Os chineses non se entenden entre si. O próximo sábado celébranse novas eleccións presidenciais en Taiwán e o medo a que o candidato independentista, Chen Shui-bian, resulte o máis votado, incomoda e preocupa en Beijing. Na capital chinesa, a obsesión pola unificación é tan grande como pola modernización do país. Despois de recuperar Hong Kong e Macao, Jiang Zemin, o Presidente chinés, soña con colocar a primeira pedra desa nova China que con todos os seus fragmentos unidos será o gran poder económico do século XXI. Pero en Taiwán, oficialmente aínda en guerra coa “China comunista”, non queren saber das presas da outra China.
En clave interna, as eleccións presidenciais poden acabar con cincuenta anos de dominio político absoluto do Kuomintang (KMT). O seu candidato, o agora vicepresidente Lien Chan, ocupa a terceira posición nuns sondeos que dan como favorito a James Soong, un antigo secretario xeral do Partido Nacionalista que optou por presentarse como independente cando a dirección do KMT designou a Lien como candidato.
Todos os postulantes prestan atención ó grave problema de que facer coa China. O independente Soong promove a firma dun tratado de paz que sería supervisado pola comunidade internacional durante os próximos trinta anos. Ao remate dese período e durante vinte anos máis estableceríanse relacións bilaterais similares ás existentes entre os socios da Unión Europea. O oficialista Lien Chan propón a creación dunha “zona de paz” entre as dúas beiras do Estreito de Formosa. Finalmente, Chen Sui-bian, o independentista, avoga polo establecemento de “lazos especiais entre dous Estados”. Unha declaración deste calibre, efectuada durante o pasado verán polo actual Presidente de Taiwán, Lee Teng-hui, a unha emisora alemana, viu a coincidir “casualmente” co anuncio chinés de que o Exército Popular de Liberación xa contaba coa tecnoloxía para a fabricación da bomba de neutróns. China non se cansa de afirmar de que a proclamación da independencia de Taiwán conducirá á guerra no sudeste Asiático. Segundo Lee Kwan-yew, expresidente de Singapur, esa guerra é a única causa con suficiente forza destructora como para quebrar as expectativas de convertir a Asia no centro da economía mundial.
Coa súa política intimidatoria, Beijing aspira a conter o ascenso independentista. Sen embargo, a insistencia nas ameazas pode producir o efecto contrario. En Taiwán medra o sentimento diferencial e as novas xeracións de taiwaneses dan as costas a China, a quen xa ven como outro país. Máis alá da distancia política que os separa, a condición insular exerce o seu influxo, pero a ausencia do máis elemental diálogo bilateral non axuda a comprender esas miudezas.