DIEGO SANDE VEIGA ENTREVISTA AO COORDINADOR DO MESTRADO EN COMERCIO INTERNACIONAL DA UNIVERSIDADE DE VIGO
image 11

Entrevista a Pablo Cabanelas “A diáspora é unha fortaleza económica para Galicia”

Pablo Cabanelas Lorenzo é Profesor Titular do Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo. Está adscrito á Escola Universitaria de Estudos Empresariais, na área de Comercialización e Investigación de Mercados. Forma parte do Grupo de Investigación de Organización do Coñecemento e na actualidade coordina o Mestrado Universitario en Comercio Internacional da mesma universidade.

Como responsable do Mestrado Universitario en Comercio Internacional da Universidade de Vigo, cales son na súa opinión os puntos fortes e as alianzas coas que conta Galicia no referido á actividade e ás relacións económicas e comerciais a nivel internacional?

Sobre todo coa diáspora de galegos que hai espallado por todo o mundo, particularmente Europa e Latinoamérica, esta é unha fortaleza moi notable e o sentido de comunidade que teñen, que nalgúns puntos estase a perder. Despois, tamén salientar o impacto das empresas tractoras que existen no tecido produtivo.

E cales son as principais barreiras e/ou resistencias coas que se atopa Galicia?

As barreiras principais, diría que son as trabas burocráticas e a escasa propensión ao emprendemento e aventura internacional, penso que os recursos humanos están capacitados, falta atrevemento.

Cal é, para vostede, a principal contribución que o mestrado que dirixe achega á acción exterior galega?

Temos persoas moi cualificadas, xa antes de comezar o mestrado, moi proactivas e con dominio do inglés e outros idiomas. Ademais, teñen unha actitude moi positiva que axuda a mellorar todas estas virtudes. Polo tanto, a nosa contribución principal, máis aló da formación e a labor de contacto con empresas e institucións que traballan no comercio internacional, pero tamén con administración públicas, que permiten unha intermediación entre oferta e demanda para dotar de persoal cualificado ás empresas galegas.

Desde o seu punto de vista, cales serán os principais retos da acción económica e comercial galega no exterior para os vindeiros anos? E de cara ao futuro a máis longo prazo?

Primeiro, identificar os países e zonas prioritarias. Xa existen, pero compre ir actualizando. Segundo, traballar na conformación dunha rede de apoio de carácter comercial, identificando actores, necesidades e potenciais oferentes. Terceiro, ter xuntanzas coas empresas para saber dos seus requirimentos, e incorporar as universidades, por exemplo, dentro destas actividades. Cuarto, seleccionar ben ás empresas e sistemas produtivos a apoiar.

Como pode mellorar o seu mestrado e os titulados que forman os resultados da acción exterior galega?

Principalmente apoiando ás empresas nas que traballen, ou reforzando os lazos co tecido galego se están en institucións ou empresas fóra de Galicia. E ser ou sentirse partícipes da estratexia para apoiala.

Que necesidades detectan para contribuir á acción exterior galega en maior medida?

Unha política industrial clara e a aposta por determinadas áreas estratéxicas, sería unha boa alternativa.

Observan/contemplan oportunidades de colaboración (proxectos, xornadas, etc.) no futuro con axentes do terceiro sector como o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional)?

Pola nosa banda abertos a colaborar e a que visite o IGADI o máster e explique o seu labor. Sempre é positivo.

Coñecendo ao/á entrevistado/a

Un feito histórico para e economía galega no ámbito internacional: No eido da internacionalización, penso que a aparición de Zara e a súa expansión é referente de Galicia a nivel global.

Un obxectivo para o seu mandato: Facer medrar o mestrado e incrementar o seu ámbito de influenza e contribuír a mellora da economía de Galicia mediante a internacionalización das empresas.

Un reto de futuro para a acción exterior galega: Ter unha economía capaz de xerar valor, na vangarda no eido tecnolóxico en sistemas clave, como a mobilidade do futuro, a biotecnoloxía ou a alimentación do futuro.

Moitas grazas polas súas achegas

Desde o IGADI agardamos moitos éxitos para o Mestrado en Comercio Internacional da Universidade de Vigo