A carreira electoral para as lexislativas e presidenciais hai tempo que ten comezado. Os que pretenden competir nas primeiras, están tomando posición para acercarse ao punto de saída. O ruso é un sistema mixto. A metade dos 450 deputados da Duma é elixido por un método proporcional e necesitase superar a barreira do 5% para acadar representación. A elección da outra metade faise por circunscricións, e é maioritario. A constitución de bloques electorais faise necesaria para asegurar a representación na cámara parlamentaria. O primeiro candidato da coalición con maiores posibilidades, E. Primakov, prometeulle ao presidente a inmunidade cando abandone o poder. Ao mesmo tempo cada vez son máis fortes os rumores acerca dunha posible dimisión de Borís Ieltsin para mediados de setembro.
A primeira en postularse foi a coalición entre o partido do alcalde moscovita, "A Nosa Patria" (Otéchestvo) e a alianza de varios presidentes de repúblicas liderados polo de Tatarstán, Mintimer Xaimíliev. Despois a alianza dereitista da "Unión de Forzas da Dereita" dos "privatizadores" Gaidar e Chubáis. O exprimeiro ministro Stepashin busca acomodo en Iábloko. Quédanse atrás os grandes vencedores das pasadas eleccións, "Nosa Casa Rusia" de Chernomirdin, que non foi quen de evitar a derrota serbia en Kosovo, o "Partido Comunista" que aínda en solitario vai ter unha importante representación e o PDL do extravagante Xirinovski.
A alianza "A Nosa Patria- Toda Rusia" carecía dun líder sólido. Os dirixentes de "Toda Rusia" poden recadar un importante número de sufraxios nas súas repúblicas, territorios ou rexións pero nunca serían candidatos con posibilidades no conxunto da Federación, sabeo ben Xaimíliev o líder dos "virachaquetas" locais. O mesmo lle pasa a Luxkov, cun amplo apoio en Moscova, mais con escasa aceptación fora da capital. A situación repítese no caso do alcalde de San Petersburgo.
Fixéronlle varias ofertas ao exprimeiro ministro Primakov, quen se tomou un tempo e rematou por aceptar a proposta, suponse que despois de ter "atado diversas cuestións" nesta interesada coalición entre os dirixentes territoriais e os poderes económicos representados por Luxkov. Primakov é un zorro vello na política rusa, formado nos convulsos tempos da "perestroika". O que fora membro do Politburó do PCUS e asesor de Gorbachov é un dos escasos políticos con credibilidade entre a cidadanía rusa, consolidada ao evitar o caos despois da desvalorización do rublo e a grave crise financeira de hai agora un ano, ou cando ordenou dar volta ao avión que o levaba a Washington cando se soubo do ataque da OTAN a Iugoslavia e mesmo ao coller cun sorriso nos beizos o "ukasse" no que Ieltsin lle comunicaba o seu cese.
Como primeiro ministro prometeu loitar contra a corrupción e algo fixo. Lembremos que foi el quen cesou a Borís Berezovski como secretario executivo da CEI, o magnate mesmo se autoexiliou en París. Cando Primakov foi cesado, regresou de seguido ao "entorno" presidencial.
O alcalde moscovita desenvolve dende hai meses unha forte campaña contra a corrupción, non se sabe si por moralidade rexeneracionista ou por interese nas batallas económicas entre os grandes magnates. Cando se fala de "A Familia" sempre aparecen os negocios de Berezovski e compañía, mais detrás de Luxkov esta o non menos poderoso emporio de Vladímir Gusinski. As denuncias de corrupción tomaron unha dimensión excesiva ao falarse de lavado de diñeiro da mafia ou da desaparición de fondos do FMI.
Primakov, consciente de que sen axuda internacional non é posible evitar a creba da economía rusa, así como de que ao inimigo acurralado, moito máis se este e un Ieltsin forxado en miles de conspiracións, compre deixarlle unha saída, propuxo "acompañado por Luxkov – a inmunidade para o presidente para cando abandone o poder. O exprimeiro ministro, coma outros moitos, considera que o mellor que lle pode pasar a Rusia é que o período de Ieltsin remate canto antes e se esqueza máis axiña aínda. Non sabemos se o "entorno" presidencial considera suficiente esta garantía.
A posibilidade do abandono presidencial é un dos rumores máis estendidos, mesmo algúns analistas dana como segura. A mediados de setembro Ieltsin dimitiría para deixar paso a Vladímir Putin para que con todo o poder nas súas mans enfrontase as presidenciais do dous mil, cara as que parte como seguro perdedor. ¡Claro que Ieltsin tamén tiña perdidas as pasadas!.