Exipto: ¿Revolución?

Sorprende como dun dia para outro os medios de comunicación, ata os máis solventes, descubriron a perversa natureza das ditaduras de Tunisia ou Exipto. Ata entón, que eu lembre, no norte de África, soamente existía unha ditadura, a de Gadaffi, polo que parece o país máis estable de todos na devandita franxa, en parte quizais por ostentar menores niveis de desigualdade.

Outro tanto habería que dicir da interpretación do acontecido, en realidade, unha aparencia de revolución transmutada en golpe de estado de resultado incerto tendo en conta as numerosas sombras, internas e externas, que pululan sobre as cabezas dos militares exipcios, os principais valedores de Mubarak ata onte mesmo xunto con EEUU, a UE e Israel, hoxe resignados á súa partida para evitar males maiores no protectorado que administraba o seu gobernador.

Centos de milleiros de exipcios manifestáronse en xaneiro e febreiro contra o deterioro social e as desigualdades, reclamando a saída de Mubarak e a fin da democradura. Puidemos velo en directo, nas nosas televisións, cousa que non foi posible recentemente, por exemplo, coa represión de Marrocos (¿un país democrático?) aplicada con saña contra os saharauís. Pero aqueles que veñen gobernando Exipto desde 1952, isto é, os militares, son os que detentan todo o poder como deixaron entrever co ultimato dado ao propio Mubarak para poder pilotar unha transición capaz de preservar o seu control dos postos chave, tanto políticos como económicos.

A continuidade, en fin, é o horizonte de Exipto, non o cambio, pese á exasperación extraviada manifestada por tantos cidadáns. O cabalo muda de cabaleiro, pero nada máis. Poderá haber unha renovación da dirección política, pero non un cambio de política. ¿Ula revolución?