Fidel e Xoan Paulo II: Camiños insospeitados

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego

A decisión de Xoán Paulo II de viaxar ao paraíso do Caribe para achegarse a froita prohibida de Cuba e devolver así a visita de Fidel Castro Ruz ao Vaticano, en novembro do 96, esperta receos e e ilusións mutuas.

Dende a "Curia Romana", os resultados da aplicación das terapias de choque liberalizantes, nos países do Leste, son observados con certa preocupación, polo que, aínda sendo partidarios de procesos de apertura no réxime cubano, prefiren percorrer camiños de actuación ben diferentes dos seguidos logo da caído do muro de Berlín ou dos ferreamente marcados pola diplomacia norteamericana. Velaí a reiterada e vehemente condena vaticana do bloqueo económico a illa, mesmo levantando bochas no intransixente exilio anticastrista de Miami.

A estratexia de diálogo e reconciliación do Sumo Pontífice, coa que concordan tanto a igrexa interior cubana liderada polo presidente da Conferencia de Bispos Católicos e Arcepispo da Habana Xaime Ortega coma a moderada igrexa norteamericana, pode elevar a categoría de primeiro rango o papel a desempeñar polo catolicismo na previsibel apertura.

Hoxe nas diversas dióceses publícanse revistas, con éxito de tirada, ("Amanecer", "Palabra Nueva" ou "Vitral"), nas que se fai unha análise dos problemas cívicos e sociais da poboación ollados dende o prisma da fe católica. A Igrexa coas súas publicacións, a miúdo criticas e abertas a publicar manifestos dos descontentos, ten xa recibido a bendición da revista do Comité Central do PCC na que se pode ler "A relixión pode ser unha solución de recambio válida. A sociedade revolucionaria é unha obra colectiva na que as boas vontades teñen a posibilidade e o deber de expresarse".

A Igrexa cubana xa ten recollido os froitos do novo clima de desconfiado entendemento, e así para o reforzamento do exercicio pastoral da minoritaria presencia do catolicismo, teñen chegado, logo das negociacións preliminares da visita Papal, corenta cregos e relixiosos extranxeiros a unha illa, na que a confesión católica conta tan só con 12 bispos, uns 250 cregos e 750 relixiosos/as, e na que a Regla Ocha ou santería -un culto de orixe africana próxima cultura yoruba"- goza de boa saúde, as igrexas evanxélicas aseguran ter máis de 100.000 fieis, as ordes masónicas aglutinan uns 30.000 adeptos e gran parte da poboación posúe unha mistura heterodoxa de crenzas e devocións ou profesa conscientemente no ateísmo.

A visita do Papa venlle dar un espaldarazo, a unha igrexa interior que está recoller devotos nunha sociedade que padece a crise económica e contempla como o dólar subirte a pirámide dos valores saídos da revolución.

Fidel Castro agarda que a visita do Pontífice, serva para abrir un boquete no insensato bloqueo americano e para proxectar internacionalmente unha imaxe de diálogo, contraposta a intransixencia monolítica da política exterior americana. Por outra banda convén non situar enfronte a reducido sector, pero con crecente influencia social no interior, onde as forzas opositoras son exiguas e están descordenadas. Cecais por todo isto Fidel manifestase recentemente: "É unha honra recibir a visita do Papa, quen tivo a valentía de viaxar á illa".