Gorbachov regresa á actividade política

Coincidindo co 15 aniversario do seu nomeamento como Secretario Xeral do PCUS, o primeiro e derradeiro presidente da Unión Soviética regresa á actividade política á fronte do Partido Social-Democrático Unificado de Rusia (PSDUR) que celebrou o seu congreso constituínte o pasado fin de semana en Moscova.
Ao tempo, a campaña electoral para as presidenciais do próximo 26 é practicamente inexistente. O mesmo presidente en funcións e candidato con todas as posibilidades, Vladímir Putin, considera que a mellor campaña que pode facer e seguir coas súas tarefas de goberno.

A formación do novo partido, resultado da confluencia dunha ducia de pequenas formacións políticas de centro esquerda, viuse atrasada dende o pasado outubro ante a imposibilidade temporal de concorrer ás lexislativas de decembro. Á asemblea asistiron uns douscentos delegados que cubrían a representación de 70 das 87 repúblicas e rexións que conforman a Federación Rusa. Como é lóxico tampouco presentará candidato ás presidenciais do vindeiro día 26.

Gorbachov segue convencido das posibilidades dunha forza política situada no pensamento socialista e democrático que inspiraba as reformas que intentou impulsar dende a dirección do PCUS e da xefatura do Estado soviético ao longo da década dos oitenta e que remataron nun rotundo fracaso e na desaparición da URSS. Segue a defender que a Revolución de Outubro foi unha experiencia positiva para Rusia e o mundo e mesmo a denominación do novo partido pretende lembrar á do histórico POSDR.

A consolidación do proxecto do PDS alemán e as mutacións no panorama político ruso semellan tamén ter influído na decisión de impulsar esta nova organización partidaria. O mesmo Gorbachov defendera aos dirixente do vello SED da desaparecida RDA, durante os actos de celebración do décimo (9-10-99) aniversario da caída do muro de Berlín, que naqueles días estaban a ser xulgados e algúns deles encarcerados. Moitos son membros activos do PDS, quen ao longo do pasado ano acadou importantes apoios electorais nalgúns länd do Leste de Alemaña, mesmo superando ao gobernamental SPD e recollendo o descontento que entre moitos sectores da esquerda alemana está a producir o "novo centro" (denominación xermana da "terceira vía" británica) do chanceler Schröder.

A actual configuración da Duma rusa tendente a un bipartidismo Vredme-PCFR, facilitado aínda máis tras a desfeita da alianza Patria-Toda Rusia, pode demandar a aparición dun outro polo que non semella doado se poida configurar en torno ao Iabloko de Iavlinski afastado do pensamento socialista. As posibilidades da nova forza política van depender, posiblemente en exceso, da non moi positiva imaxe que Gorbachov segue a ter en Rusia.

Mentres a cita das presidenciais aproximase, seica con todo decidido. Putin non se inmuta. Convencido da súa victoria, nin campaña electoral fai. As mensaxes dos rivais (Ziugánov, Iavlinski e Xirinovski) dan a impresión da aceptar con resignación a súa permanencia no Kremlin.