrados en Irán. Por tanto só podería consistir en ataques selectivos dende o aire ou dende o mar, que impactasen nas instalacións nucleares. Está hipótese poría en situación límite ás xa complexas relacións mundo islámico, fornecería de argumentos aos yihadistas e atoparíase con detractores no Oriente.

A solución de desestabilizar ao réxime iraniano, de Mahmud Ahmadíneyad para substituílo por outro que aceptase a supervisión internacional, semella ben complicado. A maioría dos sectores políticos, mesmo os máis moderados, teñen feito piña a favor da causa nacional do dereito ao uso da enerxía nuclear. Por outra banda o réxime goza dunha robusta economía, alimentada polos actuais niveis de cotización do petróleo.

Un marco estable de relacións exteriores, precisa criterios homoxéneos e no caso de Irán, érguense moitas dúbidas e poucas respostas solventes.

¿Por que Washington establece cooperación nuclear coa India, Pakistán ou Israel? ¿Como explicar que a cesión de información e materiais a Nova Dehi, viola o TNP, e mesmo seis leis de EEUU? ¿Por que a India non só non asinou o tratado, senón que tampouco aceptou a inspección do Organismo Internacional da Enerxía Atómica sobre os oito reactores militares, e só permitiu o acceso aos 14 reactores civís? ¿Quizais porque forma parte da política preventiva contra China que propugna a Secretaria de Estado Condoleezza Rice? ¿Será porque a Revisión do plano cuadrienal de defensa, considera que China ten a maior potencialidade de competir militarmente, comercialmente, no aprovisionamento de materias primas e recursos enerxéticos con EEUU?

As contradicións son moitas, os intereses cruzados e as solucións sobre a mesa negociadora poucas. Quizais a único motivo de momentánea tranquilidade sexa que o unilateralismo xa non é tan afouto.