Europa “en branco”

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

O conflito do leite en Europa anuncia momentos difíciles para os produtores gandeiros. A dramática redución dos prezos do leite, que dende o 2007 diminuíron nun 50%, coa consecuente caída nos ingresos dos produtores, constitúe un escenario altamente conflitivo a curto e mediano prazo.

Se ben é certo que a Unión Europea subvenciona fortemente aos seus agricultores, o recente colapso dos prezos do leite e a incomprensible realidade que supón vendela por menos do que custa producila, son factores que determinan unha realidade socioeconómica complexa, incluso con moitos gandeiros europeos ao borde da bancarrota. Así, Europa, que cun 25% da produción láctea mundial constitúe o principal produtor a escala global, verase na obriga de buscar mecanismos para garantir uns ingresos dignos aos seus produtores.

As protestas por un cambio de regulación do mercado e de mellora dos ingresos estendéronse por tódolos países europeos, aínda que non é suficiente para facer que a situación cambie para eles. Ademais, a crise non afecta da mesma forma nuns países coma noutros. En Reino Unido, por exemplo, grazas á fortaleza financeira da libra esterlina, o momento non é tan dramático porque os prezos non se derrubaron tan estrepitosamente. Pola súa banda, en Bélxica, Portugal, Italia e a República Checa, a situación semella insostible.

En Alemaña, principal produtor lácteo de Europa, a situación xa desesperou aos produtores. Moitos gandeiros perderon o seu sustento e con el, perderon tamén a fe na capacidade dos políticos europeos para resolver os seus problemas e rescatalos do desastre. Incluso, e ante a súa desconfianza da clase política, os gandeiros alemáns víronse na obriga de orientar as súas desesperadas protestas cara o Vaticano, para ver se conseguen que alguén esperte co seu camiño.

Os gobernos nacionais intentan por parches a un problema con moitas frontes abertas: a Política Agraria Común (PAC), a cuestión da transparencia dentro da cadea de distribución, a gran diferenza entre o que cobra o gandeiro e entre o que paga o consumidor polo mesmo leite, etc. Neste sentido, España e, por conseguinte Galicia, é un dos países máis afectados cun prezo do leite dos máis baixos. Resulta plausible que, despois de tanto tempo co problema, se sentasen a falar a industria de transformación e de distribución láctea cos gandeiros. Sen embargo, estableceuse un prezo, 0,31 céntimos por litro, que aínda así non cobre os gastos de produción.

O problema é que España ten a tradición de seguir os pasos do seu veciño francés, e hai asuntos nos que sae prexudicada. Francia é un país excedentario, que non debería fixar o prezo dun mercado deficitario como o español. Ademais, as empresas alimentarias e marcas de distribución máis poderosas de Europa son as francesas e elas teñen moita influencia nas regras de xogo.

As peticións dos gobernos e dos gandeiros chegaron ás portas da Comisión Europea. Foron os ministros de Agricultura de Francia e Alemaña, os países con maior produción láctea (20 e 23% respectivamente) os que redactaron unha carta conxunta na que lle propuxeron ao presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, a conxelación da subida das cotas que a UE aprobou na última reforma da PAC. Están de acordo en que as cotas desaparezan a longo prazo, pero agora queren tempo para que os traballadores saian do bache actual.

Na última reforma da PAC preveuse que as cotas leiteiras deberían desaparecer en 2015. Isto abriría as portas ao libre mercado a un sector fortemente regulado dende 1984 e provocaría que os prezos caesen aínda máis por superprodución. A “man negra” controlará entón o mercado a costa da forma de vida de moitos gandeiros europeos.

Sen embargo, a UE négase a cambiar o rumbo fixado das cotas ou a tomar medidas de intervención. As propostas da Comisión non van a facilitar unha suave aterraxe senón o choque rápido do sector. É incomprensible esa rixidez. Para os produtores de leite, e para o sector primario en xeral, veñen tempos aínda máis difíciles.