20070510 sedgefield tony blair

Favores á UE e a Bush na despedida de Blair

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Tony Blair, clic para aumentar
Arranxou Blair (na foto) as datas de tal xeito que poida asistir a reunión do G-8 e, sobre todo á do Consello da UE en xuño, en Bruxelas, precedida pola reunión de Sintra o 12 de maio, na que Barroso e os seus hóspedes aseguran a versión abreviada do malogrado tratado constitucional europeo. Esa versión, que semella máis modesta, ten a avantaxe de non necesitar referéndum. Europa prefire amañar eses asuntos entre gobernos e non recurrir ao incómodo pobo.
 

Deixa Tony Blair o seu posto coas garatuxas dun xogo coqueto moi consoante có estilo namoriqueiro dun mandato que tanto dano lle fixo á dignidade da vida política británica. Ese "agora voume e aínda non me vou" de mascarita veneciana reafirma con impudicia un exercicio do poder que, por tras do leque das relacións públicas, esconde un xogo moito máis serio e perigoso.

Sempre foi característico do traspaso de poder na Gran Bretaña a rapidez e continuidade con que se facía. O camión de mudanzas saíndo pola porta traseira de 10 Downing Street e o novo inquilino volvendo da visita a Palacio para entrar na súa nova residencia. Non vai ser así desta vez. Blair criou un período de transición que se asemella ao da Presidencia nos Estados Unidos. Hai, por primeira vez, un Primeiro Ministro Electo. E un tempo para que o cesante, aínda con poder pero sabendo que se vai, poda facer algunhas manobras coas que deixe atado e ben atado o que lle interesa. Cousas que sería arriscado facer cando aínda non se está seguro do que vai pasar no día das eleccións.

Arranxou Blair as datas de tal xeito que poida asistir a reunión do G-8 e, sobre todo á do Consello da UE en xuño, en Bruxelas, precedida pola reunión de Sintra o 12 de maio, na que Barroso e os seus hóspedes aseguran a versión abreviada do malogrado tratado constitucional europeo. Esa versión, que semella máis modesta, ten a avantaxe de non necesitar referéndum. Europa prefire amañar eses asuntos entre gobernos e non recurrir ao incómodo pobo. Non hai por qué sorprenderse de que algúns euroescépticos falen de "contubernio de Sintra" para referírense a esa reunión.

Ese vai ser o derradeiro favor de Blair como primeiro ministro a Bush. A primeira ollada semella o contrario: un apoio de Blair á construción europea, que é un freo á hexemonía de Washington. Pero para Blair non hai contradicción. Sabe moi ben que a lóxica do capitalismo deste século leva á creación dun mercado único trasatlántico. Que o proceso de unidade política de Europa comezou apadriñado polos Estados Unidos, ou por quen nese país tiveron unha clara visión da evolución capitalista. E que ese interese común segue aí.

Fálase moito de que a Unión Europea responde a unha lóxica inexorabel. Talvez por iso atrai tanto a comunistas desiludidos sempre á procura de certeza histórico-filosófica. Pero quen observa o desenvolvimento dese proxecto ve como avanza cunha política que, como todas as políticas, responde a un fin perseguido con habilidade diplomática e cunhas relacións públicas encamiñadas a criar sentimentos de necesidade e bondade do que está a acontecer. Dificultar o pensamento de alternativas é un albo coñecido da política de poder.

Vai transpirando pouco a pouco, perdido entre as noticias, o proxecto dun tratado de libre comercio entre os EEUU e a Unión Europea. Xa ten siglas. Para iso é necesario que a unión política europea sexa o máis firme e indestructible que se poida; tanto como a do socio trasatlántico, si se pode. Esa é a lóxica do capitalismo, e sería bon que a visen os que confían en que Europa é un contrapeso á hexemonía norteamericana.

Facéndolle un "favor" a esa Europa, da que probabelmente quere ser presidente, Blair, que aínda ten esperanza de vida política longa abondo, faise un favor a si proprio, a Barroso… e a Bush. Mais unha vez.