union europea 010367

Europa é un problema, non unha solución

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
Dise tamén que a Unión Europea é o camiño do futuro, porque os estados nacionais están caducando. E así apóñese a chata de anácronicas e retrógradas ás aspiracións dos nacionalismos das nacións sen estado. Segue tendo sentido, sen embargo, aínda que moitos pensen que non, a aspiración do nacionalismo galego a ter instrumentos estatais proprios. O Estado constitucional establecido, ao mesmo tempo que ridiculiza en campañas mediáticas a idea do estado, non renuncia a ela cando lle convén, e pide o voto a favor dun proxecto de constitución europea que afortalece un superestado. Non hai máis soberanías, según parece, que as do Estado español e o Superestado da UE.
 

Disque afortalando a Unión Europea deféndense os valores europeos, distintos e mellores que os estadounidenses dentro dos valores occidentais, xa que non se desenvolve a comparación cós asiáticos, por exemplo.

É certo que algúns dos grandes adiantos que se conseguiron nalgúns dos países de Europa (non en todos certamente e non dentro de Unión Europea, senon antes de formar parte dela), foi un sistema de seguridade social ou un Estado do Benestar que acabou con moitas das inxustizas do pasado. Ese sería un valor europeo ben tanxíbel, unha ventaxa clara para os beneficiarios, inspirada por un principio de solidariedade ben aplicado. Mais ese Estado do Benestar, con atención médica para todos e pensións axeitadas, véñeno descompoñendo sistematicamente dende hai moitos anos as reformas económicas que, según os fanáticos do mercado libre, tan necesarias son para que podamos viver todos ben. Ou, se cadra, para que as grandes empresas globais podan facer o que queran sen atrancos. Alemania, un dos países da Unión Europea que acadara depois da segunda guerra mundial unha organización social moi adiantada, está xa eliminando prestacións sociais e seguirá cortando até que non quede ningunha. E na Gran Bretaña, outro dos países con mellor organización social, se non se cortaron máis esas prestacións foi porque os habitantes do país son menos credoiros das doutrinas de moda e non se deixan convencer da necesidade da "reforma", polo que os políticos británicos saben a estas alturas que nese asunto non lles queda moito poder de manobra.

Ese valor europeo que podería ser a seguridade social xa case desapareceu e vai desaparecer de todo. Sería un erro pensar que ao votar a favor da Constitución Europea se está votando a favor da seguridade social. Ese voto é un voto a favor dos instrumentos xurídicos e políticos, utilizados tanto polas dereitas "populares" como polas socialdemocracias "reformadas", que están acabando con esa seguridade.

O Estado non caducou

Dise tamén que a Unión Europea é o camiño do futuro, porque os estados nacionais están caducando. E así apóñese a chata de anácronicas e retrógradas ás aspiracións dos nacionalismos das nacións sen estado. Segue tendo sentido, sen embargo, aínda que moitos pensen que non, a aspiración do nacionalismo galego a ter instrumentos estatais proprios. O Estado constitucional establecido, ao mesmo tempo que ridiculiza en campañas mediáticas a idea do estado, non renuncia a ela cando lle convén, e pide o voto a favor dun proxecto de constitución europea que afortalece un superestado. Non hai máis soberanías, según parece, que as do Estado español e o Superestado da UE.

O proxecto de constitución europea conserva o estatismo centralizador dos vellos estados. As partes contraintes son Estados e o obxecto do contrato un superestado. Desfai por completo toda esperanza de federalismo de comunidades básicas. Nen sequer abre o camiño a unha federación ou confederación de estados, porque aquelas se basean nunha pluralidade de soberanías, e esa posibilidade fica cada vez mais lonxana na nova constitución. O camiño da democracia no mundo enteiro sería outro: máis soberanías e máis confederación, que unha cousa non vai contra a outra. E aí poden converxer todas as críticas do centralismo.

Superestado e superconstitución

Para que nada lle falte ao superestado, aqui chega a sua superconstitución. E igual que no superestado criado cós instrumentos ideolóxicos, xurídicos e económicos dos vellos estados europeos vense con aumento as trazas do estado, nesta Constitución escolleuse o modelo menos desexabel dos que existen no repertorio constitucional. Non se escolleu un marco flexibel, como lle acaería a unha comunidade heterexónea sen nengún dos caracteres de nación que son a base orgánica dun estado, senon unha articulación de preceptos ríxidos, detallados e prolixos, unha camisa de forza para paralizar unha realidade que se despreza. Unha constitución na que se prescribe, como nunha confesión de fé, o que hai que crer, cando pensábamos que o civilizado e secular sería unha formulación de procedimentos e e non de contidos, un marco formal que iría cós contidos variados e criativos que as soberanías populares na sua evolución lle foran dando. Esta constitución que se aveciña pecha camiños en vez de abrilos. Imaxinemos o inaceptabel que sería unha constitución dun país que impuxese os valores que hai que ter para ser cidadán. O desexabel é que diga como se exerce o poder político e lle fixe límites, precribindo quén pode facer qué e cómo, limitando o poder e protexendo contra o abuso arbitrario deste.

