Islandia e a UE: é posible a admisión?

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Hai unha actitude moi aberta e positiva respecto á petición de Islandia para entrar na Unión Europea. Dise que reúne condicións especiais que non reúnen outros países candidatos ao ingreso. É certo que a illa comparte estreitos lazos comerciais e políticos dende os anos noventa e que forma parte do Espazo Económico Europeo (EEE) e do Espazo Schengen. Sen embargo, son substanciosos os desafíos nas negociacións de adhesión futuras.

Avecíñanse tres problemas. O primeiro, a política de pesca. Permitiríase o acceso de outros Estados membros ao peixe islandés e os islandeses son reticentes a esta medida. Durante anos, Islandia loitou na denominada “Guerra do bacallao” cos ingleses ao longo do século pasado e teñen medo a perder peso no seu principal sector. Neste ámbito, as negociacións poden complicarse bastante porque existen grandes diferenzas nas políticas pesqueiras. Por exemplo, mentres que a UE desaproba a caza de baleas, Islandia autoriza a súa caza comercial.

O segundo problema é a economía. O déficit orzamentario ronda o 13% do PIB e a débeda pública supera o 100%. A coroa islandesa, a krona, perdeu a metade do seu valor con respecto ao euro e a súa capacidade crediticia é inexistente. Por tanto, esta situación dificultará o cumprimento dos criterios de Maastricht para unirse ao euro.

O terceiro problema, e quizais o máis delicado, é o referendo popular que deberá aprobar a adhesión islandesa. É posible o non seguindo aos seus curmáns noruegueses que negociaron dúas veces a adhesión para que, finalmente, os votantes se opuxeran. Emporiso, antes da crise actual, Islandia non tiña ningunha presa por adherirse á UE e parecía contenta de pertencer ao acordo EEE, que a introducía no Mercado Único europeo pero sen representación nas institucións de Bruxelas.

Mais, o case colapso do Estado debido ás masivas especulacións financeiras dos seus principais bancos, parece telos convencido do contrario e unha parte importante dos .000 habitantes da illa comezaron a asumir unha postura a favor da entrada na UE, sobre todo no que se refire á adopción da moeda única

Entre os membros da UE, as posicións non son concluíntes neste momento. Alemaña expresou publicamente que non quere falar de novas ampliacións ata despois dos seus comicios federais, previstos para o próximo 27 de setembro, mentres que o goberno francés tampouco quere falar ata que non entre en vigor o Tratado de Lisboa, unha posición que parece lóxica posto que París reivindica a necesidade dunha “regras de xogo” claras e definidas, antes de abrir de novo a porta de ingreso á UE.

Pola súa parte, os Países Baixos expresaron as súas reservas a dar o asentimento á tramitación da solicitude de Islandia ata que non se aclare se estas irán de algún modo ligadas ás negociacións con Croacia e Serbia. O goberno holandés, ademais, xunto con Gran Bretaña, esixen que Islandia garanta os depósitos bancarios tanto das entidades en territorio islandés como fóra del, cousa que afecta especialmente a ambos países. No caso español, a cuestión da pesca terá especial relevancia, polo que os intereses pesqueiros convértense no principal escollo para a aprobación española.

En calquera caso, parece claro que o informe da Comisión Europea podería estar listo a finais deste ano, adiantando así aos países que estaban na lista de espera. Pero veremos se as negociacións con Islandia son tan rápidas como todo fai imaxinar ou se escoran nun impase, pois, en definitiva, entón si, será o pobo quen teña a última palabra.