Gorbachov

Esa imaxe de Gorbachov, o expresidente soviético, anunciando unha cadea de pizzas, provoca múltiples reaccións encontradas e incita á reflexión. Para uns significará a total confirmación do Gorbachov que queren ver, o converso ó marketing do mercado, a asociación diabólica do "liquidador do socialismo" coa propaganda do capitalismo mais chabacano (¡ainda se anunciara un Viceroy!); para outros, quizais menos ideoloxizados, é unha imaxe simplemente patética que deixa á altura do betún o último simbolo do noutro tempo inmenso poder da URSS.

Resulta dificil imaxinar, nas súas condicións ou similares, a algún ex-presidente nalgún país civilizado ou minimamente normal, afrontando unha situación asi. Quen mais quen menos, quen desempeñou un cargo desa naturaleza, ben por inclinación propia ou por previsión institucional procura ou se lle garante a minima dignidade para o futuro. É unha cuestión de prestixio, de respecto, de autoestima do propio país. En boa lóxica, con máis razón na Rusia de hoxe que galopa á sombra do Fondo Monetario Internacional, se, como din algúns, Gorbachov foi o principal axente ó servicio do inimigo exterior encargado de dinamitar a URSS para entregala ó Occidente e á OTAN.

O drama de Gorbachov é que quedou totalmente só. Tanto recibimento masivo, tantos aplausos en tantos países do mundo, tantas conferencias millonarias en Universidades americanas, tantas vacacións en Mallorca, para, ó final, tan desesperado como desprovisto de egoismo, verse na obriga de deixar utilizar a súa imaxe co obxecto de recadar os fondos necesarios para asegurar a permanencia e actividades da Fundación que dirixe. Parece o colmo da falla de previsión. Non tivo a precaución de abrir unha conta en Suiza, nin cultivou proveitosas relacións con líderes políticos ou empresariais occidentais, nin tampouco debeu cobrar sustanciosas comisións ou subornos a cambio dos seus servicios. Soamente os mediocres pensan en todo, dicía Balzac. Simplemente aplicouse ó estudio e sistematización dun dos períodos máis decisivos da historia recente, consciente de que documentar eses días dificiles da URSS é dunha importancia capital para a memoria de Rusia e universal, para as próximas xeracións, evitando que se reduza a unha mera destilación do rumor.

Que en Rusia se lle de a espalda pode ser ata comprensible. Virounos contra unha realidade depauperada; tivo a valentía de desenganalos; personificou a incapacidade para unha mudanza positiva; concentrou, en definitiva, as iras de todos ainda que é menor a súa responsabilidade no entreguismo do país ás mafias e ós ogros universais. Mellor destino tiveron moitos dos seus excolaboradores que hoxe, plenamente reconvertidos, están instalados na alta política ou nos negocios, ben en Rusia, á sombra de Ieltsin, ou nalgúns dos novos Estados postsoviéticos.

Pero ¿como é posible tanta ingratitude de Occidente? Simplemente cunha cea poderían recaudar o millón de dólares pagado por Pizza Hut. Probablemente o que non se lle perdoa  é ese empeño exasperante na reconducción do socialismo. A Gorbachov tiveron que quitalo do medio porque insistía con igual forza tanto na denuncia nos desmáns do estalinismo como na necesidade de acadar un estado de dereito socialista, un sistema de economía mixta, unha nova síntese de democracia, xustiza e benestar. E a Occidente o que lle interesaba era aproveitar aquel momento de debilidade e confusión para destruir a URSS e o bloque soviético, e por iso nunca se decidiron a apoiar activa e seriamente ó "indeciso" Gorbachov. Necesitaban a Ieltsin, un alcohólico manipulable, sen proxecto nin ideas, un tipo patético conservado en vodka. Nas súas memorias, Gorbachov ironiza sobre a sensación de estar sometido a un permanente exame de credibilidade democrática por parte dos lideres occidentais, mentres que Ieltsin é presentado coma o principal valedor das liberdades en Rusia, ainda que  bombardee un ou practique un brutal xenocidio en Chechenia.

¿É correcta a decisión de Mijaíl Sergueievich? Son as circunstancias as que deciden o ben e o mal, dicía Maquiavelo. Vexo o spot como unha denuncia, como unha reivindicación chea de sentido fronte ó silenciamento, a ingratitude e o illacionismo. Quen siga as declaracións de Gorbachov nos últimos anos decatarase de que segue sendo coherente co seu pensamento, segue imaxinando un socialismo humanista e democrático, critica o neoliberalismo e evidencia as lagoas da hexemonía americana.  ¿Está fora do tempo ou o seu tempo aínda non chegou? Cómpre reivindicar a Gorbachov.