Soberanía e democracia

Xa fai desconfiar de que a Unión Europea sexa un proxecto democrático esa propaganda que a arrodea, feita de emocións escuras e de pouca calidade. Parece que ser "europeo" equival a ser pacífico, civilizado, culto e fino, e que criticar á Unión Europea é propio de incivilizados, atrasados e patrioteiros dos de antes. Falar de soberanía non se pode, non é fino. Esas cousas son antigalladas… Mais a cuestión da soberanía é moi importante e non se pode desbotar como se fose un atraso.

Para un país, ter soberanía significa poder decidir o que quer, en vez de deixar que decidan os demais. E hai unha inmensa contradicción na postura habitual que teñen niso tanto o estado español como os nacionalistas. Os nacionalistas evaden a cuestión fundamental do nacionalismo cando aspiran a non depender de Madrid pero en cambio non lles importa depender de Bruxelas. E se pensan que van ter mais soberanía, é dicer, mais mando nos seus asuntos e mais posibilidades de rexer o seu país como eles queren, con Bruxelas que con Madrid, ten que ser porque arrastan un peso histórico que non lles deixa ver máis alá de Madrid e prívaos, ainda que pensen o contrario, de entendimento do mundo internacional, ao que idealizan como si non houbese nele a mesma política e politiqueria que na parroquia.

Que os países de España formasen un estado federado ou confederado non sería imposíbel nen ilóxico. O que é disparatado é que se deixen levar, mesmamente por ese estado español do que aspiran a arredarse, a un superestado que nunca lles vai deixar facer nada.

E a lóxica dos "nacionalistas" da España indivisíbel tampouco resiste a mínima análise. Esa actitude de defensa da España "enteira" só podería ter algún sentido nunha España soberana e con poder sobre o seu destino. Mais a esa España tan sólida e unitaria non parece importarlle deixar ir a sua soberanía e virar provincia lonxana dun imperio, con tal de sentirse forte por andar en piñoca. Tanto nos nacionalistas como nos "nacionais" parece haber afeizón a ter amo e patrón, e aversión a responsabilizárense da governanza e da política.

Atención ao futuro

Todo movimento político ten que estar atento ao que pasa, pero é importante que atope niso que pasa os atisbos do futuro. O galeguismo estivo sempre atento demais a estar á altura dos tempos, até o ponto de sacrificarse á moda. Perdéronse moitas enerxías en amosar que se facía o que se estaba facendo na hora. Houbo falantes cuase "naturais" de alemán cando iso era o culto, existencialistas cando era o que se levaba, republicanos de esquerda no tempo das frontes populares e monárquicos por acomodo cando chegou a hora. Está claro que de todo tería que haber, se o nacionalismo galego tivese acadado un fondo social e ideolóxico tan enraigañado que soportase todos eses davatares, explicabeis e até necesarios como variedades ou episodios da vida política normal. O malo foi que o labor concienciador, de toma de concencia, educativo no fin, que compría facer, quedou subordinado a esa carreira desenfreada cara a seren admitidos entre os que se xuzgan superiores, e esa ansia queimou esperanzas e seriedade. "A ruda adversidade urxente" ten que ser atendida e confrontada, pero está feita de cuestións graves, non de modas nen maneiras.

Diante do proceso político que está levando ao afortalamento dun superestado coa capital en Bruxelas, sería un erro fatal para o nacionalismo galego coidar que ese é o fin certo e óptimo da Historia e o final dos seus problemas. Non vai desaparecer o ferreño unitarismo do Estado de Madrid, que aínda non está nas últimas nen moito menos e que, como membro da Unión Europea por direito proprio, vaise entremeter sempre na política dos intereses galegos. E segue vivo o problema fundamental dunha nazón sen estado fronte a un estado que a absorbeu sen entendela e que agora terá, ademais, un superestado aínda mais remoto e alleio.

Hai que prantexar os problemas que Galiza ten e vai ter nese marco estatal e superestatal, en vez de pensar que o superestado amañado polos estados vai ser tan benévolo que o vai resolver todo.

A Unión Europea é un motivo de preocupación para o futuro de Galiza e do galeguismo, non unha panacea para as suas doenzas.