O 27 de xullo de 1990 Jamaat-al-Muslimeen perpetrou un asalto ao Parlamento de T.T. co obxectivo de derrocar ao entón primeiro ministro, Arthur Robinson. Durante seis días producíronse saqueos e enfrontamentos violentos que deixaron un balance de 24 vítimas mortais. O 1 de agosto de 1990, os asaltantes rendéronse tras negociar co exército.

Máis de dúas décadas despois, en xullo de 2016, publicouse unha entrevista na que un cidadán de T.T., Shane Crawford, criticaba a insurrección de Jamaat-al-Muslimeen. Ao seu xuízo, rendéronse rápidamente, «apostataron» e participaron na «relixión da democracia», demostrando non seguir a metodoloxía correcta da yihad.
O medio que reproduciu estas declaracións era Dabiq (nº 15), elemento de referencia do entón moi potente aparato propagandístico do Daesh. O entrevistado viaxara máis de 9.500 km coa súa familia para operar, baixo o nome de Abu Sa‘d at‑Trinidadi, como francotirador do Daesh no teatro de combate sirio. En 2017 foi eliminado mediante un ataque estadounidense con drons.

Este individuo foi un dos numerosos cidadáns trinitenses que viaxaron a Iraq e Siria para unirse ao califato entre 2013 e 2018. Estimacións gobernamentais sitúan esta cifra en 130, mentres que fontes dos servizos de seguridade elévana a preto de 240. Deste xeito, a nivel macro, T.T. ostentaría a taxa per cápita de recrutamento xihadista máis elevada do ámbito occidental, xa que a nación caribeña ten entre 1,3 e 1,4 millóns de habitantes cunha minoría musulmá de aproximadamente o 5% da poboación.
Un estudo do Caribbean Investigative Journalism Network (2019) realizado sobre 70 «emigrantes» revela datos singulares: unha notable composición familiar onde o 34% eran homes, o 23% mulleres e o 43% menores de idade. Así mesmo, a idade media dos adultos roldaba os 34 anos —unha década por enriba da media observada noutros continxentes occidentais— e o 43% do total eran conversos ao islam. Ademáis, o 100% dos «viaxeiros» operaba dentro dunha mesma rede social e interpersonal interconectada, o que descarta a radicalización illada.

