italia en eleccions

Gobernar Italia, misión imposible?

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Eleccións en Italia, clic para aumentar
Pola contra, as críticas e as debilidades da esquerda concentráronse no programa, na capacidade de Prodi para xestionar a Unión xa que se presentou como xefe da coalición sen partido propio, pero sen esquecer que o seu talón de Aquiles foron as propostas de política fiscal na que se tropezou e se rectificou repetidas veces dentro da propia coalición.
 

Ás cinco da tarde, as enquisas a pé de urna daban a vitoria á coalición de Romano Prodi cunha avantaxe de 5 puntos, pero Berlusconi que arengaba ós italianos e italianas a achegarse ás urnas nos días previos, conseguiu cunha alta participación que ás nove da noite a distancia nos recontos se reducise tan só a un punto. Cun 20% de indecisos, a mínima relaxación dos votantes de esquerdas e unha masiva afluencia de flutuantes de última hora, podía dar co previsto cambio de goberno no traste.

A coalición de centro esquerda, "A Unión" de Romano Prodi e a de centro dereita "Casa das Liberdades", batíanse por tanto nuns concorridos comicios á Cámara dos Deputados e ó Senado. Na cámara alta, a competición das dúas coalicións non podía ser máis fechada. O escenario, que fora o soñado nos salóns do Forza Italia, converteuse en realidade en virtude da nova lei electoral aprobada recentemente por Il Cavaliere e os seus aliados, co fin de empobrecela previsible vitoria do centro esquerda. E así as cousas, nestes intres a incerteza é tan grande que aínda non se sabe quen é o vencedor no Senado. Coa alta participación, como pretendía Berlusconi, 83,6% fronte ó 81,4% que votaron nas pasadas eleccións de 2001, o escenario dun posible empate técnico, coa esquerda sendo maioría na Cámara dos Deputados e a dereita controlando o Senado, faise realidade. Un panorama que bloquearía calquera goberno do país e probablemente sente as bases dunhas eleccións anticipadas.

Boa proba da conciencia que a reforma electoral podía exercer, son as verbas de Berlusconi cando afirmaba en televisión, onde por primeira vez admitiu a posibilidade da desfeita que: "síntome forte como un león e estou certo de gañar, pero se somos batidos, o que non creo, a derrota será tan feble que a esquerda terá que contar connosco no Parlamento". Na Casa das liberdades, a pesares de que as enquisas outorgaban un marxe de cinco puntos á coalición de centro esquerda, eran conscientes de que contaban con posibilidades de controlar o Senado e constituír unha barreira infranqueable para calquera iniciativa lexislativa.

Non obstante, un Silvio Berlusconi, moi nervioso nos últimos días de campaña ante a impotencia para achicala distancia que os separaba da coalición de esquerdas, decidira abertamente subir o ton das declaracións, concretamente dende o día 16 de marzo, xusto despois do cara a cara con Romano Prodi, facendo fincapé na estratexia do medo, e mesmo chegando a insultar ó electorado que apoiaba ó seu rival. Silvio, era consciente que a derrota da Casa das Liberdades, sería a súa derrota persoal case en exclusiva, pois os socios de coalición tenderon a desaparecer do escenario progresivamente conforme a rivalidade entre coalicións se foi acentuando e a tensión de fin de campaña se achegaba. Algúns membros da Casa das Liberdades, de corte máis centrista, mesmo semellaban preferir unha derrota que abra paso a un gran centro a raíz da deriva da coalición cara os socios da extrema dereita como Alternativa Social de Alessandra Mussolini.

Lanzando ataques desesperados para convencer a parte dos indecisos, na busca de socios de coalición de última hora, e seguindo unha estratexia de victimista, Berlusconi, primeiro atacou á patronal por ser segundo el, derrotista, e por ter perdido a fe no goberno que Berlusconi dirixía. Cousa relativamente fácil se se ten en conta a perda de competitividade, o crecemento 0, e a ruptura co cumprimento dos criterios de Maastricht. E máis tarde, atacou tamén á maxistratura á que acusa de manter unha permanente conxura, logo de sufrir unha boa restra de acusacións e de ter causas pendentes aínda coa xustiza.

Boa proba do victimismo esaxerado do que falamos é que nos últimos tempos, os medios de comunicación afíns a Berlusconi tiveron que facerlle fronte ás multas e demais medidas adoptadas para protexer o equilibrio do tempo de intervención e publicidade nos medios de comunicación.

Os argumentos da estratexia do medo, anunciaron o perigo que se abría sobre as obras das grandes infraestruturas, auguraron unha fuxida masiva de capitais, e prognosticaron consecuencias para a infancia italiana desencadeando un cómico affair diplomático con China, a causa das declaracións de Berlusconi sobre os supostos nenos cociñados polo ben da fertilidade agraria asiática. O xefe do estado, Carlo Azeglio Ciampi, tivo que intervir para facer unha chamada á moderación. Na súa fuxida cara adiante, Silvio Berlusconi, non recoñeceu nin amigos nin inimigos. Socios de coalición como Gianfranco Fini, número dous do goberno e dirixente de Alianza Nacional e sobre todo Pier Ferdinando Casini, o presidente da cámara de deputados e dirixente da Unión de Demócratas de Centro UDC, cos que leva un ano difícil de constante tira e afrouxa, criticaron abertamente as prestacións de Berlusconi nos cara a cara contra Prodi.

Pola contra, as críticas e as debilidades da esquerda concentráronse no programa, na capacidade de Prodi para xestionar a Unión xa que se presentou como xefe da coalición sen partido propio, pero sen esquecer que o seu talón de Aquiles foron as propostas de política fiscal na que se tropezou e se rectificou repetidas veces dentro da propia coalición.

E xa a poucos días de celebrarse as lexislativas, estando prohibidas as sondaxes durante as últimas 15 xornadas de campaña, Silvio Berlusconi e Romano Prodi, multiplicaron as súas saídas para tentar convencer á grande masa de indecisos, por veces consolidando as bases electorais. Silvio apelou ós católicos, e Prodi avogou polos que desexan o cambio.

Cos primeiros resultados na man, Prodi e a súa coalicion obteñen a vitoria na Cámara dos Deputados paradoxalmente beneficiados pola reforma do sistema electoral, ó obtela prima ó vencedor, conseguindo automaticamente desa maneira 340 das 630 cadeiras na cámara baixa, grazas á tímido marxe de 25 224 votos sobre a coalición da Casa das Liberdades, fronte à que ademais suma un escaño màis no Val de Aosta ò norte do país, chegando ós 341 elixidos. Silvio Berlusconi e os seus aliados, conseguiron 277 deputados. Os 12 deputados electos no estranxeiro completaràn a composición da cámara baixa.

Pero ningún dos dous grupos obtivo aínda maioría no Senado. A Unión de centro esquerda alcanza 154 das 315 prazas de senador e a coalición de Berlusconi 155, segundo o reconto oficial, provisorio. A diáspora, con seis senadores, decidirá entón quen gaña na cámara alta. A priori, a esquerda parece levar vantaxe nese reconto, pero se non fose desa maneira, o escenario seria caótico, cunha cámara dos deputados en mans da esquerda e a cámara alta en posesión da dereita, polo que previsiblemente todas as leis serían vetadas, e cabendo para iso tres solucións: unhas eleccións anticipadas en breve; un goberno formado con membros de ambas coalicións; ou ben un goberno de tecnócratas con Prodi e Berlusconi fóra de escena. O que parece pouco probable è que Il Cavaliere renuncie à súa prezada presenza.