Este artigo fai parte do Nós No Mundo 2019-2020 "A paradiplomacia galega na nova normalidade"

Galicia-China, un binomio con forza. A acción exterior de Galicia e as relacións con China

De Occidente a Oriente, as relacións con Asia non son novas. En 1522 fundábase a Casa da Especiaría na Coruña e, aínda que de curta duración, supuxo un exemplo de tesón, influencia e a necesidade dos nobres galegos, especialmente Fernando de Andrade, de crear as súas propias canles para acadar o mercado das especias e produtos de luxo do sudeste asiático.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Palabras chave China Galicia internacional
Idiomas Galego

De Occidente a Oriente, as relacións con Asia non son novas. En 1522 fundábase a Casa da Especiaría na Coruña e, aínda que de curta duración, supuxo un exemplo de tesón, influencia e a necesidade dos nobres galegos, especialmente Fernando de Andrade, de crear as súas propias canles para acadar o mercado das especias e produtos de luxo do sudeste asiático.

Xa no século XX, durante os anos da Revolución Cultural en China (1966-1976) Pepe Castedo impartía clases de español no Instituto de Linguas Estranxeiras de Beijing cun método de ensinanza pioneiro na súa época. Dende Londres o xornalista, profesor e tradutor da Organización Internacional do Café Fernando Pérez Barreiro facía a primeira tradución directa dende o chinés ao galego na obra “Flores de leña”. Xulio Ríos, un dos mellores sinólogos de España ten publicados milleiros de artigos sobre a situación e evolución de China dende os anos 90. Exemplos de persoeiros galegos en relación con China hainos e Galiza debe seguir formándoos para que non quede atrás. A presenza en China debe ser real nin efémera nin superficial.

De Oriente a Occidente, o tapiz de Santa Susana no Museo da Catedral de Santiago ou as telas luxosas do enxoval de Frai Rosendo dan conta da nosa relación con Oriente, aínda que non o lonxano Oriente.

En maio do 2019 o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou en Vigo, durante unha comida-coloquio do tecido empresarial co embaixador da República Popular da Chinesa en España, Lyu Fan, as boas relacións entre ambos territorios. O certo é que hai empresas galegas de recoñecido nome cun gran éxito de negocio en China nembargantes, as pequenas e medianas empresas aínda teñen certo temor polo alto nivel de burocratización, a diferenza de idioma e as diferenzas culturais, entre outras, para poñer un pé na China. Con todo, o número de empresas galegas que venden en China duplicouse na última década. Os sectores que máis destacan son o agroalimentario e o téxtil. Nesta realidade, con maior ou menor compromiso, atópanse involucradas as cámaras de comercio, o Igape e as organizacións empresariais.

Pero non todo é economía. Nos últimos anos o incremento do número de estudantes chineses nas universidades galegas é considerable así coma o número de convenios firmados con universidades daquel país. Pero o intercambio real non é tal porque non tantos estudantes galegos aproveitan esas oportunidades para ir estudar en China. Son, así, oportunidades perdidas.

Xa en Galicia, contamos con ferramentas como o Libro Branco de Acción Exterior de Galicia (2004), o primeiro deste tipo para unha comunidade autónoma en España, onde se explicita entre as prioridades xeográficas en Asia-Pacífico a China e a Taiwán como referencias clave para consolidar a nosa presenza nese continente. Unha clara análise dos actores, instrumentos e sendeiros para a nosa acción exterior.

Ademais o Anteproxecto de Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento que, de aprobarse, establece o novo marco de actuación no que enmarcar unha axenda para a internacionalización da nosa comunidade autónoma.

A posición de Galicia é xeoestratexicamente positiva. Por unha banda, de cara ao Atlántico e preto de Portugal sitúanos nunha localización moi vantaxosa.  Por outra banda. a existencia de Macau como ex-colonia portuguesa no sur de China e a nosa lingua capaz de entenderse con todos os falantes da lusofonía ofrécenos unha boa posición para as negociacións e o intercambio. Ademais dende o “Observatorio de la Política China” xestiónase a RIBSI (Red Iberoamericana de Sinología) o que permite a Galicia establecerse como ponte entre China e América Latina.

As innovacións no campo das telecomunicacións e da informática, sobre todo a Internet, xogaron un papel decisivo na construción dun mundo globalizado. A actual batalla polo 5G permitirá avances inconcibibles ata o de agora. Batalla na que China ten un papel líder en clara competición con Estados Unidos.

Galicia e, máis concretamente, Santiago de Compostela teñen unha oportunidade de amosarse como capital do diálogo sinoeuropeo a través da formulación de propostas para acadar acordos e compromisos arredor dos Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible (ODS). Os ODS asumidos polo estado español tamén comprometen ás súas comunidades autónomas.

De outubro a abril, O "Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional" (IGADI), levou a cabo a realización do proxecto “Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo  Oriente-Occidente”. Este proxecto enmárcase no contexto actual da Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX), impulsada pola Xunta de Galicia dende marzo de 2018. Así, a intencionalidade explícita do proxecto procura un enfoque integral nas relacións de Galicia con China, máis aló do posicionamento turístico do Xacobeo 2021. A plan pretende reforzar o papel de Galicia e, concretamente, de Santiago de Compostela dentro da Unión Europea, como capital do diálogo sinoeuropeo. O IGADI elaborou durante os meses de duración do proxecto un estudo que identifica as fortalezas e debilidades, as oportunidades e as ameazas, das relacións Galicia-China, que implican a formulación dunha proposta de plan de actuación para o posicionamento de Galicia e o Xacobeo 2021 en China. Mediante cuestionarios realizados a actores chineses, entrevistas aos diversos actores galegos e a revisión da bibliografía existente, este proxecto finalizou coa presentación dun informe final cos resultados da investigación.

A situación actual da pandemia xerada polo COVID-19 traerá consecuencias máis alá das concernentes á saúde. Necesítase tempo para poder ver con perspectiva os efectos que ocasionará, pero xa se avista o grave impacto na economía, con especial incidencia nos xóvenes e nas mulleres, abríndose máis a fenda da desigualdade. Ademais, a fenda dixital tamén se viu máis acusada durante o confinamento, véndose moi afectados aqueles estudantes que seguían o curso escolar online.

Para finalizar, todos estes actores, documentos e proxectos xa levados a cabo ou en curso dan mostra de que as relacións Galicia China non só existen senón que se deben mellorar cun ánimo de continuidade e calado de cara o futuro. Non se pode perder o traballo xa comezado, ao contrario, débese poñer en valor e empregalo para avanzar nunha axenda comprometida coa investigación, a mellora do posicionamento das nosas empresas  e sobre todo de intercambio para demostrar que Galicia China, efectivamente, é un binomio con forza.

Este artigo fai parte do Nós No Mundo 2019-2020 "A paradiplomacia galega na nova normalidade" Descarrégao aquí.