Entre folgas e eleccións

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

Guinea Bissau está a vivir unha situación interna marcada pola incerteza e o descontento. Mentres o Presidente da Nación segue a percorrer diversos países en busca de axuda, (na actualidade tocoulle o turno a Marrocos, antes xa viaxara a Senegal, Ghana e Nixeria, países que se comprometeron segundo este dirixente a axudar ó seu país) a inestabilidade aumenta.
Serán 17, dos 24 partidos legais do país, os que presenten as súas candidaturas, coa intención de participar nas eleccións lexislativas que se celebrarán neste país africano, senón hai máis cambios de última hora, no vindeiro mes de outubro.

A lista dos partidos concorrentes a cita electoral conta coa presencia das principias formacións do país; Partido Africano para a Independencia de Guinea e Cabo Verde (PAIGC), Resistencia de Guinea Bissau/Movemento Bafata (RGB/MB), o actual partido no goberno, Partido de Renovación Social (PRS). A estes engádense partidos de menor peso político como son: a Unión para o Cambio (UM), Partido de Unidade Nacional (PUN) e o partido do Primeiro Ministro durante a transición, Francisco Fadul, Partido Unido Social Demócrata (PUSD).

Entre as estratexias para poder chegar a obter representación no Parlamento está a formación de coalicións, entre as que podemos destacar, a Coalición Plataforma Unida, a Coalición Unión Electoral e a Alianza Popular Unida. Sen embargo, outros partidos aspiran a alcanzar o poder en solitario, coma o Partido Socialista e do Traballo (PST), o Partido do Manifesto do Pobo (MP) e a Unión Nacional Democrática e Progresista (UNDP).

Hai que lembrar que estes comicios foran programados para o mes de abril, pero foron pospostos para o mes de xullo, este atraso fora debido á falla de confianza á hora de obter unhas garantías mínimas de xustiza, democracia e limpeza no proceso, motivada pola situación económica e social que atravesaba o país, situación que coma dende a Organización de Nacións Unidas e dende a a Unión Europea se criticou, non mudou en absoluto. Cunha Asemblea Nacional disolta, institucións xudiciais inoperativas, a ameaza constante da folga prolongada…, o país está inmerso nunha grave situación de crise interna onde as condicións para a inestabilidade social son perfectas.

A elaboración do rexistro electoral está a ser dificultosa nalgúns puntos do país por mor do reclamo por parte dos axentes do rexistro dun mellor trato, ó que se suma a falta de papeletas…Os funcionarios públicos non perciben os seus salarios dende hai varios meses o que está a provocar a paralización da Administración Pública guienense, xa que as negociacións de finais de agosto entre UNGT e goberno non deron froito e o país iniciou setembro con paro. O que os funcionarios reclaman é ademais do pago dos atrasos e a elaboración duna nova táboa de salarios que xa fora aprobada polo executivo en abril do ano pasado. E se a situación non muda haberá folga xeral a partir do 15 de setembro.

Non é seguro pero nesta situación non sería de todo improbable que o 12 de outubro tampouco houbera eleccións.