Extramuros

Tamén a guerra chegou aquí. Certo que non cairon bombas extraviadas pero por primeira vez en Galicia un amplo corpo socialmente militante viuse na obriga de reflexionar sobre canto leva acontecido na ex-Iugoslavia. Lamentablemente, tivo que intervir a OTAN para que algúns descubrisen a existencia dunha longa guerra discontinua nos Balcáns. Pero aínda que tardíamente, este conflicto probablemente marcará un punto de inflexión na necesidade e na forma de observar e analizar complexos espacios exteriores que hai tempo demandan máis rigorosa atención e non puro maniqueísmo de conveniencia.

Existe en amplos sectores da nosa sociedade unha tradición que leva a posicionarse case a cegas do lado dos inimigos dos nosos inimigos, pero desta vez non era doado. ¿con quen estar? Que coa OTAN non é evidente, pero ¿e con Milosevic? Nas mobilizacións desenvolvidas por Galicia adiante en contra da guerra faltou algo e, pola contra, se algo sobraba era esa diana que confundía os nosos manifestantes cos de Belgrado. Ambos coinciden no rexeitamento da OTAN, pero as simpatías por Milosevic deberían militar nas antípodas.

Moitas das persoas que en Galicia participan nestas mobilizacións non ocultan a súa admiración polo positivo papel desempeñado polo mariscal Tito na conformación de Iugoslavia. Pero quen simpatice co croata Tito, baixo ningún concepto debería expresar hoxe admiración por Milosevic. O actual líder serbio non é herdeiro nin da súa política, nin da súa ideoloxía, nin do seu partido. Entre outras razóns, porque o balance que Milosevic realiza do período titísta é ata tal punto negativo que o reduce ó mero exercicio dunha política deliberadamente hostil con Serbia. Esa é unha das teses principais do Memorando da Academia de Ciencias de Belgrado, fonte intelectual do delirio ultra de Milosevic.

Fronte ós primeiros titubeos, gañouse moito espacio no convencemento de que Milosevic non representa causa ideal ningunha para defender, pero non se chegou ata o fondo. En dous sentidos. Primeiro, ¿que comportamento debemos manter cos cosovares? ¿Debemos conformarnos cunha simple declaración a prol da autodeterminación ou pringarnos na acción solidaria e na denuncia? A estas alturas do conflicto, se o plan deseñado polo Grupo dos Oito chega a consolidarse, semella claro que os cosovares e a UCK serán as maiores víctimas e os grandes perdedores. Aquí, o apoio á causa cosovar foi timorata e distante, quedou solapada na denuncia da guerra. Os nacionalistas, nin aquí nin en coordenación con outros movementos similares, foron quen de ir máis alá por medo a verse diluídos e involucrados na paranoica estratexia gobernamental. É doado criticar a ausencia da PESC na Unión Europea, pero ¿onde está a resposta da Europa dos pobos?

En segundo lugar, debemos recoñecer certa miseria. Durante dez anos ninguén quixo ver canto acontencía ó noso redor. A pesar de que, como algún deputado chegou a escribir, "defendemos a autodeterminación todos os días", nunca escoitei de boca de ninguén palabras críticas co réxime de Belgrado, por exemplo, por suprimir a autonomía cosovar. Agora si, defendemos a súa autodeterminación. Pero é unha pequena mostra dun problema máis amplo que nos debería levar a reconsiderar o posicionamento adoptado, por exemplo, fronte os nacionalismos bálticos ou a propia figura de Gorbachov (si, o das pizzas), tan acertado desta vez na súa análise. Lembro a tristura de comprobar, en 1991, como nacionalistas bascos (HB) e cataláns (ERC) movíanse por Lituania como peixe na auga mentres aquí poñíase en marcha unha campaña informativa sobre o dereito de autodeterminación que condenaba o seu exercicio polos nacionalismos de "dereita" dos países do leste, cabalos de troia volcados na destrucción do "socialismo". Como o estiveron para min, os despachos de K. Prunskiene, primeira ministra en Vilnius, ou de Algirdas Brazauskas, ex-secretario xeral do PCUS en Lituania e logo Presidente lituano, estaban abertos para recibir a calquer dirixente galego. Pero, que eu saiba, ninguén tivo interés ou se atreveu.

É outro cantar cando os nacionalismos xurden desta banda. A unanimidade é practicamente xeral e indiscutible cando se trata, por exemplo, de Escocia ou do País de Gales, que recentemente celebraron as súas primeiras eleccións autonómicas para constituir, respectivamente, o Parlamento e a Asemblea Nacional. A comprensión ven de vello. Plácido Castro, o tan inxustamente ignorado secretario de relacións internacionais do Partido Galeguista, abriuse ó nacionalismo en Gran Bretaña, mamando por partida doble a forza do sentimento nacionalista en Irlanda e no plural Reino Unido e a habilidade, integradora e diferenciadora á vez, do patriotismo británico. Segundo el mesmo sinalaba, naquel país de nacións, forma parte da tradición política procurar a lealdade á Coroa exaltando o nacionalismo das pequenas nacións.

Cómpre salientar a valentía do laborismo e a súa aposta por unha nova cultura. Fronte ó decepcionante continuismo respecto a gabinetes anteriores en tantas outras políticas (exterior, económica, social, etc) é neste ámbito constitucional que se vislumbra un claro punto e aparte en relación á traxectoria do Partido Conservador. Pero o seu propósito de moderar o avance nacionalista e integralo plenamente na arquitectura política británica pode verse trastocado. A pesar de conseguir unha victoria indiscutible, o laborismo quedou en minoría e deberá lidar cunha ampla representación nacionalista que promete exercer de firme oposición. En Escocia, o Scotish National Party (SNP) obtivo 35 deputados de 129; en Gales, o Plaid Cymru (PC), 19 de 60 deputados.

A forza do nacionalismo, sobre todo en Escocia pero tamén en Gales, abre expectativas políticas importantes na escena británica e europea, como acertadamente sinala Fernando Pérez-Barreiro nunha excelente aproximación ós casos que nos ocupan publicada na colección Texturas do IGADI. A pesar das limitacións competenciais da devolution (delegación de poder), ábrese un novo marco para o xogo político de consecuencias díficiles de prever. Coxunturalmente afianza o proxecto autonómico do laborismo pero a forte presencia parlamentaria das forzas nacionalistas deixa ben ás claras as dificultades que poden xurdir de pretender encorsetarse a actual proposta. O líder escocés, Alex Salmond, non descarta a celebración dun referendo sobre a independencia en breve prazo.

No ámbito da política europea queda de manifesto unha vez máis que lonxe de ser unha idea trasnoitada ou un asuntoficticio, non se pode ocultar a problemática das nacións sen estado; segue aí, no epicentro da vida política e urxe artellar mecanismos que vertebren institucionalmente esa forza, tan lexítima como calquer outra. Non para rachar nada, senón para que a integración de todos se realice en condicións de plena normalidade. Cardiff, e sobre todo Edimburgo, miran cara a Bruxelas. Será Londres quen ostente a representación das Illas perante a Unión Europea, pero habilitaranse fórmulas novidosas para permitirlles representar e defender máis directamente os seus intereses no ámbito comunitario. Tanto o Plaid Cymru como o Scotish National Party aspiran a obter representación nos próximos comicios europeos.