A captación (case o 70% do total) estivo altamente centralizada na mesquita Umar Ibn Khattab (Río Claro) dirixida polo imán Nazim Mohammed, un dos participantes no intento de golpe de estado de 1990. Ao redor de 15 membros da súa familia formaron parte do continxente que abandonou o país para integrarse nas filas do Daesh. O resto proviña do contorno doutras mesquitas de orientación salafista, especificamente Masjid Al Khaleefa, Masjid Da’Watil Haqq e Nur E Islam.
Nun exhaustivo traballo de Simon Cottee (2019) recóllense interesantes datos sobre o perfil dos «emigrantes» trinitenses. Considerados desde a intersección entre as dinámicas locais e globais, destaca o papel fundamental das conexións interpersoais e das redes sociais nos procesos de radicalización e mobilización. Para o autor, os vínculos de amizade, familia, veciñanza e pertenza relixiosa facilitaron a circulación de ideas que derivou na lexitimación do proxecto do «califato». Deste xeito, contempla o recrutamento como un proceso social no que as influencias interpersoais e as estruturas relacionais van da man en igualdade de importancia co entorno inmediato dos desprazados.
Segundo Human Rights Watch, desde 2019, máis de 90 nacionais de T.T., incluíndo polo menos 50 nenos, foron detidos no nordeste de Siria acusados de vinculación co Daesh. Ningún deles foi acusado formalmente de delito algún nin compareceu ante un xuíz. Neste continxente tamén hai moitas mulleres. A pesar de numerosas promesas de repatriación, en T.T. só aceptaron, en abril de 2025, o retorno de dous menores. A maioría dos detidos trinitenses son nenos que nunca elixiron vivir no «estado islámico», xa que moitos foron levados a Siria por pais que buscaban unirse ao «califato» e 30 ou máis naceron directamente alí.
Un informe de Gabriel Perkins (14 de abril de 2026) pon o foco no risco derivado da fusión entre a ideoloxía xihadista e as pandillas criminais locais. En 2024, ano no que o goberno decretou o Estado de Emerxencia, T.T. rexistrou 624 homicidios, dos cales o 42% estiveron relacionados con pandillas. Esta taxa de 40,44 homicidios por cada 100.000 habitantes sitúa o país entre os máis violentos do Caribe, superando a México (28/100.000) e achegándose a Honduras (41/100.000) no seu pico máis alto. Grupos de inspiración xihadista e pandillas captan militantes do mesmo nicho demográfico: mozos desempregados de comunidades marxinadas.
Perkins tamén cita como exemplo de conexión entre ambos espectros un grupo denominado «Unruly ISIS». A pesar de non ter vinculación orgánica ningunha con Daesh, adaptou o imaginario xihadista de manera performativa nas súas mensaxes e na súa estética. Esta organización tivo a súa xénese nun grupo denominado «Muslim Gang», ao fronte do cal se atopaba Selwyn Alexis, alias «Robocop». Unha facción descontenta, que acusaba a Alexis dunha distribución desigual dos beneficios derivados de actividades ilícitas, executouno e escindiuse pasando a operar baixo o nome de «Unruly ISIS».
A pesar da escisión de «Unruly ISIS», «Muslim Gang» compite con «Rasta City» pola primacía no control de amplas zonas do país. A escisión de «Rasta City» en 2017 xerou as pandillas «Sixx» e «Seven», cuxa violencia xa se exportou a outras illas do Caribe. A estas súmanse escisións menores como «ABG» e «Boombay Gang». A presenza operativa do «Tren de Aragua» de Venezuela, cuxas costas se atopan a apenas uns 11 quilómetros de distancia no seu punto máis próximo, engade unha dimensión transnacional ao panorama.
Os grupos violentos trinitenses participan na distribución e tráfico de cocaína, principalmente cara a Europa e os EE. UU., o que ten como perigosa deriva o incremento do comercio ilícito de armas cara ao país. Como consecuencia, foi aumentando o número de episodios violentos nos que se empregaron fusís automáticos de alto calibre.
Sobre estas cuestións, en maio de 2026, Kamla Persad-Bissessar, primeira ministra trinitense, recoñeceu que o tráfico ilegal nas súas distintas variantes, combinado coa actividade de actores armados non estatais, contribúe de maneira decisiva a unha escalada da violencia estrutural que, a día de hoxe, dista moito de estar, cando menos, contida.
Así as cousas, o Departamento de Estado dos EE. UU. actualizou en abril de 2026 unha advertencia de viaxe de Nivel 3 (marzo de 2025), citando expresamente o crime e o risco de terrorismo (polo posible retorno de combatentes estranxeiros). O Reino Unido tamén actualizou os seus consellos de viaxe en xuño de 2026 incluíndo o Estado de Emerxencia e os riscos de terrorismo.
T.T. sufriu a violencia de inspiración xihadista tanto de modo endóxeno con Jamaat-al-Muslimeen como esóxeno, coa «emigración» autóctona cara ao «califato». Esta última é considerada unha ameaza latente polo risco que entrañan as figuras dos «retornados». Sobre estes últimos, sen restarlles un ápice de potencial perigosidade, convén sinalar que a maioría son mulleres e menores. Tampouco estaría de máis lembrar que a súa volta ao país está altamente condicionada por factores que van máis alá da mera vontade de regresar.
Inseguridade, desigualdade, violencia e narcotráfico son factores que perfilan o marasmo securitario no que se atopa inmerso T.T., unha especie de «punto cego» no Caribe que corre o risco de mutar cara a un «estado fallido». Estas circunstancias constitúen un caldo de cultivo ideal para a captación de militantes para as organizacións armadas de diversa índole que operan en T.T.
O mesmo criterio pode aplicarse a individuos ou grupos que, actuando de forma mimética, dotan o seu modus operandi dunha pátina do imaxinario —e da violencia real— empregados polo Daesh, conformando nese contexto degradado un vector que ben podería denominarse como «pandixihadismo». Neste termo tería cabida unha mestura de control territorial coa mística do terror global de Daesh, aínda que afastado da vinculación xerárquica que emana da «pureza salafista» que inspirou a Shane Crawford / Abu Sa‘d at‑Trinidadi e aos seus correlixionarios no delirio da consecución do «califato».
