20051027hampton court tony blair02

Ideas para Europa

 Tony Blair, clic para aumentar
A estratexia de Blair, exposta no cumio da pasada semana e despois de que moitos desen por desaparecida a presidencia británica, incide noutros dominios: política enerxética; máis orzamento para investigación, desenvolvemento e innovación; reforma do sistema universitario e creación de centros de excelencia para poder competir coas economías emerxentes de Asia; solucións ao problema demográfico e á inmigración. É dicir, non nos enredemos no que nos separa e potenciemos aquelas liñas de traballo que poden revitalizar a economía europea e a súa significación internacional.
 

Na véspera do cumio informal de Hampton Court, o presidente francés, Jacques Chirac facía un chamamento anti-liberal a través de vinteseis xornais europeos nos que viña a afirmar que "Francia nunca aceptaría ver a Europa reducida a unha simple zona de libre-cambio". Chirac, consciente da crise de confianza que vive o proceso europeo, formula a necesidade dun novo impulso que supere o actual impasse e permita ao continente seguir o ritmo dun mundo que acelera o seu paso. Chirac postula a reafirmación do modelo europeo de economía social de mercado, alianza de liberdade e solidariedade e a defensa do poder público como garante do interese xeral. A Europa política e social que defende París é unha idea "vella", diría Tony Blair, que promove o relanzamento sobre a base da construción doutro modelo, capaz de afrontar os desafíos da mundialización.

Sobre a mesa está o complicado debate arredor dos orzamentos para o 2007-2013 e as negociacións sobre o capitulo agrícola da OMC, pero as diferencias existentes en ambos temas son expresión dunha visión do proceso europeo que incorpora matices importantes. Quizais por iso, Chirac, recusando expresamente a idea dun directorio, postula a formación, non excluínte, de grupos de países con maior vontade e medios para impulsar a profundización política, do mesmo xeito que xa ven acontecendo co euro ou o espacio Schengen.

A estratexia de Blair, exposta no cumio da pasada semana e despois de que moitos desen por desaparecida a presidencia británica, incide noutros dominios: política enerxética; máis orzamento para investigación, desenvolvemento e innovación; reforma do sistema universitario e creación de centros de excelencia para poder competir coas economías emerxentes de Asia; solucións ao problema demográfico e á inmigración. É dicir, non nos enredemos no que nos separa e potenciemos aquelas liñas de traballo que poden revitalizar a economía europea e a súa significación internacional. Para os corredores quedaron os asuntos centrais que seguen a dividir aos socios comunitarios: o orzamento e as negociacións coa OMC, temas que serán obxecto de debate en decembro, nun cumio que se aventura certamente complexo.

Na treboada de ideas de Hampton Court, Blair, laborista, expresou a súa querencia por un modelo máis liberal, cristalizado, por exemplo, na longa disputa pola aprobación da Directiva de Servicios, que foi paralizada pola mobilización de amplos sectores sociais en varios países europeos. Neso quedou a terceira vía. O líder británico dixo apoiar a dimensión social de Europa, pero que debe servir para aumentar a competitividade. Un equilibrio ben difícil se ignora a solidariedade que mencionaba Chirac.

Así as cousas, é probable que en decembro haxa un acordo sobre o novo orzamento. Sería un respiro na difícil situación actual e probablemente contribuirá a calmar os ánimos. Outra leria é que ese acordo reflicta a existencia dunha maior sintonía a propósito do futuro do proceso europeo. Ese outro consenso tardará en chegar.