Persoas da valía e do compromiso de Franco Grande son imprescindibles no noso país. A discreción a que nos ten habituados está lonxe de significar inhibición, apatía, desleixo ou soberbia. Todo o contrario. É a actitude propia de quen milita no rigor, nesa crítica sen concesións, tan gabada polo común amigo Pérez-Barreiro, que responde a unha vocación exenta de servidumes, conscientes ou non. Por iso, a súa palabra vale mil palabras, pois nace dun espírito verdadeiramente libre, sen mais ataduras que as propias ideas e ideais.
Ten Galicia en Franco Grande un referente ético que emana dunha independencia comprometida co seu e cos seus. No seu Tomiño de orixe tiveron a lucidez unánime de recoñecer ese feito honrándoo e honrándose con tal Fillo Predilecto. É cousa de gran encomio por infrecuente cando o homenaxeado está adrede fóra dos circuítos onde tan comúns son as gabanzas prestadas e debidas. Franco Grande, que non é de recompensas agardadas, merece isto e moito máis, obviamente pola súa traxectoria, reveladora dunha xenerosa disciplina que acostuma adobar con esa excelencia intelectual propia de quen pensa o que di, tan pouco frecuente hoxe en día, pero igualmente pola súa coherencia persoal.
A Franco Grande é unha fortuna tratalo. E os que tivemos a inmensa sorte de telo feito ao longo do tempo fíxonos medrar inmensamente coa súa sabedoría e a súa afouteza. Somos moitos os que valoramos a súa amizade e sentímonos reconfortados coa súa presenza entre nós. E alégranos que, ao cabo, tamén se recoñeza o seu labor e o nada simple mérito de ser quen é.